Selkie Tour
Entre o 7 e o 21 de xullo estivemos inmersos no universo de Selkie. Aínda que encargamos e estreamos esta obra de Brais González no ano 2024, estivemos traballando desde entón para levar a obra a un novo nivel escenográfico. Neste artigo contámosvos tódolos detalles deste Tour Selkie 2026, como cambiou a obra, e as novidades que virán no futuro.

Un proxecto escenográfico sempre require numerosos investimentos, tanto de recursos económicos e materiais como de tempo e esforzo. A nova versión de Selkie non sería posible sen a axuda da European Union Youth Orchestra, que recoñeceu o noso proxecto co premio EUYO Café Bauhaus Award 2026. Da man desta importante institución, non soamente puidemos levar a obra a catro cidades diferentes, senón aprender da man de dous profesionais excepcionais, como o son Brais González e Laura Moise.

Foi precisamente con Brais e con Laura con quen compartimos os primeiros días do encontro. Do 7 ao 15 de xullo, compartimos longas xornadas de traballo na escola de teatro Act&Play. O primeiro día dedicámolo a gravar de novo as narracións en off da obra.


Os días sucedéronse entre a calor abafante do verán en Gandía e os ensaios, tanto musicais como de interpretación teatral. Unha das novidades desta reestrea foi o novo vestiario, deseñado por Eva Mula e Pau Fernández, quenes fixeron un excelente traballo que causou moi boas críticas no noso público.


A primeira actuación tería lugar no Teatre do Raval de Gandía, onde ademais realizamos unha gravación profesional do espectáculo. Xa con todo case a punto, o día da reestrea achegábase!

E por suposto, entre ensaio e ensaio, algunha que outra paella caeu! Moitas grazas Sira nai pola acollida, o cariño e o apoio durante os días de encontro.

A tarde do 16 de xullo o Teatre do Raval encheuse ao completo para presenciar Selkie. A nova versión emocionou e sorprendeu ao público. Foi moi gratificante para nós ver que, tras todo o esforzo e o cariño posto ao proxecto, a xente saía da sala con reflexións na cabeza.

Como se pode ver nas imaxes, outra das novidades desta nova versión son as proxeccións, deseñadas por Laia Pellicer. Ademais, o día de gravación e estrea en Gandía, contamos con Ana Belén Sánchez Valenzuela en salón de peiteado. Grazas ao Teatre do Raval por acoller a nosa proposta, e en especial a Ximet Gonga, técnico do teatro.

A función en Gandía fora todo un éxito, e o circuíto soamente acababa de comezar. O sábado 18 despediámonos do bochorno en Valencia para chegar a Ribadeo, lugar do segundo concerto da xira. Alí, non soamente atopariámonos ante a incerteza sobre as posibilidades escénicas do Auditorio Hernán Naval, senón que tamén nos xurdiu un contratempo imprevisible: España chegara á final do mundial de fútbol, e o partido practicamente coincidía coa nosa función. Lonxe de quedarnos cos brazos cruzados, tomamos dúas medidas:
A primeira, adiantar o concerto ás 19.00.

A segunda, dedicar parte da nosa mañá para tocar nas rúas de Ribadeo repartindo flyers, para atraer a posibles espectadores.

A función en Ribadeo tivo unha boa acollida, e démonos por satisfeitos co nivel de asistencia do público. Ademais, algunhas caras coñecidas viñeron á actuación, e puidemos liquidar tódolos contratempos técnicos con éxito. Por certo, isto non podería ser posible sen todo o equipo de luces, son e cablaxe que Brais achegou ao proxecto. Non poderiamos ter un mellor técnico e compañeiro de circuíto.

O luns día 20 de xullo xa estabamos en Cambados para a terceira función do circuíto. Alí presentáronsenos novos retos debido ás condicións do Auditorio dá Xuventude, pero tras unha carreira contrarreloxo, a actuación desenvolveuse sen ningún problema. Ademais, numerosos familiares acompañáronnos ese día, a quen agradecemos o seu incondicional apoio e cariño.

O día da última actuación de Selkie xa chegara. Valladares acolleunos no seu Centro Cultural e Veciñal coa axuda do noso mestre e amigo Tomás Alonso. Foi realmente especial poder despedir esta xira nun lugar como Valladares, ao que temos un especial cariño como profesores invitados do Vigo Sax Forum, e rodeados de moitas caras coñecidas.
O Tour Selkie 2026 chegara ao seu fin! Pero non vos preocupedes: Selkie volverá a próxima tempada, e nos próximos meses publicaremos vídeos e imaxes inéditas sobre o proxecto. Ata pronto!

