top of page

XUNTOS NA DISTANCIA: A NOVA ETAPA

Acabouse iso de ensaiar case tódolos días da semana e compartir espazo no frigorífico: todo cambiou para nós nesta nova etapa. Este mes tivemos a oportunidade de sortear, por primeira vez, os obstáculos que dita a distancia e compartir de novo un mesmo escenario. Tres días de intensos ensaios permitíronnos gozar en Puebla de la Calzada (Extremadura) o día 12 de novembro e en Nigrán (Galicia) o día 13 dun programa que combinaba obras do noso repertorio habitual con outras que coñecemos por primeira vez, dúas delas estreas absolutas dos compositores Eduardo Soutullo e María José Fontán.


Gozando das vistas do río Guadiana en Lobón, Badajoz

Mércores pola mañá, xoves mañá e tarde e venres pola mañá: estes foron os espazos que reservamos para os nosos ensaios intensivos, non sen antes realizar unha concienzuda organización do tempo de traballo e un profundo estudo individual de cada parte. Este foi o tempo que tivemos para conectar de novo e volver recuperar sensacións desde facía case catro meses. É curioso comprobar que hai certas cousas que non se esquecen e que as innumerables horas que compartimos xuntos estes anos atrás deixaron unha pegada imborrable en nós. É probable que o feito de aguantarnos no mesmo piso durante varios anos teña algo que ver, pero incriblemente parecía coma se, naquela semana de novembro, todo seguise igual que un ano atrás.


A pesar do cansazo que supuxo viaxar o venres pola tarde a Sevilla e chegar case á unha da madrugada ao noso aloxamento en Montijo (Badajoz), o sábado espertámonos con moita enerxía dispostos a facer un ensaio xeral produtivo e traballar a obra de estrea June con María José Fontán. En realidade, o noso bo ánimo tivo moito que ver cos nosos pais, especialmente os de Miquel, que conduciron a furgoneta na que nos desprazamos eses días; e os de Jaime, que viñeron ata Badajoz para apoiarnos e gozar do concerto. Que fariamos sen eles?



Antes do concerto en Puebla de la Calzada, vivimos a nosa primeira vez dando unha charla pública, na que falamos da nosa experiencia como grupo e outros asuntos da vida musical que nos rodea. Foi moi interesante escoitar as preguntas e reflexións de tódolos asistentes, e estamos moi agradecidos por esta oportunidade!



Tras un emocionante concerto, no que por primeira vez levabamos a cabo dúas estreas absolutas, fomos descansar para poder así saír puntualmente ás 7:30 da mañá cara a Galicia, o noso próximo destino. Chegamos a Nigrán dez horas despois nunha tarde de domingo pasada por auga. Antes do concerto, tivemos a oportunidade de traballar brevemente con Eduardo Soutullo a súa obra, na que por certo tivemos que facer fronte a unha distribución espacial peculiar que dificultaba a comunicación entre nós. O mal tempo e as longas horas de viaxe non impediron a asistencia do público, infestado de amigos e familiares, que encheu o Auditorio de Nigrán.



Sen dúbida, un fermoso fin de semana que concluiu cun emocionante concerto e, sobre todo, cunha contundente afirmación da vida e continuidade de Lítore Quartet. ¡Ata a próxima!

LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page