top of page

ALÉN DA MÚSICA

PRIMEIRA SESIÓN

08/10/2021


O pasado venres 8 de outubro puxemos en marcha un novo proxecto disposto a explorar novas dimensións na música de cámara guiados polo fisioterapeuta e director de escea Carles Expósito. Nesta entrada do blog mostraremos o traballo de cada sesión para que poidades seguir a evolución deste proxecto e os seus resultados.


Somos un cuarteto de saxofóns ou catro saxofonistas tocando xuntos? Desta reflexión xorde o obxectivo principal desta primeira sesión: conectar. Respirar xuntos e do mesmo xeito, saber comunicar o que queres aos teus compañeiros, crear un movemento conxunto… precisamos estar en perfecta sintonía para formar, os catro unidos, un único instrumento.


Para acadar este obxectivo, comezamos con un exercicio que consistía en guiar o movemento da túa parella establecendo un contacto leve nun punto do seu corpo empregando unicamente un dedo. A persoa guiada, cos ollos pechados, tentaba intuír e seguir os movementos do seu guía, mentres que este buscaba a forma de facerlle entender que quería que fixese. En poucos minutos comezamos a comprendernos mellor, a case sentir que pensabamos e realizabamos os mesmos movementos.



De seguido, adaptamos este exercicio para focalizarnos nas nosas respiracións. A persoa guía agora tiña a misión de facerlle entender á súa parella, do mesmo xeito que no exercicio anterior, onde quería que focalizase a súa respiración. Agora o movemento era moito máis sutil, o que nos levou, de xeito inconsciente, a facer coincidir o ritmo das inspiracións e expiracións para comprender ao noso compañeiro.




Como última actividade da sesión, Carles nos propuxo xuntar as palmas das nosas mans, primeiro moi achegadas pero sen tocarse e despois tocándose mínimamente, para de novo adoptar os roles de guía e guiado e experimentar a conexión entre nós.





Ao igual que buscamos ser un cuarteto e non catro solistas tocando xuntos, tampouco pretendemos ser un director e tres dirixidos. Saber adoptar ambos roles para adaptarse a diferentes contextos musicais é imprescindible para rachar coa xerarquía que moitas veces existe nas agrupacións de música de cámara.









LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page