top of page

UNHA NOVA ETAPA

SINOPSE DA PRIMEIRA GRAN ETAPA DE LÍTORE QUARTET (OUTUBRO 2019-XULLO 2022)


Fotografía de Inma del Valle



PRIMEIRO CAPÍTULO: TEMPADA 19/20


Os nosos camiños cruzáronse en outubro de 2019. Sira e Hugo xa cursaran o primeiro curso do grao superior de música no Conservatori Superior de lles Illes Balears, mentres que Miquel e Jaime chegaban dende a península para continuar os seus estudos en Mallorca. Antes mesmo de dar comezo a aquel curso 19/20, os catro pensabamos neste futuro proxecto con moitas ganas e ilusión, tras ser exposto polos nosos antigos mestres Rodrigo Vila, Beatriz Tirado e Tomás Alonso. De feito, foron eles quenes asignaron o papel que cada un de nós ten no cuarteto e nos deron o impulso que necesitabamos nos nosos comezos.


Por aquel entón, observabamos con admiración ao que foi o noso principal cuarteto de referencia durante esta etapa, Psaiko Quartet, integrado polos nosos compañeiros da aula de Mallorca Martín Castro, Juan Alonso, Borja Beneyto, Franco Sánchez e Martin Gorospe. Soñabamos con alcanzar o seu nivel e a súa intensa e frutífera actividade como agrupación camerística. Tal era a nosa motivación co proxecto, que o día 20 de novembro de 2019 ofrecemos o noso primeiro concerto, un mes e medio despois de dar a primeira nota xuntos. Estreámonos no Auditori do Conservatori Superior de lles Illes Balears coas obras Andante et Scherzo de Eugène Bozza, Canzoniere de Scarlatti de Sciarrino, os Tres Preludios de G. Gershwin e Tierra de Chañares de Schiavi. De feito, nin sequera nos dera tempo a atopar o nome ideal para o cuarteto, así que nos estreamos como Kastner Quartet, en honra ao primeiro compositor que escribiu para o noso instrumento.



Cartel do noso primeiro concerto


Entramos en 2020 xa como Lítore Quartet e decididos a ir a por novos retos. Fomos seleccionados para participar nas fases presenciais do concurso Tribuna SaxEnsemble, en Madrid, a principios do mes de marzo de 2020, vivindo así nosa primeira experiencia de viaxe e competición.



Lítore Quartet. Tribuna SaxEnsemble, Madrid, 5 de marzo de 2020. Fotografía de Rosa Alonso.


Tristemente, pouco despois a nosa inercia interrompeuse coa chegada da pandemia e o confinamento, e nos vimos na obriga de deixar de ensaiar. A pesar da situación, continuamos traballando sobre o repertorio con investigacións conxuntas que levabamos a cabo online, e empezamos a planificar a tempada 20/21: sen dúbida, un curso que marcaría un antes e un despois na nosa evolución como grupo.


Traballando telemáticamente o repertorio coa nosa profesora Beatriz Tirado



 


CAPÍTULO 2: TEMPADA 20/21


Aterramos en setembro de 2020 con moi poucos días para preparar o novo repertorio que debiamos tocar nos 3 concertos das próximas semanas. Nun acto de practicidad ou, quizais, de inconsciencia, decidimos irnos a vivir os 4 xuntos. A cuestión é que preparamos varias Cidades de Guillermo Lago, The Sobbing of the Phoenix de Aaron Siebert, Suix de Javier Girotto, os Tres Preludios de Gerswhin e Tierra de Chañares de Guillermo Schiavi a tempo para os concertos in extremis dese mes. Aquel último trimestre do ano 2020, aínda que precavido e enmascarado, serviunos para percorrer Mallorca levando ao público diferentes programas, adaptados á audiencia e aos espazos específicos de cada ocasión. Coñecemos igrexas marabillosas como a Igrexa de Santa María de Sineu, a Igrexa de Santa María a Maior de Inca, a Igrexa de Sant Llorenç de Selva ou a céntrica Igrexa de Sant Felip Neri, en Palma.














Algún dos nosos carteis de concerto de finais do ano 2020


Este empuxón post pandémico levounos a colaborar coa Fundació Miró e a bailarina Catalina Carrasco, a actuar na histórica sala de concertos de Can Balaguer e mesmo a ser escollidos como un dos 5 finalistas do concurso Art Jove.










Xunto a Catalina Carrasco na Fundació Miró Foto do noso concerto en Can Balaguer



Abrimos o ano 2021 traballando intensamente en novo repertorio para dar o mellor de nós nos concursos que nos esperaban os próximos meses. Alexander Glazunov, Hector Parra, Aaron Siebert e Gabriel Erkoreka convertéronse nos compositores cuxas obras nos farían chegar á semifinal do 14è Premi BBVA de Música de Cambra Montserrat Alavedra en marzo de 2021.



Participando no 14è Premi de Música de Cambra Montserrat Alavedra



Pouco despois, en maio de 2021, conseguimos o noso Primeiro Premio no Concurso de Música de Cámara de Juventudes Musicales de Ávila, nuns días que hoxe viven marcados no noso recordo. Foi alí onde, probablemente, descubrimos o repertorio que máis gozamos á hora de subir ao escenario, e fomos conscientes de que o inmenso traballo que supuxera traballar a obra Der blutige Schaffner de Robin Hoffmann merecera a pena. Tanto é así, que dúas semanas despois recibiamos outro Primeiro Premio no XXIV Pòdiums de Música de Cambra en Sant Joan de Vilatorrada (Cataluña).











Recordos da nosa participación nos concursos en Ávila e Sant Joan de Vilatorrada



O noso éxito nestes concursos, unido ao Terceiro Premio no concurso en liña King’s Peak International Music Competition, levou á maior web de difusión do saxofón en España, Sax Rules, a facerse eco do noso traballo concedéndonos unha entrevista.


Tras unha serie de concertos en Mallorca co noso programa Historia del Tango, reforzados coa axuda da nosa profesora Bea pola baixa de Hugo, despedímonos da illa ata dentro duns meses para levar a cabo nosa primeira xira por Galicia, con concertos nos municipios de Baiona e O Rosal. Alí presentamos un programa inédito, titulado Alén, co que narramos a través da nosa música a historia do exilio galego a América nos séculos XIX e XX. O COVID-19, máis dun ano despois de encerrarnos en casa, volveu obstaculizar as nosas metas, xa que Hugo resultou ser positivo a semana dos concertos e nos vimos obrigados a buscar un substituto. Tivemos a inmensa sorte de contar con Juan Alonso, o noso ex compañeiro de Mallorca e tenor de Psaiko Quartet, que volvía a casa tras o seu curso de estudos en Viena. Grazas á súa boa disposición e gran nivel, puidemos levar a cabo os concertos, algo polo que sempre lle estaremos inmensamente agradecidos.


Cartel da nosa xira por Galicia 2021. Fotografía de Inma del Valle


Aquela semana tamén tivemos a oportunidade de traballar Suite Breve da Paisaxe co seu compositor, Juan Durán, quen nos atendeu moi amablemente e nos fixo ver o importante e interesante que é traballar de primeira man cos compositores da música que interpretamos. Fixemos o mesmo con Aaron Siebert, aproveitando que estaba na súa casa familiar en Galicia, para traballar con el a súa obra The Sobbing of the Phoenix e empezar a planificar unha futura gravación…











Masterclass con Juan Durán Masterclass con Aaron Siebert



 


CAPÍTULO 3: TEMPADA 21/22


En xuño de 2021, o fisioterapeuta e director de escena Carles Expósito, tamén profesor no noso conservatorio, nos propuxo unha actividade experimental coa idea de traballar dinámicas de grupo e outras cuestións xunto a el. En outubro de 2021 demos comezo a este proxecto, que decidimos titular como Alén da Música, e cuxa evolución fomos reflectindo en diferentes artigos deste mesmo blog, aproveitando a inauguración da páxina web.


Nunha das nosas sesións de Alén da Música con Carles


Comezamos a preparar novo repertorio co punto de mira posto no Certamen Internacional de Jóvenes Intérpretes Pedro Bote, que se celebraría a finais de novembro de 2021. Os concertos en Sant Joan de Vilatorrada (Cataluña), Colonia de Sant Jordi (Mallorca) e Palma servíronnos para “rodar” as novas obras e retomar aquelas que xa tocaramos con anterioridade. Do 27 ao 29 de novembro viaxamos a Villafranca de los Barros, Extremadura, para vivir a que sería unha das mellores experiencias a nivel persoal e profesional da agrupación. O ambiente que se respiraba entre os participantes, o gran nivel, a proximidade do xurado, a amabilidade de todos os habitantes da vila, a excelente organización… todo no seu conxunto marabillounos e conformou o clima ideal para plantarnos nunha final protagonizada polo canto do Dúo Lilium e María del Mar Morán e os nosos catro saxofones. Alí conseguimos dous premios: o Segundo Premio e o Premio á mellor interpretación a unha obra de compositor español, grazas ao noso traballo sobre a obra Fragments Striés de Héctor Parra.



Gala de premiados do Certamen Internacional de Jóvenes Intérpretes Pedro Bote, Villafranca de los Barros, Estremadura


O outro gran obxectivo dos últimos meses de 2021 era o concurso Juventudes Musicales de España na modalidade de música de cámara, que aquel ano celebrábase en Madrid os días 4 e 5 de decembro. Alí conseguimos chegar á final e defender o noso papel con grandes sensacións, sentindo que todo o traballo dos últimos meses fora fielmente reflectido no auditorio do Real Conservatorio de Madrid. Compartimos aquela última fase con dous cuartetos de saxofones amigos, Synthese Quartet, quen se acabaría proclamando gañador do concurso; e Delia Quartet, os nosos compañeiros do Liceu de Barcelona. O feito de que 3 dos 4 finalistas fosen cuartetos de saxofones evidenciou o auxe que vive en España o saxofón e o enorme potencial da nosa formación instrumental.


Participando na final do concurso Juventudes Musicales de España, Real Conservatorio de Madrid. Fotografia de Harold Abellan


A gravación da obra The Sobbing of the Phoenix, que xurdira como idea o pasado verán, materializouse poucos días despois, o 18 de decembro, no estudo Sonoteque de Palma. Os días previos, realizamos un intenso traballo sobre a obra co seu compositor, o noso amigo Aaron Siebert, e o resultado deuse a coñecer o 11 de marzo de 2022.


Pica aquí para escoitarnos!


O programa Andante con Moto da Radio Nacional Clásica decidiu ofrecernos un espazo para presentar esta nova gravación o día 19 de marzo, concedéndonos unha entrevista na que se emitiu a nosa interpretación da obra.


Entrevista en Andante con Moto, 19/03/2022


En 2022 decidimos explorar un pouco máis no mundo da transcrición e traballamos co violoncellista Ágel Luís Quintana o Cuarteto de Haydn para cordas en Fa m Op. 20 nº5.


Masterclass con Ángel Luís Quintana no CSMIB


Os meses de febreiro, marzo e abril de 2022 estiveron cheos de concertos, e neles puidemos presentar o noso programa Les músiques del camí. Tocamos por primeira vez en Valencia, como parte do Festival Hostes celebrado no Teatre del Raval de Gandía.


Da nosa participación no Festival Hostes, Gandía, Valencia


Tras un concerto no clásico Teatre Sans de Palma o 17 de marzo, viaxamos de novo á nosa querida Villafranca de los Barros e, entre máis avións e asentos extras, regresamos días máis tarde a Cataluña, esta vez para ofrecer un concerto en Mataró.














Carteis algúns dos nosos concertos de comezos do ano 2022



Como resultado do Primeiro Premio conseguido o 1 de abril no Concurso de Música de Cámara del Conservatori Superior de lles Illes Balears, tivemos a ocasión de ofrecer un concerto dentro do Quart Cicle de Concerts de Professors del CSMIB, que sentimos como a nosa despedida como cuarteto do centro e supuxo un día especial para nós.


Recordos do noso último concerto no auditorio do CSMIB


O 16 de maio soubemos que foramos galardoados co premio Rookie Chamber Music, que nos daba a oportunidade de realizar unha nova entrevista con Luz Orihuela no programa da RNE Andante con Moto, na que ademais gravamos en directo a obra Andante et Scherzo de Eugène Bozza, e que se emitirá o próximo mes de setembro de 2022.


Tras un intenso final de curso no que Miquel, Sira e Hugo terminaron os seus estudos de grao superior, decidimos gravar en Ona Estudis a primeira obra que traballamos como cuarteto, o Andante et Scherzo de Eugène Bozza, que pronto publicaremos. Tamén aproveitamos para presentarnos ao concurso Art Jove na modalidade de música de cámara, onde logramos o Primeiro Premio na final do día 19 de xuño.


Tras recibir o Primeiro Premio no concurso Art Jove, celebrado no Claustre de Sant Domingo, Inca. Fotografía de Mónica González


En 2021 tentaramos ser escollidos para as fases presenciais do Concurso de Música de Cámara de Arnuero, en Cantabria, pero non tiveramos sorte. Con todo, este ano 2022, tivemos a oportunidade de defender a nosa música en territorio cántabro entre os días 8 e 10 de xullo. Alí atopámonos de novo cun xurado próximo e de gran profesionalidade, xunto a unha organización implicada por completo no concurso. Marabillados pola paisaxe de Cantabria e as praias de Arnuero, conseguimos chegar á final do concurso e alzarnos co Primeiro Premio. Sen dúbida, outra experiencia inesquecible para nós.


Imaxes da nosa participación no Concurso de Música de Cámara de Arnuero, Arnuero, Cantabria


Este premio levounos a aparecer de novo no programa Andante con Moto o día 16 de xullo, e mesmo a ser portada do Faro de Vigo días despois.


Do mesmo xeito que o ano anterior, viaxamos a Galicia para levar a cabo unha xira, esta vez por Santiago de Compostela, Ribadeo e O Pino e enmarcada dentro do Festival Peregrinos Musicais. Xa sen o COVID molestando e con todos nós gozando da experiencia, finalizamos esa semana entre atracones de comida e despedidas. Agora toca comezar unha nova etapa.












Inspirándonos antes dos concertos en Mondoñedo e en Vilanova de Cerveira (Portugal)


 

CAPÍTULO 4: UNHA NOVA ETAPA


Queremos aproveitar este resumo da nosa primeira gran etapa como cuarteto para dicir grazas a todas aquelas persoas que nos apoiaron durante este tempo. En especial, queremos agradecer o esforzo e a ilusión depositada en nós por parte de Beatriz Tirado e Xabier Casal, quenes foron os nosos profesores de cuarteto estes anos.


Lítore Quartet recibindo unha lección maxistral de Xabier Casal


Grazas tamén aos nosos compañeiros saxofonistas da aula de saxofón do CSMIB, que nos acompañaron neste camiño e dos que aprendemos moito. Grazas a Carles Expósito polos seus consellos e por contar connosco para levar a cabo os seus experimentos, que nos permitiron articular este proxecto para levar as agrupacións de música de cámara a outra dimensión. Grazas a todos os xurados e concursantes das competicións ás que asistimos, que tan bos consellos nos deron e que tanto nos serviron para traballar apuntando cara ao lado correcto. Grazas a todos os profesores que nos ofreceron a súa axuda en masterclasses e a todos aqueles amigos e profesionais que nos mostraron a súa opinión co obxectivo de botarnos unha man. Grazas a todas aquelas institucións, organizacións e entidades que promoven proxectos de músicos novos, xa que a súa actividade é esencial para o desenvolvemento cultural e artístico dun país. Esperamos ver, nos próximos anos, como van aumentando este tipo de iniciativas que impulsan a cultura máis nova para non deixar escapar o enorme talento da nosa canteira. Grazas ás nosas familias, en especial aos nosos pais, que foron o noso piar emocional e económico todos estes anos. Grazas a todos, en definitiva, os que vos cruzastes connosco e inspirastes un proxecto tan novo e ambicioso. Sodes parte de todo isto.



Xunto aos nosos compañeiros de aula e o noso querido director Henrie Adams



“E agora que?” -pregúntannos-. Hugo irá estudar un máster a Maastricht, Sira farao en Zúrich, Miquel en Helsinqui e Jaime quedará finalizando o grao superior en Mallorca. De vivir xuntos, a estar separados por centos, mesmo miles de quilómetros.


Tranquilo todo o mundo! Nunca choveu que non escampara.


Temos moitos proxectos en mente, concertos pechados no noso calendario e mesmo estreas de obras dedicadas a nós. As relacións a distancia son difíciles, pero poñeremos todo da nosa parte para que, cando nos xuntemos para preparar un proxecto, podamos render ao máximo e seguir así evolucionando como grupo. Somos conscientes de que a situación é complicada, os billetes de avión cada vez máis caros e sabemos que as responsabilidades persoais non se poden descoidar; pero tamén estamos dispostos a renunciar a certas cousas, a deixar de lado a nosa individualidade por amor ao grupo cando sexa necesario e a investir nun proxecto que nos deu tanto e que nos custou tantas pingas de suor (sobre todo a Miquel nos días de calor). Foron tres cursos difíciles, con cambios de profesores, pandemias e obstáculos que a idade adulta vai poñendo nos nosos camiños. Á fin e ao cabo, aguantamos vivindo xuntos durante dous cursos sen matarnos… pode haber un reto máis difícil? Quizais fose esa a clave da materialización do noso esforzo: o feito de que o lazo persoal haxa estado firme durante todo este tempo a pesar de todo. En fin, o tempo dirá que nos depara. A nós tócanos loitar para que o diga tocando o saxofón. O que está claro é que comeza unha nova etapa, nin peor nin mellor: simplemente diferente. O pasado xa é noso, e todo o que conseguimos non nolo quitará nada nin ninguén. Seguimos camiñando xuntos.


Fotografía de Inma del Valle

LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page