XUNTOS NA DISTANCIA XII
- litorequartet
- 3 days ago
- 2 min read
O pasado 24 de abril aterrábamos en Valencia para comezar un curto pero intenso encontro de ensaios. Xunto coa directora de escena Laura Moise, traballamos na nova versión do conto escénico Selkie de Brais González. Neste artigo do blog contámosvos todas as novidades!

O mes de xullo estará cheo de actividades, ensaios e actuacións. Un destes proxectos será a estrea da nova versión escénica de Selkie, unha obra de Brais González que encargamos e estrearamos no ano 2024. Este proxecto foi respaldado polo premio Cafe Bauhaus Award 2026 da European Union Youth Orchestra, que nos permitirá desenvolver o concepto de Selkie e melloralo substancialmente.

O mesmo día da nosa chegada a Gandía, sede de Lítore nesta ocasión, comezaron os ensaios. Laura Moise acolleunos na súa escola de teatro Act and Play, que se converteu no noso laboratorio artístico. Dende o primeiro momento, guiados por Laura, comezamos a cambiar o movemento escénico da obra. Co máximo respecto pola música e o libreto orixinais, tamén traballamos a interpretación dos textos.
Tamén aproveitamos o noso tempo en Gandía para ensaiar parte do repertorio que interpretaremos no verán, como o novo arranxo de Vicent Orón das Danzas Transilvanas de Béla Bartók, ou o Concerto para Cuarteto de Saxofóns de David Maslanka. O domingo 26 coñecemos o auditorio de Alfauir, municipio que acollerá o espectáculo o 15 de xullo. E, como non, tamén gozamos dos deliciosos pratos da nai de Sira, que nos coidou con todo o agarimo estes días. Moitas grazas, Sira!

O luns 27 de abril volvemos ás nosas respectivas casas cunha idea clara do novo Selkie e con moitas ganas de seguir traballando nos detalles finais. Novo vestiario, efectos escénicos orixinais e unha interpretación moito máis viva marcarán o novo concepto da obra. Vémonos en xullo!




Comments