top of page

A NOSA EXPERIENCIA NO CONCURSO INTERNACIONAL DE MÚSICA DE CÁMARA DE ARNUERO

CONCURSO INTERNACIONAL DE MÚSICA DE CÁMARA DE ARNUERO - ARNUERO, CANTABRIA, 8-10 DE XULLO DE 2022



Tras unhas cantas semanas de intensos ensaios e despedidas marcadas pola nostalxia, acabamos dentro dun avión con destino a Santander o xoves 7 de xullo ao mediodía. O noso obxectivo: dar o mellor de nós no Concurso Internacional de Música de Cámara de Arnuero, que este ano celebraba a súa XIX edición.


A cousa pintaba ben, mesmo antes de chegar ao noso destino. Este era o primeiro concurso de todos aos que asistiramos que custeaba integramente o noso aloxamento e pagaba gran parte dos desprazamentos. É máis, desde o mesmo día que chegamos ata o noso camiño ao aeroporto para coller o voo de volta, contamos cunha taxista encargada dos nosos desprazamentos. Moitas grazas por todo, Inma!




Asignáronnos un estupendo aloxamento na pensión El Marinero de la Isla, na localidade de Isla, onde puidemos gozar dunha enorme e estupenda praia que, sen dúbida, nos axudou na preparación e o descanso mental previos ao concurso.






Este concurso tamén é especial por outro motivo, e é que antes da nosa participación na semifinal o día 9, o venres 8 de xullo puidemos gozar da actuación dos membros do xurado Alejandro Saiz (violín) e Enrique Lapaz (piano) na Igrexa da Asunción de Arnuero. Ademais, na primeira parte do programa, presenciamos a estrea de dúas obras, tamén doutros dous membros do xurado: Plenitud, de Mario Carro e Lucifer del azul: el mar, de Mauricio Sotelo. Entre o público atopamos o sorriso de Luz Orihuela, presentadora do programa Andante con moto da Radio Nacional Clásica, completando así o grupo de 5 grandes profesionais que avaliarían as nosas actuacións os próximos días.


Esta edición estivo marcada pola escaseza de participantes, xa que anos atrás os grupos desta semifinal ascendían a máis do dobre. Con todo, a organización do concurso e o propio xurado resaltaron a calidade dos grupos participantes. A primeira fase presencial celebrouse o sábado día 9 de xullo ás 16:00 da tarde no centro Salvador Hedilla na localidade de Castillo. Na semifinal, os 3 participantes desta edición debiamos interpretar un único movemento das 3 obras que presentaramos ao concurso. No noso caso, interpretamos Estudo IV: Phantom Galop dos Fantasy Etudes de William Albright, o segundo movemento Andante do Cuarteto para saxofones de Alfred Desenclos e o Scherzo da obra Andante et Scherzo de Eugène Bozza.











Imaxes da nosa actuación na semifinal


Tras as actuacións do Trío Vínculos (violín, piano e acordeón), o cuarteto de corda Cuarteto Iberia e nós, Lítore Quartet, o xurado decidiu que os tres grupos participariamos na final do domingo día 10 na pintoresca Casa de las Mareas en Soano. Tocaríanos interpretar o Cuarteto para saxofóns de Alfred Desenclos, unha obra piar do noso repertorio á que temos moito agarimo. Os nosos compañeiros do Trío Vínculos interpretarían Estaciones Porteñas de Ástor Piazzolla e o Cuarteto Iberia o Cuarteto de cordas No. 6 Op. 80 de Felix Mendelssohn.


Ás 18:00 a Casa de las Mareas de Soano asolagouse de público, que gozou do evento rodeado dunha paisaxe única e, sobre todo, da música. Tras as actuacións e unha longa deliberación, coñecemos o veredicto do xurado, con final feliz para todas as agrupacións. Os nosos compañeiros do Trío Vínculos levaron o Premio ao grupo cántabro máis destacado e o Premio Ricardo Hortañón pola intepretación máis destacada dunha obra posterior a 1945. O Cuarteto Iberia conseguiu o Segundo Premio e, ademais, a súa violinista Marta Peño Arcenillas, fíxose co Premio Jesús de Monasterio á violinista máis destacada. Foi unha alegría e unha honra para nós, ante tan bos rivais e un xurado tan profesional, alzarnos co Primeiro Premio neste concurso, que nos permitirá ademais actuar dentro do ciclo Creando futuros do Centro Botín de Santander proximamente. Parabéns a todos os participantes polo seu gran nivel e por acompañarnos nesta experiencia!



Pica na imaxe!


Grazas a todos os membros do xurado: Mauricio, Luz, Alejandro, Mario e Enrique, pola vosa profesionalidade e os consellos que tras a final compartistes connosco, mostrándonos o voso lado humano, un aspecto que outros moitos xurados, curiosamente, adoitan esconder.


Queremos agradecer a toda a organización do concurso a súa extraordinaria atención. Non é habitual que exista un trato tan próximo e atento, as 24 horas do día, nun concurso deste tipo, e estamos moi agradecidos por iso. Moitas grazas a Marco por facilitarnos o acceso aos lugares de ensaio, a túa alegría e simpatía desde o primeiro momento e a túa constante atención. Grazas especialmente a Antonio, a persoa que fai posible todo este concurso e se preocupa por melloralo cada ano, sempre cun trato amable e xeneroso cara aos grupos participantes. Dende aquí queremos poñer en valor estas persoas, que dedican moitas horas a proxectos culturais que apoian ao colectivo xove con ilusión e gañas ás que normalmente non se valora como merecen.


Este foi o cúlmen da primeira etapa de Lítore Quartet, un proxecto que comezou con moitas ganas e ilusión en outubro de 2019 e que pretende evolucionar no futuro para seguir apostando pola formación de cuarteto de saxofones e difundindo o seu repertorio. Aínda así, por encima destes obxectivos profesionais, vive un sentir común e un produto humano, que tivo que facer fronte a moitos obstáculos para conseguir recoñecementos como este. Detrás dun premio hai infinidade de horas de ensaio, tempo de xestión e altibaixos persoais. Hoxe tócanos saborear os froitos que tanto suor nos custou sementar e facer crecer.





Pica na imaxe para escoitarnos en Radio Clásica!






LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page