Lítore Quartet no XX Festival Música no Claustro
Música no Claustro é un festival que se celebra cada ano durante os primeiros días de agosto na histórica cidade de Tui, Pontevedra. Este ano 2026 celebraron nin máis nin menos que a súa vixésima edición, marcada pola presenza do patrimonio musical do arquivo da catedral, o concepto de saúde, e o legado dos artistas que pasaron polo festival durante os 19 anos previos. Neste artigo contámosvos que fixemos por Tui, e que persoas nos acompañaron nesta bonita experiencia.

A nosa participación neste festival non sería posible sen a colaboración da Sociedade de Artistas Intérpretes e Executantes de España (AIE) e o seu programa AIEnRuta-Clásicos, do cal formamos parte neste ano 2026. Así que antes de empezar a contarvos como comezou o festival, queremos darlle as grazas a AIE e, en especial, a Marisa Casalengua, quen nos acompañou durante os nosos días en Tui como representante da institución.
Tivemos o pracer de intervir na rolda de prensa e presentación do festival, celebrada no adro da Catedral de Santa María de Tui o 27 de xullo. Interpretamos o estudo Pypes dos Fantasy Etudes de William Albright, que tivo unha boa acollida por parte dos asistentes e representantes institucionais que atenderon o evento. Pero non foi ata o día 2 de agosto que volvemos a Tui, despois da nosa experiencia en Kerkrade coa Agrupación Musical do Rosal. O festival ofreceunos un fantástico apartamento ao lado da catedral, no que puidemos aloxarnos durante tres noites.

O día 2 de agosto tivo lugar o noso concerto no Festival. Para a ocasión, preparamos un programa moi especial, dividido en dúas partes:
A primeira parte do programa consistiu nun diálogo entre o sacro e o profano. A parte espiritual foi protagonizada por arranxos de música vogal de Matías García Benayas (16.-1737) conservada no arquivo da Catedral de Santa María de Tui: o Sanctus e o Gloria da misa Defensor alme Hispaniae e o himno Salutis humanae Sator. Estas obras non se sucederon unha tras outra, senón que se intercalaron con outras inspiradas no son da gaita. Bagpipers das Transylvanian Dances de Béla Bartók, Pypes dos Fantasy Etudes de William Albright, e The Sobbing of the Phoenix de Aaron Siebert representaron o pobo, os costumes profanos e as conexións entre culturas.

A segunda parte do concerto foi moi especial, xa que estreamos a obra Lux Glaciei da compositora albaceteña Irene Cantos. Esta obra, descrita por Irene como un “motete microtonal”, foi sen dúbida tanto un reto como un descubrimento para nós. O día do concerto pola mañá, puidemos traballar con Irene na obra no claustro da catedral, que resultou ser un lugar idóneo para a súa música. Grazas Irene, por compoñer música con tanta beleza.

Ao día seguinte, asistimos ao obradoiro de coidado e reparación de instrumentos de vento impartido por Adrián Vilaboa, de VIMA instruments. Sen dúbida, foi unha formación moi interesante, da que aprendemos un pouco máis sobre como ter o noso instrumento nas mellores condicións. Grazas, Adrián!

Durante moitos anos, asistimos como público a este festival. Cumprimos un obxectivo que levaba moito tempo marcado na nosa axenda, e sentímonos moi agradecidos. É unha enorme sorte contar cun festival destas características en Tui, e non sería posible sen o inmenso traballo que tantos anos levan facendo Samuel Diz, Beatriz Fontán, e todo o seu equipo. É realmente admirable non soamente a calidade da súa programación e a súa constancia a pesar do paso dos anos, senón tamén que manteñan uns valores sólidos na organización do festival. Non nos referimos soamente ao inmellorable trato que nos proporcionaron como artistas, senón ao seu constante apoio aos músicos locais, o respecto polo patrimonio musical, e a procura dunha mensaxe que chegue ao público a través a arte. Parabéns e grazas.





Comments