LÍTORE QUARTET NA RADIO CLÁSICA
O pasado domingo, 8 de novembro, o programa Andante con Moto de Radio Clásica dedicounos un programa completo. Nesta ocasión, non só fomos entrevistados por Luz Orihuela, senón que tamén tivemos a oportunidade de gravar catro obras que se emitiron en exclusiva no programa. Neste artigo do blog contamos como foi esta experiencia.

O pasado mércores, 4 de novembro, fomos aos estudos de Radio Nacional de España (RNE) en Barcelona. Os días anteriores pasaramos entre Molins de Rei, o noso punto de encontro en Cataluña, e a Selva del Camp, onde ofrecimos un concerto enmarcado na xira AIEnRuta-Clásicos.
Antes de realizar a entrevista, gravamos catro obras que se emitiron en exclusiva no programa: Andante et Scherzo, de Eugène Bozza; The Sobbing of the Phoenix, de Aaron Siebert; Fragments Striés, de Hèctor Parra, e o estudo número 2, «Pypes», dos Fantasy Etudes de William Albright. Ademais, durante o programa tamén se emitiu o teaser do noso proxecto Selkie, que gravamos no mes de xullo no Teatre del Raval de Gandía.

Despois da gravación, sentamos no estudo de radio para conectarmos con Luz Orihuela, que nos entrevistou desde Madrid. Con ela tratamos temas como os nosos proxectos máis recentes, as dificultades de sacar adiante un proxecto vivindo á distancia ou os nosos encargos anuais de composición.
As gravacións musicais e os fragmentos da entrevista combináronse nun programa dunha hora de duración, que aínda podedes escoitar premendo na seguinte ligazón:
Moitas grazas de novo, Luz, por dar voz ao noso proxecto. Agardamos volver moi pronto a Andante con Moto!




Comentarios