top of page

ALÉN DA MÚSICA (VIII)

OITAVA SESIÓN

22/06/2022




Despois da imparable inercia do final de curso voltamos ao traballo sobre a conciencia corporal e as dinámicas de grupo nunha nova sesión con Carles Expósito. Esta oitava xornada supuxo o peche da primeira etapa do noso proxecto Alén da música que, de seguro, seguiremos a desenvolver no futuro. Os nosos resultados evidencian os múltiples beneficios do traballo realizado durante este curso 21/22 sobre parámetros como o movemento, a escoita ou a cohesión grupal. Tras esta experiencia, aprendemos que uns obxectivos diferentes aos que normalmente se fixan no ámbito da música de cámara son necesarios. Aspectos como sentirse a gusto tocando en grupo, coidar a nosa saúde coma músicos e mellorar a presencia escénica non son tan irrelevantes como parecen amosar os plans de estudos da maioría dos conservatorios.


Nesta ocasión, empregamos o Scherzo da obra Andante et Scherzo de Eugène Bozza para levar a cabo as diferentes actividades. A primera delas consistía en colocarnos nos puntos máis lonxanos da aula sen contacto visual e “contaxiarnos” dos pianos que facían os nosos compañeiros. Cando un, de súpeto, tocaba con menos volume, os dous compañeiros máis próximos debían acompañalo neste matiz e o cuarto, o máis alonxado do primeiro, debía tocar máis forte. A escoita foi esencial neste punto, xa que debiamos prestar a máxima atención posible ao resto de voces e lograr unha velocidade de reacción moi alta.


De seguido, Carles nos propuxo unha especie de xogo no que formabamos dúas parellas e cada unha establecía un contrasinal xestual para indicarlle ao compañeiro que debían tocar máis forte. Se algún da outra parella detectaba o sinal debía indicalo, obrigando así á parella “pillada” a tocar máis piano. Tras este exercicio que activou a nosa atención sobre a xestualidade do grupo, intentamos tocar a obra sen ningún tipo de expresión nin movemento. Se detectabamos nun compañeiro algún movemento, debiamos imitalo de xeito esaxerado durante uns compases.


Para finalizar a sesión, tocamos a peza camiñando pola aula, para así intentar regresar á naturalidade e espontaneidade do comezo, sen a alta concentración que necesitamos nas anteriores actividades e que, en certo modo, condicionaba a nosa interpretación. Agora nos sentiamos máis liberados, cunha mellor interiorización do traballo previo sobre o movemento. Aquí tedes un pequeno anaco do resultado final da sesión!





Grazas, Carles, por levar a nosa música alén das fronteiras que moitas veces delimitan as liñas dun pentagrama. A nosa expresión ten agora moitas máis dimensións e o produto final non posúe simplemente un interés sonoro, xa que a este se lle engade o impacto visual. Respirar xuntos, compartir un mesmo movemento, saber comunicar e interpretar ideas… todo isto é preciso para lograr a harmonía que procuramos. Sen dúbida, este camiño nos axudou a achegarnos un pouco máis ao noso obxectivo de ser un cuarteto de saxofóns e non catro saxofonistas tocando xuntos. Ata pronto!


LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page