top of page

GRAVACIÓN DE ANDANTE ET SCHERZO DE EUGÈNE BOZZA

UNHA HOMENAXE AOS NOSOS COMEZOS


Este mes cúmprense 3 anos do noso primeiro ensaio de cuarteto. Nos nosos inicios, ensaiabamos polas tardes nos estudos do Conservatori Superior de Música de lles Illes Balears, apertados como sardiñas en lata e aínda sen nin sequera un nome co que poder presentarnos. Andante et Scherzo de Eugène Bozza converteuse no primeiro momento musical do noso camiño, e grazas a esta obra comezamos a dar os nosos primeiros pasos cunha gran ilusión e orientados polos consellos da nosa primeira profesora, Beatriz Tirado. Quen nos ía a dicir que esta obra converteríase na banda sonora de moitos dos momentos máis prezados da nosa traxectoria?


Eugène Bozza (1905-1991) foi un compositor Francés do século XX que destacou polas súas composicións para instrumentos de vento. A súa música enmárcase nun estilo ecléctico, que se nutre do neoclasicismo, o resto de “ismos” do momento e a entrada de novas influencias musicais en Europa como o jazz. A súa música é a miúdo comparada coas obras dalgúns dos seus compatriotas contemporáneos como Jaques Ibert, Darius Milhaud, Francis Poulenc ou Henri Tomasi. Con todo, Bozza destacou polas súas liñas melódicas virtuosas, as múltiples cores das súas harmonías e unha escritura idiomática que reflicte o seu gran coñecemento organolóxico.





Sen dúbida, Bozza é un dos compositores máis importantes no repertorio do saxofón clásico grazas a obras como Aria para saxofón alto e piano (1936), os seus 12 Estudos-caprichos para saxofón (1944) e, por suposto, polo seu cuarteto de saxofóns Andante et Scherzo (1938), unha obra piar para a nosa formación. O primeiro movemento da obra, Andante, caracterízase polas cores harmónicas e o seu carácter calmo e sutil. O Scherzo destaca pola súa axilidade e virtuosismo, a combinación das diferentes pasaxes entre os 4 saxofones e o seu carácter animado.


Ademais de ser esta a primeira obra que ensaiamos xuntos, tamén nos acompañou a primeira vez que tocamos de memoria en cuarteto. Este reto enriqueceunos moito e cremos que foi un paso esencial para construír nosa propia versión da obra. Déranos tantas alegrías en concursos e gozaramos tocándoa en tantos escenarios, que ao final da nosa etapa como estudantes en Palma de Mallorca decidimos gravala en audio e vídeo.


Miquel Brunet e Ona Estudis acompañáronnos o día 22 de xuño do presente ano nesta gravación, que demos a coñecer publicamente o pasado 3 de outubro con motivo da celebración do noso terceiro aniversario. Sen dúbida, unha experiencia máis de gravación que nos serve para crecer e deixar constancia dun belo recordo e unha gran etapa.



Esperamos que poidades sentir esta música igual que nós, que gocedes cada cor e cada melodía que Eugène Bozza soubo debuxar nun mundo convulso a piques de presenciar os horrores da Segunda Guerra Mundial. Para nós é recordo e presente á vez, un vello amigo no camiño, unha banda sonora que nos acompañará para sempre.



 

Podedes desfrutar da nosa nova gravación en formato audiovisual nas nosas redes sociais e na nosa canle de YouTube!





Podedes disfrutala tamén en formato de audio nas principais plataformas como Spotify ou Apple Music!



LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page