top of page

VIGO SAX FORUM 2026

Por segundo ano consecutivo, tivemos o pracer de participar no Vigo Sax Forum como artistas convidados e membros do profesorado. A sétima edición deste festival de saxofón celebrouse do 28 de xuño ao 5 de xullo en Valladares (Vigo), reunindo máis de 250 clases impartidas por 10 saxofonistas de recoñecido prestixio internacional. Nesta entrada do blog compartimos os momentos máis destacados dunha semana inesquecible!


O Cuarteto Lítore no escenario con Tomás Alonso, David Salleras, Judith Montero e Sheila Lorenzo (de dereita a esquerda). Auditorio de Valladares, 1 de xullo de 2026.
O Cuarteto Lítore no escenario con Tomás Alonso, David Salleras, Judith Montero e Sheila Lorenzo (de dereita a esquerda). Auditorio de Valladares, 1 de xullo de 2026.

O luns 29 de xuño comezamos a nosa actividade docente no Conservatorio Profesional de Música de Valladares. Tivemos o pracer de traballar con alumnado de grao elemental e profesional, así como con diversas agrupacións de música de cámara. Unha vez máis, sorprendeunos tanto o alto nivel como o entusiasmo de todos os participantes.


O Cuarteto Lítore con Christian Wirth, Tomás Alonso, Roberto Pacheco, David Salleras e Judith Montero (de dereita a esquerda). Valladares, 2 de xullo de 2026.
O Cuarteto Lítore con Christian Wirth, Tomás Alonso, Roberto Pacheco, David Salleras e Judith Montero (de dereita a esquerda). Valladares, 2 de xullo de 2026.

O mércores 1 de xullo ofrecemos un concerto no Auditorio de Valladares, no que interpretamos obras de Bartók, Bruch, Saint-Saëns, Piazzolla e Salleras. Ademais, contamos coa participación de dous destacados solistas convidados: Judith Montero interpretou a Romanza, op. 85 de Max Bruch, nun arranxo de Roberto Pacheco, mentres que David Salleras interpretou a súa propia obra Alma Roja. Ambas as pezas estaban arranxadas para saxofón alto e cuarteto de saxofóns. Sen dúbida, foi un concerto inesquecible e a mellor maneira de dar comezo a unha magnífica semana de música de verán.


Cartel do concerto do Cuarteto Lítore no Vigo Sax Forum 2026.
Cartel do concerto do Cuarteto Lítore no Vigo Sax Forum 2026.

Durante o resto do festival compaxinamos unha intensa actividade docente con momentos compartidos co resto do profesorado e o alumnado. Gozamos de conversas inspiradoras sobre a música e o saxofón con Nicolas Arsenijevic, Christian Wirth, João Pedro Silva, Roberto Pacheco, Judith Montero, Adrián Vilaboa e David Salleras. Tamén foi un pracer asistir aos demais concertos do festival, entre eles as actuacións do Misxtura Ensemble.


Finalmente, queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a Tomás Alonso, director do festival, profesor e amigo, por convidarnos unha vez máis e por facernos sentir tan ben acollidos. Tamén queremos dar as grazas a Sheila, Anxo e Alba pola excelente organización, así como a todo o alumnado e amizades que compartiron connosco esta intensa e inesquecible semana. Agardamos poder volver nas vindeiras edicións!




 
 
 

Comments


LOGO LITORE DEFINITIVO.png
INAEM 02 CAJETIN ROJO.png
LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page