top of page

XUNTOS NA DISTANCIA V - RESIDENCIA ARTÍSTICA, XIRA POR CASTELA E LEÓN E PRIMEIRO CONCERTO NO ESTRANXEIRO!


O 11 de febreiro comezaba o encontro Lítore máis longo ata o momento. Esta vez o noso punto de encontro foi Madrid, desde onde puxemos rumbo a Cerezales del Condado, León, onde pasariamos os nosos primeiros días de encontro. Tras esta experiencia de seis días, tivemos a oportunidade de facer unha pequena xira de concertos na comunidade de Castela e León antes de viaxar a Maastricht, Países Baixos, para ofrecer o noso primeiro concerto internacional. Foron 2 semanas cheas de intensidade, nas que sucederon moitos detalles que quedarán para o recordo. Contámosvolo!





Na madrugada do luns 12 de febreiro chegamos a Cerezales del Condado, unha aldea do rural leonés que acolleu as nosas xornadas de traballo co compositor ucraíno Adrian Mokanu. Entre natureza, animais e unhas incribles instalacións, puxemos en marcha o noso novo programa O Sorriso das Tumbas e a obra de estrea Tras as Augas Leteas. Poder vivir de novo todos xuntos na mesma casa lembrounos á nosa etapa de estudantes en Palma, cando viviamos no marabilloso Piso Lítore, onde tantos momentos compartimos. 


Se queres coñecer os detalles do noso paso pola Fundación Cerezales, a residencia artística e a obra de Adrian Mokanu, aquí che deixamos as últimas entradas do blog:






A primeira etapa deste encontro terminou o sábado 16 de febreiro coa estrea do noso novo programa e a obra de Adrian rodeados das nosas familias, que viaxaron ata León para escoitarnos. Ao día seguinte, despedímonos de Cerezales del Condado tras visitar o seu incrible belén, e instalámonos na cidade de León. Alí descansamos e preparamos os nosos concertos da xira de Juventudes Musicales de España, que nos levaron ata a Sala Fundos en Veguellina de Órbigo (17 de febreiro), o Teatro El Albéitar en León (18 de febreiro) e o Conservatorio Cristóbal Halffter de Ponferrada (19 de febreiro). Durante esta segunda etapa do encontro, estivemos moi ben acompañados polos pais de Miquel, con quen compartimos a marabillosa gastronomía leonesa e paseos polos emblemáticos lugares da cidade, como a súa espectacular catedral.





A pesar de que o guindastre levou o noso coche en León e do madrugón para chegar a Madrid a tempo, o xoves 22 de febreiro volviamos de novo ao aeroporto de Madrid-Barajas para coller o noso voo a Bruxelas. Despois de sortear o overbooking, coller unha conexión de tren polos pelos e máis de 13 horas de viaxe en coche, avión e tren, por fin chegamos a Maastricht. Alí nos reecontramos co noso queridísimo mestre Xabier Casal, a quen tiñamos moitísimas ganas de volver ver. E é que ademais do noso concerto o sábado 24 de febreiro pola mañá, o venres 23 vivimos un intenso día de clases maxistrais no Conservatorio de Maastricht. Alí tivemos a oportunidade de traballar con Xavier Larsson, Eva van Grinsven e todos os membros de Fukio Quartet: unha absoluta referencia para nós, tanto a nivel musical como persoal. Moitísimas grazas polas vosas ideas, sodes toda unha inspiración. 





Tamén puidemos coñecer e escoitar aos compañeiros da aula de saxofón do conservatorio, a quen oxalá podamos ver de novo pronto. Grazas a Eva e a Jean-Pierre, os profesores do Conservatorio de Maastricht e de Hugo, por convidarnos e compartir connosco estes días. 





Este intenso encontro tivo o seu clímax final na Cellebroederskapel o sábado 24 de febreiro pola mañá, un lugar encantador no que nos despedimos ata o noso próximo reencontro en Zürich dentro dun mes e medio. Grazas a todos os asistentes e en especial aos organizadores, que nos trataron de forma inmellorable e fixeron posible a nosa estrea internacional. 





Tamén queremos dar as grazas a Isa, que acolleu á metade do cuarteto durante a nosa estancia en Maastricht, e que non nos podería ter tratado mellor. Grazas Isa, es a mellor!





Foron dúas semanas incribles que nos cargaron o ánimo e a ilusión para continuar con máis forza que nunca. Levámonos persoas, recordos e ideas que, seguro, darán os seus froitos no futuro. Ata pronto!



LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page