top of page

XUNTOS NA DISTANCIA VI: 3rd ZÜRICH SAX FEST!


O 10 de abril reuniámonos de novo en Zürich, Suíza, para mergullarnos durante uns días na intensidade do 3rd Zürich Sax Fest. No marco deste festival e como parte dos artistas invitados, ofrecemos un concerto protagonizado pola música de tres dos compositores españois do momento: Hèctor Parra, Salvador Brotons e Aaron Siebert. Ademais, puidemos compartir esta experiencia cos talentosos alumnos da ZHdK (Universidade das Artes de Zürich)  e mesmo recibir clases maxistrais de músicos da talla de Christian Wirth e Lars Mlekusch. 




O mércores 11 de abril pola mañá reunímonos en Toni-Areal, tras un bo madrugón desde Helsinqui e unha noite en bus desde Maastricht. Neste primeiro día de encontro, puidemos escoitar un fantástico concerto dalgúns dos alumnos da aula de saxofón interpretando repertorio de música de cámara conxuntamente con instrumentos de corda, escoitar as clases maxistrais de Javier Linares e, como non, empezar os nosos ensaios.  


Acompañados dun tempo estival, o segundo día de encontro comezou con máis ensaios e unha masterclass co saxofonista francés Christian Wirth, membro do reputado Quatuor Habanera. Con el, puidemos traballar o primeiro movemento Prelude da obra Le Tombeau de Couperin de Maurice Ravel. Todo un pracer. Grazas, Christian!




Pola tarde, tivemos a oportunidade de coñecer a Salim(a) Javaid, quen nos descubriu algunhas técnicas estendidas do saxofón completamente novas para nós e nos achegou á linguaxe do compositor Pierluuigi Billone nunha inspiradora clase grupal. Tras finalizar os ensaios do día, acudimos a un moi bo concerto na Johanneskirche, protagonizado por Christian Wirth, Javier Linares, Juan David Toro, Sebastián Tortosa e Harry White, este último acompañado polos seus alumnos do MKZ Musikschule Konservatorium Zürich (Conservatorio de Zürich). Bravo!


Dedicamos o sábado 14 de abril a ensaiar intensamente, tamén de forma conxunta co cuarteto Némesis. Con esta agrupación de músicos polacos, preparamos o primeiro movemento Prelude da Holberg Suite do compositor Edvard Grieg. Foi un pracer tocar convosco. Dziękuję!




Tamén tivemos a oportunidade de traballar a obra Fragments Striés de Hèctor Parra con Lars Mlekusch, quen nos deu moi boas ideas para levar un paso máis aló esta música que tanto tocamos.



O domingo pola mañá interpretamos as obras Resiliència, de Salvador Brotons; Fragments Striés, de Hèctor Parra; e The Sobbing of the Phoenix, de Aaron Siebert. Quixemos levar a este terceiro Zürich Sax Fest o noso interese polos compositores actuais, especialmente do noso ámbito nacional. Pechamos o concerto coa música de Grieg conxuntamente co Nemesis Quartet, en formación de octeto de saxofóns. Foi todo un privilexio tocar no marco deste festival e facelo ademais rodeados de tantos amigos e músicos aos que admiramos. Esperamos repetir pronto en Suíza!




O festival concluíu cun concerto de saxofón e electrónica que os alumnos do Zürich Saxophone Collective levaron a cabo e unha Pizza Party na marabillosa azotea da Universidade. O luns finalizamos o encontro e regresamos aos nosos destinos habituais, xa con moitas ganas do seguinte encontro Lítore. 


Queremos agradecer a invitación de Lars Mlekusch para formar parte deste gran festival que el e os seus incribles alumnos organizan. Foi inspirador poder vivir desde dentro a actividade da universidade e gozar da calidade e ilusión que posúe a súa aula de saxofón. Esperamos volver moi pronto. Tschüss!


LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page