top of page

ALÉN DA MÚSICA (III)

TERCEIRA SESIÓN

11/11/2021


O pasado xoves 11 de novembro reunímonos de novo co fisioterapeuta e director de escena Carles Expósito para dar un paso máis nesta aventura que pretende explorar novas dimensións na música de cámara. Do mesmo xeito que na sesión anterior, o obxectivo principal do noso traballo centrouse na escoita; pero nesta ocasión as actividades lévaronse a cabo sen instrumentos.


Non habería música sen tempo nin sen un ritmo que o organice: as notas sentiríanse perdidas sen eles. A sensación rítmica de grupo é imprescindible para fluír cara a unha mesma dirección, debuxar as frases con cohesión e conseguir unha sonoridade de conxunto. É por iso que nesta ocasión puxemos en práctica diversos exercicios protagonizados polo ritmo a través de percusión corporal e monosílabos.


Comezamos realizando ritmos diferentes en distintas partes do corpo que podiamos cambiar en calquera momento polos doutro compañeiro. O exercicio consistía en que, se coincidías con alguén, ambos debiades percutir o patrón nunha dinámica piano. Comprobamos que era bastante difícil manter a concentración e lembrar os diferentes ritmos, e ao pechar os ollos fíxose evidente a importancia de escoitar aos nosos compañeiros para saber que debiamos facer en cada momento.


Para engadir un traballo sobre a comunicación, variamos este exercicio engadindo xestos faciais para indicarlle a outro compañeiro que te imitase. En realidade, non é necesario facer un gran xesto para comunicar unha intención, e nos demos conta de que un movemento sutil é máis que suficiente. Pero non soamente fixemos percusión corporal, xa que tamén utilizamos monosílabos e xestos asociados a eles, que resultaron unha ferramenta moi interesante para traballar os nosos obxectivos.


A continuación deixámosvos un pequeno vídeo como mostra do traballo realizado na sesión. Que mellor maneira de traballar que con ilusión e alegría?








LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page