Entrevista a Laura Moise
Laura Moise foi, durante moitos anos, a profesora de teatro de Sira. Cando vimos a necesidade de traballar cunha directora de escena para mellorar o noso proxecto Selkie, Sira non tivo ningunha dúbida: hai que chamar a Laura!
Laura é actriz e profesora de teatro, licenciada en arte dramática pola Universidade de Bucarest. Tras unha carreira internacional como actriz no Teatro Hebreo do Estado en Bucarest e numerosas formacións en Europa e nos Estados Unidos, actualmente reside en Gandía, onde dirixe a escola de teatro Act&Play. Nesta entrevista, ademais de coñecer a Laura, afondaremos na historia detrás de Selkie e exploraremos a súa parte escénica.

1. Cóntanos, Laura, como descubríches o teatro? Por que decidiches dedicar a túa vida a esta arte?
O teatro apoderouse de min aos 3 anos; non sei vivir doutra maneira.
2. O teu traballo principal hoxe en día céntrase na Escola de Teatro Act and Play, que ti mesma fundaches no ano 2005. Que te levou a fundar a escola? Cales son os teus obxectivos principais?
O desexo de poder gozar dun teatro creado desde a verdade máis profunda. O plan era realizar un traballo de anos que puidese cambiar a forma de actuar e de ver o teatro de varias xeracións. O teatro é arte e é cultura; Act&Play permíteme embelecer a vida de moita xente.
3. Aínda que Sira xa te coñecía moito, o resto de nós en Lítore tamén nos decatamos do moito que traballas, da túa enorme profesionalidade e da túa paixón polo teatro. Que é o que máis che gusta do teu traballo?
Ser testemuña da xenerosidade infinita dos actores e actrices ao mostrar o máis íntimo, profundo e humano a persoas descoñecidas.
4. Coñeces a Sira desde hai moitos anos, e con ela preparaches numerosos espectáculos de teatro. Como era a Sira que coñeciches? Cambiou moito desde entón?
Ao traballar con milleiros de nenos e nenas que despois se converten en mozos, hai material suficiente para sacar conclusións. A experiencia móstranos que os trazos da personalidade, a esencia, permanecen aí desde o principio. Sira, con 5 anos, tiña a mesma esencia que ten agora: traballa con moita seriedade e implicación; o “non” non existe para ela. Lánzase a facer todo o que se lle pide porque confía plenamente na persoa que a guía. É o que se chama unha artista profesional.
5. Selkie é un formato innovador definido como conto escénico polo seu compositor, Brais González. Que retos supón Selkie a nivel escénico e dramático?
O traballo de Brais González é impecable. Hai moita paixón e creatividade na súa música; completa de maneira sorprendente, con cadros visuais, a forma en que conta a historia. Sempre me apoiei na música para crear atmosfera e completar unha escena. O meu reto era conectar coa emoción primordial, con esa vivencia do compositor ao crear a música.
A dificultade de Selkie é conseguir un movemento escénico dinámico e suxerir a atmosfera de cada momento. Ao mesmo tempo, o protagonismo debe pertencer ao instrumento, á música.
6. Para moitos espectadores, Selkie será un formato de espectáculo que nunca experimentaron. Que é o que fai especial Selkie? Por que debería a xente ir velo?
Selkie é pura poesía, un berro en defensa da liberdade. Ao ser un conto mitolóxico, ancoranos no profundamente humano, que é o que necesitamos agora mesmo. É unha marabillosa oportunidade de gozar da esencia da arte grazas a catro saxofonistas de primeira, valentes e con moita forza.
7. A historia agocha moitas emocións. Para ti, que ensinanza ou moraleja hai detrás de Selkie? Cal é a alma desta historia?
A liberdade e o amor son temas universais, representados na escena en infinidade de versións; Selkie fala sobre o poder de sobrevivir grazas aos soños. Conquistar a liberdade convértese nunha necesidade vital.
8. Para nós, foi unha enorme descuberta traballar contigo e coñecer máis sobre a interpretación dramática. Como é traballar con Lítore Quartet?
Un pracer enorme. Lítore Quartet desprende frescura, dispoñibilidade e moitas habilidades que fan que o traballo sexa moi doado. Que se lancen ao baleiro con valor e plena confianza é un agasallo.
9. Como definirías Lítore Quartet en tres palabras?
Actuais, artistas, auténticos.
10. É evidente que aínda che queda moitísimo por ofrecer e experimentar no mundo do teatro. Cales son os teus proxectos futuros? Que soños che quedan por cumprir?
Estou afeita a vivir no momento, sen planificar a longo prazo, pero si teño un desexo que guía a miña vida artística: crear con decencia, con honestidade, pensando no público como un ente intelixente, esixente e crítico. Como xa dixen, a miña vida só ten sentido vivindo plenamente o teatro.
A curto prazo, o que máis me gustaría é que a experiencia Selkie sexa para o público unha viaxe marabillosa e, no persoal, seguir formando actores e actrices das xeracións futuras coa mesma forza incansable e imaxinación.
Descubre máis sobre Laura Moise e o seu proxecto en Escuela de Teatro Act and Play
