top of page

ENTREVISTA A TOMÁS ALONSO

Unha das persoas máis importantes nos primeiros anos de Lítore foi, sen dúbida, Tomás Alonso. Nese tempo, entre os anos 2019 e 2021, tivemos a inmensa sorte de aprender deste xoven músico, pedagogo e director natural de Valladares (Vigo, Galicia). Cunha traxectoria formativa moi semellante á nosa, Tomás foi unha clara referencia para nós, e sempre nos acompañou dunha maneira ou outra.


Hoxe traemos ao blog unha entrevista que lle fixemos a Tomás despois da nosa experiencia como profesores e artistas convidados do festival que dirixe e organiza cada ano: o Vigo Sax Forum. Agardamos que a desfrutedes!


ree


  1. A túa educación musical foi moi diversa e levástete a aprender doutras culturas e formas de concebir a arte. Ao igual que nós, crexiches na túa terra natal, para logo estudar o grao superior en Mallorca e finalmente rematar os estudos de máster no estranxeiro. Fálanos dalgunhas desas leccións, persoas ou experiencias que marcaron un punto de inflexión na túa carreira durante estas tres etapas.


Se miro atrás, sinto que cada etapa deixou en min unha pegada distinta. Na miña terra natal aprendi a raíz, o esencial: a música como algo vivo, próximo, que nace da comunidade. Alí tiven a sorte de encontrarme co meu primeiro profesor na escola de música da Unión Musical de Valladares, Álvaro Iglesias, quen me inspirou coa súa humildade e coa autodisciplina coa que vivía a música. Esa base de escoita e entrega segue sendo hoxe o núcleo do que fago.


En Mallorca, durante o grao superior, ábrese un mundo novo. O meu profesor Rodrigo Vila foi clave para o meu desenvolvemento, tanto pola súa maneira de guiarme como pola esixencia e profundidade que me transmitiu. Coñecer a tantos grandes profesores que pasaban polo conservatorio permitiume enriquecerme técnica e musicalmente de formas que nunca antes experimentara. E, máis aló do académico, a convivencia con compañeiros de toda España deixou recordos divertidos e inesquecibles.


No máster en Finlandia, o traballo con Joonatan Rautiola e o resto do gran profesorado co que tiven a sorte de coincidir levoume a outro nivel de esixencia artística e persoal. As súas ensinanzas obrigáronme a replantexar a miña forma de tocar e a explorar novas maneiras de comunicar. Ademais, vivir inmerso na cultura finlandesa, tan diferente á que coñecía, fixo evolucionar a miña percepción da música e da vida. A calma, a conexión coa natureza e a forma de vivir máis pausada definitivamente permitíronme recoñecer e valorar a miña voz persoal.


  1. No Conservatorio Superior das Illas Baleares fucheste o noso profesor durante dous anos. Os catro lembrámoste como un pedagogo próximo, carismático e eficaz. Actualmente, a pedagogía é a túa actividade profesional principal como profesor no Conservatorio Profesional de Música de Valladares. Que é o que máis disfrutas da pedagogía? Que conceptos ou ideas principais buscas transmitir aos teus alumnos?


Durante estes anos, aprendín que todos os estudantes buscan o mesmo: gozar e ser felices coa música. Desde o meu punto de vista, isto chega entendendo as nosas propias virtudes, aceptando os nosos puntos débiles e, sobre todo, aprendendo a querernos e confiar no que podemos conseguir. Por outra banda, tamén vén da relación cos demais: ser amables, respectar os compañeiros e comprender que a riqueza está nas diferenzas, non na competencia.


Ademais destes valores, considero que a técnica e a disciplina son fundamentais. Son as ferramentas que permiten expresarse con liberdade e facer realidade o que un desexa coa música. Gústame ver como cada alumno vai medrando, non só como músico, senón tamén como persoa, gañando confianza, seguridade e a súa propia maneira de tocar. Para min, poder acompañalos neste camiño é o que fai que a pedagogía sexa tan gratificante.


  1. Ademais da pedagogía, a túa identidade interpretativa reflíctese en proxectos como o teu álbum Vieiros, no que gravaches obras do repertorio contemporáneo para saxofón solista. Contános que supuxo este proxecto na túa carreira. Gravarás algún outro álbum no futuro?


O proxecto de Vieiros foi moi importante na miña carreira e aprendín moito realizándoo. Todas as obras do álbum están baseadas en diferentes culturas de distintos lugares do mundo, polo que tiven que afondar en cada unha delas e aprender a valoralas e respectalas na miña interpretación. Este proceso permitiume non só medrar como intérprete, senón tamén abrir a miña mirada cara a novas formas de entender a música e a diversidade cultural.


Un proxecto que me ilusiona moito é o Trío Poulenc formado por María García ao fagot, Berta Fresco ao piano e eu ao saxofón soprano. Con elas todo funciona de maneira moi natural e fluída, e gustaríame reflectir na grabación esa química e enerxía que temos cando tocamos xuntas. Gustaríame no futuro próximo levar este traballo ao estudio.


  1. Durante a nosa etapa en Mallorca tamén dirixías a Mallorca Saxophone Orchestra da cal os Lítore formabamos parte. Actualmente, dirixes a Banda de Música de Arbo e o ensemble de saxofóns MiSXtura. Que supón a dirección na túa vida profesional e artística?


Dirixir a Mallorca Saxophone Orchestra, a Banda de Música de Arbo e o ensemble MiSXtura ensinoume que cada grupo ten a súa propia identidade e require un enfoque distinto. Esta diversidade obrígame a adaptarme, a escoitar con atención e a buscar sempre a mellor maneira de que cada músico aporte o mellor ao conxunto. Ademais, gozo enormemente do aspecto creativo: explorar repertorios, propoñer proxectos e ver como as ideas cobran vida no conxunto. A dirección tamén supón un aprendizaxe constante para min, porque require mellorar como músico e comunicador, xestionar dinámicas de grupo e atopar un equilibrio entre esixencia e motivación.


  1. Guardamos un gran recordo da nosa etapa en Mallorca como estudantes e de todos os proxectos que fixemos contigo. Como recordas ti esa etapa da túa vida? Como eran a Sira, o Miquel, o Hugo e o Jaime do ano 2019?


Lembro esa etapa con moito cariño, porque foi un tempo de crecemento tanto a nivel persoal como profesional. Foi unha época intensa que me permitiu consolidar a miña forma de entender a ensinanza e descubrir o valor de acompañar ao alumno desde a proximidade e a esixencia. Para min supuxo unha oportunidade de poñer en práctica o aprendido, de afrontar novos retos e de fortalecer o meu propio estilo como docente.


A Sira, o Miquel, o Hugo e o Jaime eran xoves saxofonistas cheos de curiosidade, entusiasmo e cunha enerxía contaxiosa. Cada un de vós tiña a súa forma de aportar, e esa diversidade foi o que fixo tan especial a dinámica do grupo. Desde a miña perspectiva, o valioso non era só o resultado dos proxectos, senón o proceso, a forma en que vos implicabades. Esa experiencia marcoume e segue sendo un recordo moi vivo e positivo.


  1. Define en 3 palabras ao actual Lítore Quartet. 


    Talento, Carácter e Profesionalidade.


  2. Recentemente, no pasado mes de xullo, tivemos o privilexio de formar parte da sexta edición do curso Vigo Sax Forum, que organizas dende o ano 2019 en Valladares. Creemos que este proxecto é de gran valor educativo e cultural, e crea un espazo no que as xeracións de saxofonistas únense durante uns días para compartir as súas experiencias, aprender uns dos outros e gozar da nosa pequena gran comunidade. Que foi o que te fixo decidir que organizarías un curso de saxofón no teu pobo natal?


A idea de crear un festival e curso de saxofón no meu pobo natal xurdiu dunha mestura de motivación persoal e compromiso co meu entorno. Por unha banda, quería ofrecer aos xoves saxofonistas un espazo de encontro no que puideran aprender, compartir e medrar xuntos, máis aló das clases habituais. Por outra banda, parecíame importante devolver a Valladares parte do que eu recibín nos inicios da miña formación: a oportunidade de vivir experiencias musicais de calidade sen ter que desprazarse lonxe.


Desde o principio tiven claro que non quería que fose só un curso técnico, senón un espazo de convivencia, de intercambio xeracional e de comunidade, ademais de ofrecer a Valladares e Vigo unha programación de concertos con artistas de gran traxectoria.

O VigoSaxForum é para min un lugar onde unir a músicos de diferentes idades, traxectorias e realidades, e onde todos aprendemos uns dos outros. Esa foi, e segue sendo, a razón principal pola que decidín poñelo en marcha.


  1. O Vigo Sax Forum é xa un evento internacional, dado que leva a Galicia artistas, pedagogos e alumnado de varios países. Sen dúbida, a túa labor fai posible que o nivel do saxofón siga crecendo en Galicia e que os alumnos da zona teñan acceso a expertos de renome. Cara onde te gustaría que se dirixise o Vigo Sax Forum no futuro? Que cousas che gustaría que se mantiveran, e cales poderían mellorar?


O meu obxectivo para o VigoSaxForum é que siga crecendo, pero sempre mantendo o seu espírito próximo e familiar. Gustaríame que continuase sendo un lugar onde os máis xoves poidan aprender de artistas de renome, pero tamén onde os profesionais poidan intercambiar ideas e experiencias, xerando un diálogo constante que enriqueza toda a comunidade.


Como dixen antes, ademais dun curso de formación, o Vigo Sax Forum funciona como un festival que ofrece unha programación variada de concertos. Isto permite que participantes e público poidan gozar da música en directo, descubrir diferentes estilos e conectarse coa creatividade dos artistas invitados. Creo que esa combinación de aprendizaxe e experiencia musical en vivo é un dos rasgos que fai o proxecto realmente especial.

De cara ao futuro, gustaríame consolidar o festival como un punto de encontro internacional, ampliando a diversidade de estilos e obradoiros, e incorporando proxectos colaborativos que impliquen a diferentes xeracións de saxofonistas. Tamén quero seguir fortalecendo a interacción entre participantes e artistas, para que o aprendizaxe e a inspiración continúen máis aló dos días do curso e do festival, convertendo o VigoSaxForum nun espazo vivo, dinámico e en constante evolución.


  1. Como se pode ver durante toda a entrevista, es un profesional moi activo e promotor de iniciativas educativas e culturais. Que outros obxectivos ou soños profesionais te gustaría cumprir no futuro?


Creo que xa estou cumprindo un soño: dedicarme con paixón a aquilo que me gusta, traballar xunto a grandes músicos e persoas, e ter a oportunidade de tocar, crear e gozar da música en proxectos que me desafían e me enriquecen constantemente.


Para min, o máis importante é seguir aprendendo, compartindo e aportando a cada proxecto o mellor de min.


Moitas grazas Tomás. Ata pronto!





 
 
 

Comments


LOGO LITORE DEFINITIVO.png
23_04_1917_23_00cliente_ajuntament.png
INAEM 02 CAJETIN ROJO.png
LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page