WMC KERKRADE 2026
Non cabe dúbida de que as bandas de música son un piar esencial do patrimonio cultural musical en España. A Comunidade Valenciana e Galicia son os territorios nos que máis bandas de música populares existen; agrupacións que non só enchen de música os eventos sociais, senón que son, en moitos casos, o motor cultural máis importante do municipio. A Agrupación Musical do Rosal é unha das mellores e máis numerosas bandas de música de Galicia, e o pasado 1 de agosto decidiron demostrar que tamén son unha das mellores bandas de música de todo o mundo. Nós tivemos a sorte de participar na súa gran fazaña, e neste artigo contarémosvos todos os detalles desta experiencia.

A Agrupación Musical do Rosal é a banda na que Hugo medrou e aprendeu música. Jaime tamén se uniu hai uns cantos anos, ilusionado polo nivel da banda e polo liderado dun dos seus primeiros profesores de música: Javier Alonso (Chao). As xiras estivais anuais de Lítore Quartet por Galicia fóronnos achegando cada vez máis ao Rosal, onde actuamos por primeira vez no ano 2021. A idea de colaborar coa Agrupación Musical do Rosal foise definindo cada vez máis, ata que decidiron presentarse ao mundial de bandas: o World Music Competition de Kerkrade. O repertorio do concurso esixía unha obra para banda de música e solista, e nós acabamos sendo ese solista, interpretando o terceiro movemento do Concierto para Cuarteto de Saxofones y Banda, de David Maslanka.

Aínda que a AMDoR levaba preparando as obras durante moitos meses, nós incorporámonos aos ensaios o día 22 de xullo, tras a nosa intensa xira Selkie. Antes da participación no concurso, teriamos un concerto preparatorio o día 26 de xullo no Rosal. O repertorio, ademais da nosa obra como solistas, incluía a obra Wine-Dark Sea, de John Mackey, e El Jardín de Hera, de José Suñer Oriola. Durante estas pezas, incorporámonos á banda como parte dos seus integrantes.

Grazas a un esforzo inmenso de toda a agrupación e do pobo do Rosal para conseguir o financiamento necesario, o día 29 de xullo voabamos cara a Colonia, Alemaña. Alí ensaiou e conviviu todo o grupo ata o día do concurso. Os días vivíronse con moita emoción non só en Colonia e Kerkrade, senón tamén no Rosal. Alí, o Concello do Rosal instalou unha pantalla xigante na Praza do Calvario para ver a banda en directo o día do concurso. Grazas polo voso apoio, O Rosal!

O terceiro movemento do concerto de David Maslanka é virtuoso e cun tempo rápido. A banda fixo un gran traballo, e resultounos moi doado tocar con eles e afrontar os pequenos desaxustes que houbo nos primeiros ensaios. Queda pendente tocar o concerto enteiro, cos seus tres movementos, algo que oxalá poidamos facer moi pronto.

A experiencia foi positiva non só no musical, onde acadamos un nivel moi alto, senón tamén no persoal. A ilusión e as ganas que se respiraban entre ensaio e ensaio: foi algo único. O resultado amosou todo o traballo realizado, cunha puntuación de 95 puntos sobre 100, e un máis que merecido cuarto posto na Concert Division, máxima categoría do certame.

E, por suposto, non nos libramos das viaxes nin dos autobuses. Pero todo é cuestión de ter boa compañía!


Sen dúbida, esta experiencia xa é un punto destacado tanto da historia de Lítore Quartet como da Agrupación Musical do Rosal. Para nós, foi a primeira vez tocando cunha banda sinfónica como solistas, e para a AMDoR, a primeira vez participando no World Music Competition. Grazas e parabéns, Agrupación Musical do Rosal. Como vós sempre dicides: O tempo pasa, pero a música queda no pobo.

