O primeiro encontro da tempada 2023/2024 devolveunos durante pouco menos dunha semana a España. Os días 14 e 15 de novembro aterrabamos en Barcelona desde as nosas residencias en Helsinqui, Maastricht e Zürich, preparados para ensaiar o novo repertorio. A protagonista desta nova aventura foi a obra de estrea Resiliència do compositor catalán Salvador Brotons, que compuxo para nós tras o encargo que realizamos co apoio económico do Instituto Nacional de Artes Escénicas e Música. As vilas de Sant Joan de Vilatorrada (Catalunya) e Daimús (València) acolleron esta estrea nunha experiencia que vivimos con moita ilusión, esforzo e alegría.
O mércores 15 de novembro arrincabamos de novo nosa música, nun curto pero intenso ensaio que nos deu unha perspectiva xeral do traballo para realizar o día seguinte. Como non, entre ensaio e ensaio, tivemos a inmensa sorte de gozar do agarimo e os incribles pratos que Eva e Jordi, os pais de Miquel, nos prepararon. Moitas grazas por acollernos!
O xoves foi un día intenso de preparación e estudo. Tivemos tamén a sorte de poder charlar en directo na Radio Molins, a radio local da vila do noso barítono Miquel, que nos acolleu para dar a coñecer o noso proxecto e a estrea de Salvador Brotons. Aquí vos deixamos unha ligazón á entrevista. Grazas por recibirnos no voso programa!
O venres 17 de novembro amenciamos coa vista posta no concerto das 20:00h no auditorio da Escola de Música de Sant Joan de Vilatorrada. Pero antes da estrea e para dar os últimos retoques á obra Resiliència, desprazámonos ata a Escola Superior de Música de Catalunya, en Barcelona, para reunirnos con Salvador Brotons, quen nos escoitou e nos deu interesantes consellos sobre a súa obra. Grazas, Salvador, por compoñer esta obra para cuarteto de saxofóns e inspirarnos coa túa gran enerxía!
En Sant Joan de Vilatorrada reencontrámonos cun escenario familiar e moi bos recordos. Hai pouco máis de dous anos gañamos o Primeiro Premio no XIV Pòdiums de Música á Cambra nese mesmo lugar; un concurso de música de cámara que supuxo, no seu día, unha gran dose de motivación para nós. Foi un auténtico pracer volver a aquel lugar e tocar para caras familiares (a curmá de Hugo, a familia de Miquel e mesmo os pais de Jaime, que viñeron desde Galicia para vernos) e outras novas. Grazas ao concello de Sant Joan de Vilatorrada e á escola de música por contar connosco unha vez máis e recibir a nosa proposta cos brazos abertos. Volveremos!
Empregamos o sábado 18 de novembro para recuperar forzas e prepararnos para a viaxe e o concerto do domingo en Daimús. A pesar diso, fixemos unha reunión e un pequeno ensaio para dar o máximo ao día seguinte. Por primeira vez, tocariamos na vila de Sira! Alí a súa familia acolleunos e nos acompañou nun concerto realmente especial, no que multitude de amigos e familiares encheron o auditorio local. Grazas ao Concello de Daimús por acoller a nosa proposta e apoiar ao máximo o noso proxecto. Ata pronto!
O luns poñiamos rumbo ás nosas cidades de resiliència (de residencia, perdón) dicindo adeus á luz do Mediterráneo que tanto nos gusta. Unha vez máis, despediámonos coa ilusión de vernos de novo e coa sensación de ter crecido un pouco máis. Isto non para!
Comments