INTERVIEW WITH JUAN MOREDA
- litorequartet
- hace 4 horas
- 8 Min. de lectura
Hoxe traemos ao blog unha entrevista moi especial para nós. Juan non é simplemente unha importante referencia profesional para Lítore Quartet, senón un gran amigo co que vivimos múltiples vivencias. Lítore Quartet naceu inspirado pola efémera pero incrible traxectoria do cuarteto de saxofóns Psaiko Quartet, no que Juan tocaba o saxofón tenor. Actualmente, Juan forma parte do colectivo Argo Kollektiv, un ensemble de música contemporánea con sede en Viena do que el mesmo é cofundador. Este grupo foi recentemente galardoado co Primeiro Premio no concurso Re_cre@, un evento no que nos reencontramos con Juan e tras o cal decidimos realizar esta entrevista.

Cal foi o teu primeiro contacto coa música? En que momento decidiches que te querías dedicar profesionalmente á música e ao saxofón?
Nun Nadal non sei se Papá Noel ou os Reis Magos me regalaron un acordeón de xoguete, igual tiña 9 ou 10 anos. Gustoume o agasallo, meus pais preguntáronme se quería ir a clases para aprender a tocalo e dixen que si. Como era moi pequeno para un acordeón de verdade, fixen primeiro un ano de piano. Despois comecei co acordeón e o meu profesor recomendoume ir a clases de solfexo na banda do pobo (Valladares). Alí fun e ofrecéronme empezar a tocar algún instrumento da banda sinfónica. Por algún motivo escollín o saxofón.
Despois xa entrei no Conservatorio Profesional de Vigo e en terceiro da ESO, que é cando hai que empezar a escoller algunhas optativas para especializarte nos estudos, decidín tomarme a música máis en serio.
Coincidiches con Hugo e Jaime no Conservatorio Profesional de Vigo, e logo tamén con Sira e Miquel no Conservatori Superior de les Illes Balears. Cóntanos, por que tras os teus estudos en Mallorca decidiches cursar o máster de interpretación de música contemporánea en Viena?
Primeiro cursei o máster de interpretación en Viena. A miña idea principal cando estaba no último ano en Mallorca era cursar un máster de música de cámara xunto cos meus compañeiros do Psaiko Quartet. De feito, se non lembro mal, Martín e Borja querían agardar un ano por min para facer o máster xuntos. Pero logo Franco decidiu volver á Arxentina e, ao entrar Martín Gorospe en Psaiko, teriamos que agardar outro ano máis. Aí xa se empezou a desfigurar esa idea.
Creo que pouco antes do Coronavirus a idea de continuar en serio co cuarteto xa pasou a un segundo plano. Ao estar vivindo xunto a Martín, decidimos buscar un destino conxunto para o noso máster e optamos por Viena, xa que tiñamos bos recordos de cando visitamos a MDW (University of Music and Performing Arts Vienna) cando fomos convidados a tocar con Psaiko uns anos antes. Vimos que era unha das mellores universidades do mundo e unha das cidades que destina moitos recursos e onde en xeral hai moitas oportunidades para os músicos.
Unha vez cursando o meu máster de interpretación en Viena decidín comezar tamén o máster de Neue Musik - Ensemble, xa que me decatei de que a colaboración con compositores e dar vida a novas sonoridades era o que quería facer. Como artista xa non me sentía a gusto interpretando pezas de hai centos de anos. Ademais, como saxofonistas temos moitas menos oportunidades na música clásica. E en xeral síntome máis cómodo sabendo que lle estou dedicando o meu tempo e enerxía a intentar formar parte da creación e innovación, e non do perfeccionamento do repertorio antigo.
Todos nós vivimos no estranxeiro e somos conscientes dos retos que isto pode supoñer tanto a nivel persoal como profesional. Como foi a túa chegada a Viena e á Universidade?
Como lle pasa a todo o mundo, múdasche a un lugar tan lonxe da túa familia para dar o mellor de ti. Unha vez levas uns anos traballando duro, a integración chega soa. Coñeces xente afín ás túas ideas e sínteste a gusto nese lugar.
Ao principio é dura a barreira do idioma, xa que a pesar de ser unha universidade tan internacional a tradición tamén ten moito peso. Un dos obxectivos da universidade é que os estudantes queden en Austria tras os seus estudos, por iso todas as clases son en alemán. Gústame sentirme nun contorno internacional; non sería o mesmo que intentar integrarse nunha vila do Tirol, e creo que iso fai todo máis doado e progresivo.
Segundo a túa experiencia, cales dirías que son os pros e os contras de estudar en Viena?
Pros: Infraestrutura top. Profesores top. Financiamento top. Compañeiros top. Localización top. Moitas oportunidades.
Contras: Gran arraigamento da tradición musical. Invernos duros. Gastronomía non tan top. Non hai mar.
A idea desta entrevista xurdiu a través da participación de Argo Kolektiv no concurso re_cre@, no que fóstedes galardoados co primeiro premio. Alí, ademais, tivemos o pracer de coñecer a algúns dos integrantes deste colectivo do que es tamén fundador. Como nace Argo Kolektiv? Como xorde o nome do grupo?
Ao empezar o meu máster de música contemporánea asistín a unha clase de improvisación á que cheguei tarde. Ao chegar tarde emparelláronme con outro rapaz pianista que tamén chegara tarde e tivemos que improvisar xuntos sen coñecernos. Nesa improvisación sentín unha forte conexión musical e despois da clase decidimos seguir tocando xuntos fóra do ámbito académico. Ese rapaz era Panos Nikitaris, e xuntos creamos Argo Duo, o que despois se convertería en Argo Kollektiv. Ao principio comezamos tocando obras contemporáneas do repertorio para saxofón e piano como Denisov, Albright ou Mantovani. Estas obras leváronnos a gañar concursos internacionais, pero axiña o repertorio quedóusenos curto e tivemos a necesidade de traballar con outros músicos e instrumentos. Ao principio xuntámonos con Youngseo Kim, un violinista, e Taikan Yamasaki, un percusionista. Tamén estudantes do máster de contemporáneo. Pero axiña nos abrimos a traballar con máis músicos e chegamos ao punto de funcionar como un colectivo de músicos con formación aberta para poder adaptarnos ás necesidades de cada proxecto. Aínda así, os instrumentos máis característicos de Argo son os do cuarteto orixinal: saxofón, piano, violín e percusión.
A dirección actual que lle queremos dar a Argo Kollektiv é que cada concerto sexa unha experiencia única, onde poidamos traballar estreitamente artistas de varias disciplinas coma se se tratase do concepto de “obra de arte total” que tiña Wagner, pero aplicado á música de cámara e combinado coa tecnoloxía de hoxe en día.
Panos Nikitaris e Kostas Zisimopoulos introducíronme a idea de retomar a orixe do teatro, da traxedia grega, e axiña namoreime desa idea e quixen subir ao barco. Non é só por este tipo de metáforas coa historia de Xasón e os argonautas de onde se nos ocorreu o nome, senón porque a antiga Grecia é unha forte fonte de inspiración para nós e parte da nosa identidade.

Tanto Lítore Quartet como Argo Kolektiv comparten o interese pola música de nova creación. Cales son os obxectivos e a visión artística de Argo Kolektiv?
Respondín a isto na pregunta anterior, pero podo dar máis detalles. Non queremos limitar a nosa creatividade artística, polo que sempre buscamos novos formatos de concerto fusionando varias disciplinas artísticas. Hoxe en día é moi complicado desenvolver o teu propio proxecto, unha superprodución, involucrando a moita xente que resoe coa idea do teu proxecto. Por iso sempre traballamos a curto prazo intentando sumar experiencias para esta visión de futuro. Intentamos crear novos sons, estrear obras, pero ao mesmo tempo tentamos afastarnos o máximo posible do concepto clásico de concerto de obra-aplauso-outra obra doutro compositor aleatorio que non ten nada que ver pero dalgún modo hai que buscar a maneira de relacionalas para que encaixen no mesmo programa.
Argo Kolektiv é un colectivo de músicos, o que significa que non sempre participan todos os compoñentes en cada proxecto. Como se organiza o grupo a nivel artístico e administrativo? Noutras palabras, quen propón o repertorio, busca oportunidades e toma decisións?
Se nos contratan para interpretar un repertorio pechado, nese caso non temos moito que facer: buscamos os músicos que se necesitan e listo.
Se nos contactan para un concerto cun/ha compositor/a pechado/a pero o programa aberto, adoitamos ofrecer os músicos cos que traballamos con maior frecuencia e buscar o repertorio que mellor se adapte á ideoloxía do compositor. Pero tentamos ser coherentes en canto a manter os mesmos músicos. Tamén adoita ser fácil chegar a un punto en común por cuestións de orzamento.
Se se trata dun concerto organizado por nós, adoito comentalo primeiro con Panos e logo imos incluíndo músicos no proxecto que poidan encaixar e axudarnos. Pero sempre é complicado realizar proxectos con total liberdade artística, debido a que case sempre estamos sometidos a financiamento externo. Tamén pode ocorrer que alguén do colectivo nos propoña un proxecto e vexamos como se pode levar a cabo. Por exemplo, Mario propuxo presentarse ao re_cre@.
Como agrupación con sede en España, a nós resúltanos especialmente difícil conseguir financiamento. Como é a situación financeira para grupos de música de cámara en Viena ou Austria? Consideras que hai suficiente apoio por parte das institucións públicas e privadas?
En Austria e especialmente en Viena sentímonos arroupados polo financiamento público desde que creamos o Verein. Iso permitiunos desde o principio manter a actividade, e a día de hoxe séguennos apoiando, polo que estamos moi agradecidos. Por outra banda, depender de alguén significa acomodar as túas ideas para encaixar nos criterios das institucións que che financian. Hai que buscar a maneira de manterse activo sendo fiel aos teus ideais. E isto non creo que sexa fácil en ningunha parte do mundo, e menos dedicándose á música contemporánea.
Como sabes, nos nosos comezos tanto ti como Psaiko Quartet fóstedes unha fonte de inspiración esencial. Que supuxo Psaiko Quartet para ti, tanto a nivel persoal como profesional?
Psaiko ensinoume a cambiar a miña maneira egoísta de pensar. Por exemplo, na cultura oriental ensínanche a pensar no grupo antes que no individuo, mentres que na cultura occidental damos prioridade a nós mesmos. Sinto que no cuarteto estabamos nesa dinámica de renunciar a proxectos individuais para fortalecerse como grupo e xuntos medrar máis rápido. Creo que a virtude sempre está no punto medio e hoxe en día trato de vivir con esa filosofía. Pero si que é certo que grazas á miña experiencia en Psaiko aprendín a traballar en grupo dunha maneira mellor.
Tras as túas experiencias como membro dun cuarteto de saxofóns e membro dun colectivo de instrumentación mixta con electrónica, que diferenzas notas a nivel musical entre unha agrupación da mesma familia de instrumentos (cuarteto de saxofóns) e outra con instrumentación variada?
O primeiro é que como saxofonista hai que ser máis flexible en canto a recursos técnicos: non é o mesmo encaixar o teu son con tres instrumentos iguais ou parecidos ao teu. Hai que adaptar o teu son á sutileza da corda ou á forza da percusión. Hai un millón de variantes sonoras máis que nun cuarteto de saxos. Iso está ben porque aprendes moito e enriquécete moito máis. Tamén está a parte negativa de que só ti coñeces os teus límites técnicos; nun cuarteto de saxos todos poden esixir máis calidade na túa maneira de tocar. Nun ensemble mixto tamén cho esixen pero doutra maneira: hai que ser moi crítico e esixente con un mesmo.
Tamén as sonoridades que podes crear cun cuarteto de saxos son moi limitadas. Por unha banda está ben porque é moi compacto, pero por outra banda nunca deixarán de ser catro saxos. En cambio, un colectivo de músicos pode soar practicamente como queiramos. A desvantaxe é que nunca seremos os mesmos catro músicos traballando ao máis alto nivel.

Na actualidade, traballas e desenvolves os teus proxectos en Viena. Gustaríache permanecer alí no futuro, ou prantexas volver a España nalgún momento?
Por agora estou a gusto aquí en Viena e quero quedar. Sempre está a morriña de volver a Galicia e montar alí o meu propio proxecto. Ás veces síntome moi desconectado da miña terra e síntome en débeda con ela. Gustaríame poder vivir en Galicia e contribuír ao desenvolvemento cultural de alí. Pero nun futuro próximo aínda me vexo aquí en Austria. Tamén me sinto en débeda con Austria porque sempre me trataron moi ben e síntome valorado aquí. Tampouco descartaría irme a outro sitio afastado se se dá a oportunidade.
Estamos seguros de que, a pesar da túa longa traxectoria, aínda tes moito que ofrecer ao mundo da música. Como ves ao Juan de dentro de 5 anos? Cales son os teus soños artísticos aínda por cumprir?
Pois gustaríame ser máis artista e menos docente. Ter máis tempo para crear e desenvolver os meus propios proxectos. Xa me encanta a miña vida, pero gustaríame seguir investindo tempo en perfeccionar os meus coñecementos, as miñas experiencias, as miñas técnicas para poder ofrecer unha creación artística de valor que entretña e que convide á reflexión e que nos permita mellorar como sociedade.
Graciñas Juan. Apertas :)
Grazas chavales :)
