top of page

ALÉN DA MÚSICA (VII)

SÉTIMA SESIÓN

06/04/2022


Unha das claves para seguir mellorando o noso produto como artistas e como grupo e a crítica, tanto a que nos chega dende persoas externas, como a propia autocrítica que nós establecemos sobre o noso traballo. Detectar aquelas cousas que nos gustan e nos fan crecer é imprescindible para mantelas e sacar o máximo proveito. Decatarnos daqueles erros ou elementos a mellorar é esencial para adoptar novos e mellores hábitos. O noso camiño non é doado: non todas as bocas falan de xeito construtivo, nin é sempre doado asumir que non estás a facer ben unha cousa á que lle dedicas tantas horas ao día.


Entre outras moitas cousas, o público ofrécenos aos artistas un feedback único, unha perspectiva do noso traballo que só el nos pode dar, saiba o que saiba ou teña a idade que teña. A nosa música está dirixida a un público universal, e toda opinión fundamentada é relevante no noso camiño. No último concerto que ofrecemos en Palma de Mallorca, no Teatre Sans, tivemos a sorte de contar entre os asistentes co crítico cultural Fernando Merino, quen deixou no seu blog El Cuaderno de Pedropan unha crítica sobre a nosa actuación o pasado 18 de marzo, á que podedes acceder a continuación.



Para nós, estas palabras son de gran valor e, ademais de animarnos a seguir co noso proxecto e facernos sentir que todo o noso incansable traballo paga a pena, sírvenos para analizar e mellorar a nosa evolución.


Aquela noite no céntrico Teatre Sans tamén contamos coa asistencia do noso amigo Carles Expósito, fisioterapeuta e director de escena que por fin presenciaba unha das nosas performances despois das sesións de traballo en grupo que temos levado a cabo durante este curso. As súas palabras foron especialmente relevantes para nós: el leva orientando e observando a nosa evolución no que se refire a cohesión de grupo, posta en escena e saúde corporal dende o pasado mes de outubro.

Segundo a súa opinión, a nosa comunicación grupal é agora totalmente diferente, a posta en escena moito mellor e mesmo comezamos a romper barreiras co público, achegándonos a el mediante xestos, miradas e palabras. Porén, aínda quedan moitas cousas por traballar e acadar así o nivel artístico máis alto posible de Lítore Quartet.


Co obxectivo de seguir traballando a comunicación grupal e a cohesión do cuarteto, nesta última sesión levamos un paso máis alá os exercicios de roles de dominancia nos que dirixiamos o movemento do noso compañeiro empregando os nosos dedos, como se pode observar na seguinte imaxe.




Mediante combinacións diferentes, engadindo exercicios nos que debiamos pensar certas melodías, Carles nos guiou nesta sesión de traballo sen instrumento. A consciencia corporal e mental á hora do traballo unida á perseverancia, é clave para mellorar e seguir avanzando cara un obxectivo común: encaixar as 4 pezas que constitúe cada un de nós para formar unha figura definida, cohesionada e decidida a camiñar cara a mesma dirección.

LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page