top of page

ALÉN DA MÚSICA (V)

QUINTA SESIÓN

17/02/2022



Os instrumentistas de vento, ao igual que os cantantes, non podemos ver as zonas do noso corpo das que nace o son. Un violonchelista pode observar como o arco que manexa frega as cordas e as fai vibrar; un percusionista tamén pode ver como a baqueta impacta no timbal e fai vibrar o seu parche. Nós, os saxofonistas, non podemos ver o movemento do noso diafragma, o comportamento do noso tracto vocal, nin o tipo de contacto que ten a nosa lingua coa boquilla e a caña. Esta circunstancia non nos deixa outra opción que a de desenvolver un tercer ollo: a consciencia corporal.


Durante o proceso educativo dos instrumentistas de vento, como é evidente, adóitase poñer moita atención á acción de respirar, pero: que ocorre co tracto vocal? A cantidade, velocidade e presión do aire son esenciais para dominar o noso instrumento, pero precisan dun espazo no que desenvolverse. Neste punto entran en acción as cavidades orais e nasais, a farinxe e a larinxe, que no seu conxunto forman o tracto vocal. Parámetros como o emprazamento, a posición do ceo da boca ou a articulación que conseguimos coa lingua, son responsabilidade desta parte do noso corpo, á que decidimos poñerlle atención nesta sesión.


Para comezar descubrindo os límites da nosa cavidade bucal, Carles propúxonos un exercicio para o que precisamos un globo longo con auga conxelada. O contraste térmico facía posible sentir o seu contacto nas diferentes partes da nosa boca, a profundidade á que se atopa a parede posterior da farinxe ou a posición da lingua. Para o seguinte exercicio inchamos outro globo longo cun pouco de auga, intentando conseguir unha forma ovalada co tamaño correcto para meter na boca, como podedes ver na seguinte imaxe.




Falamos e cantamos co globo na boca para tomar consciencia do espazo das nosas cavidades, algo no que normalmente non poñemos moita atención á hora de tocar. Tras estes exercicios conseguimos tomar un pouco máis de consciencia sobre o espazo interno da parte máis exterior do tracto vocal. Xunto a estas actividades, engadimos a visualización para imaxinar a sensación de tocar o noso instrumento unida a estas novas sensacións.



Traballar sen instrumento pode ser moito máis efectivo se o noso obxectivo consiste en mellorar a autopercepción corporal, xa que deste modo eliminamos os múltiples estímulos que temos á hora de tocar e nos centramos directamente nun único obxectivo.



LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page