top of page

CANDO O TRABALLO E A AMIZADE SE UNEN

No noso blog sempre relatamos as nosas aventuras musicais, contamos os detalles dos nosos proxectos e intentamos publicar entrevistas e outros materiais de interese para o mundo da música de cámara. Hoxe traémosvos un artigo máis persoal no que a nosa amizade ocupa o lugar protagonista. Que importancia teñen conceptos como a admiración, o compromiso ou o amor para Lítore Quartet? Para responder a esta pregunta, fixemos unha serie de reflexións que queremos compartir neste artigo.


Lítore Quartet durante unha das súas xiras de verán en Galicia. Vistas da desembocadura do río Miño dende “O Cervo” de Vila Nova de Cerveira, Portugal. 2022
Lítore Quartet durante unha das súas xiras de verán en Galicia. Vistas da desembocadura do río Miño dende “O Cervo” de Vila Nova de Cerveira, Portugal. 2022

Que tres valores, actitudes ou capacidades admiras dos teus compañeiros de Lítore?


En primeiro lugar, formulámonos esta pregunta para iniciar as nosas reflexións. Cremos firmemente na admiración cara aos demais como un dos valores esenciais para o desenvolvemento do grupo, e á vez como unha poderosa ferramenta de aprendizaxe. Cada un de nós é diferente e destaca en certas actitudes ou capacidades, o que nos dá a oportunidade de aprender uns dos outros.


Que admiran Hugo, Jaime e Miquel de SIRA?

A súa perseveranza, ambición, capacidade de traballo, capacidade de xestión en todos os ámbitos vitais, capacidade para dar a súa mellor versión en situacións de gran presión, carisma, tenacidade, colaboración.


Que admiran Jaime, Miquel e Sira de HUGO?

A súa especial sensibilidade, humor, personalidade musical, tolerancia cara aos demais, cultura xeral, capacidade para dar a súa mellor versión no concerto, compañeirismo, flexibilidade.


Que admiran Miquel, Sira e Hugo de JAIME?

A súa solvencia, diplomacia, asertividade, calma, honestidade, ganas de aprender, curiosidade, seguridade que aporta, perfeccionismo.


Que admiran Sira, Hugo e Jaime de MIQUEL?

A súa capacidade social, rigorosidade no traballo, creatividade nos ensaios, bo humor, honestidade, capacidade para dar bos consellos, colaboración, flexibilidade musical, ousadía, enxeño.


Lítore Quartet e a nosa querida Ángela celebrando os 23 anos de Miquel. Palma de Mallorca, 2022
Lítore Quartet e a nosa querida Ángela celebrando os 23 anos de Miquel. Palma de Mallorca, 2022

Que nivel de importancia tivo Lítore Quartet na túa vida profesional? E na túa vida persoal? Podes mencionar algún exemplo, anécdota ou situación relevante para ti.

A importancia de Lítore Quartet nas nosas vidas, tanto a nivel profesional como persoal, foi (e é) transcendental. Todo o que implicou este proxecto tivo un impacto en todos os ámbitos das nosas vidas, e creou unhas raíces frondosas e fortes.


A nivel PROFESIONAL 

Lítore Quartet axudounos a desenvolver as nosas habilidades técnicas e interpretativas dun xeito moi notable, fixo posible a realización de proxectos ambiciosos, permitiunos coñecer mellor o sector musical, establecer conexións con outros artistas, aprender habilidades de xestión económica e artística, obter proxección artística e descubrir as nosas inquedanzas. Todos coincidimos en que esta aprendizaxe sería imposible de conseguir individualmente. Está claro que a unión fai a forza, e que o esforzo de catro persoas remando na mesma dirección fai a travesía moito máis levadeira e frutífera.


A nivel PERSOAL 

Lítore Quartet deunos unha relación de amizade moi profunda, multitude de vivencias de gran intensidade e impacto emocional, o desenvolvemento de habilidades sociais e outros valores como a empatía ou o respecto, e a oportunidade de coñecerse a un mesmo a través dos demais. Todos compartimos o sentimento de que nos une un vínculo “familiar”. As relacións de amizade e confianza reforzáronse tanto, especialmente tras convivir xuntos durante varios anos, que nos consideramos membros dunha mesma familia.


Unha anécdota que relata de forma moi evidente os nosos lazos persoais aconteceu hai un par de anos en Suíza. Miquel relátaa así:

“A anécdota persoal que máis recordo foi en Suíza, cando, na preparación para o concurso máis importante da tempada, tiven que ser hospitalizado de urxencia. Por razóns obvias, tivemos que parar a nosa actividade e cancelar a nosa participación no concurso. A pesar deste baixón, os meus tres compañeiros estiveron comigo todo o día, todos os días. Non me deixaban en paz, que pesados! Fóra bromas, aproveito a situación para agradecerlles unha vez máis todo o que fixeron por min durante esa semana, especialmente a tarefa máis difícil de todas: tranquilizar aos meus pais.”


Lítore Quartet durante a súa xira de novembro de 2022. Ao fondo, o río Guadiana.
Lítore Quartet durante a súa xira de novembro de 2022. Ao fondo, o río Guadiana.

Como che gustaría que fose a relación persoal dos Lítores dentro de cinco anos?


Sempre é difícil imaxinar como serán os próximos anos, sobre todo dende a nosa situación actual, na que aínda estamos rematando os estudos e non temos un posto de traballo definitivo. Loitaremos para que o proxecto siga adiante, con máis forza aínda se é posible, mantendo como base o benestar e a amizade como motor do noso desenvolvemento.


Os catro queremos manter a amizade, a lealdade e a consideración cara aos demais dentro do proxecto, seguir sendo a familia que somos, vivir máis experiencias xuntos, gozar do proxecto desde unha situación laboral máis estable, superar con éxito os obstáculos que vaian xurdindo e seguir gozando tanto da música como da nosa compañía.


Con todo, tamén chegamos á conclusión de que certos cambios poderían facer aínda mellor a Lítore Quartet: mellorar a comunicación do grupo, non ter medo a amosar desacordos ou sentimentos relevantes entre nós e ser transparentes en todos os ámbitos.


Lítore naceu como un proxecto profesional, pero traspasou esa barreira e converteuse en moito máis. Toda actividade do grupo ten un compoñente humano esencial, que está por riba de calquera ambición profesional. Sen dúbida, Lítore Quartet é unha parte vital para todos nós, que aínda ten moito por medrar.


Esta foi a nosa primeira cea xuntos, tras as probas de acceso ao grao superior de Miquel e Jaime. Palma de Mallorca, 2019.
Esta foi a nosa primeira cea xuntos, tras as probas de acceso ao grao superior de Miquel e Jaime. Palma de Mallorca, 2019.





 
 
 

コメント


LOGO LITORE DEFINITIVO.png
23_04_1917_23_00cliente_ajuntament.png
INAEM 02 CAJETIN ROJO.png
LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page