top of page

DANDO VIDA A NOVA MÚSICA (II): ESTREA DA OBRA JUNE DE MARÍA JOSÉ FONTÁN

Como consecuencia do Segundo Premio e o Premio á mellor interpretación dunha obra de compositor español o pasado mes de novembro do ano 2021 no Concurso Internacional de Jóvenes Intérpretes Pedro Bote (Villafranca de los Barros, Extremadura) puidemos participar da decimocuarta edición do Ciclo de Música Actual de Badajoz. Grazas á Sociedade Filarmónica de Badaxoz e a excelente labor e atención de Javier González Pereira, foi posible o encargo e a estrea dunha obra composta pola compositora María José Fontán.


Cos compositores Jerónimo Gordillo e María José Fontán

June foi o título que María José escolleu para titular á súa peza e que, curiosamente, foi a única que rachou coa monotonía terminolóxica do resto do programa que interpretamos (Sax Quartet, Quatour pour saxophones, Cuarteto de Saxofones, Saxophonie, Andante et Scherzo). A propia María José recalcou na pequena charla que deu xunto ao compositor Jerónimo Gordillo antes do concerto en Puebla de la Calzada que June non pretende ser un título descritivo, senón unha referencia a aquilo que rodeaba a súa vída no momento en que compuxo a obra. Esta música fai uso de varias técnicas extendidas como varios tipos de slap, efectos de transición entre trinos e vibrato, ruidos de chaves, sons de aire…que se empregan nunha alternancia entre seccións rítmicas que contrastan con outras máis libres.


A mañá do día 12 de novembro puidemos traballar con ela a súa obra, de novo nun intercambio moi interesante entre compositora e intérpretes, no que conseguimos adoptar unha nova visión da obra e sacar proveito das técnicas extendidas que a compositora emprega. Neste caso, era a súa primeira obra para cuarteto de saxofóns, un feito que nos alegra de forma especial, xa que dar a coñecer a nosa formación a compositores que non afondaran aínda nela pode supoñer a creación de máis música no futuro para enriquecer o noso repertorio.


Nesta experiencia puidemos coñecer tamén ao compositor estremeño Jerónimo Gordillo, cuxa obra Cuarteto de Saxofones (1996) incluímos no noso programa. Foi un pracer compartir con el esta experiencia e escoitar as súas palabras na conferencia que ofreceu xunto a María José.


Grazas á Sociedade Filarmónica de Badajoz, a Javier González e a María José Fontán por confiar en nós para levar a cabo esta estrea. Grazas a Jerónimo Gordillo por apostar polo saxofón nas súas composicións. Foi un absoluto pracer!




LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page