top of page

ENTREVISTA A XABIER CASAL ARES

  • Foto del escritor: litorequartet
    litorequartet
  • 13 jun
  • 6 Min. de lectura

Hoxe traémosvos ao blog de Lítore unha entrevista moi especial. Grazas á nosa etapa como estudantes no Conservatorio Superior das Illas Baleares, puidemos establecer unha cálida amizade con Xabier Casal Ares, un dos saxofonistas e pedagogos máis recoñecidos do momento. Xabi viviu a música de cámara desde múltiples perspectivas e con diversos ensembles. Por este motivo, decidimos facerlle unha entrevista que contemple tanto os valores profesionais como persoais da música de cámara.


Gozade da entrevista. Moitísimas grazas, Xabi!


Xabier Casal Ares
Xabier Casal Ares

A música de cámara foi e segue a ser unha experiencia esencial na túa carreira, especialmente durante a túa etapa como saxofón barítono do Fukio Quartet. Que significa para ti a música de cámara no teu desenvolvemento artístico e persoal?


Para min significa moitísimo. Pensando en como respondervos e botando a vista atrás, decateime de que sempre tivo un espazo moi importante na miña vida. Desde os meus primeiros pasos na música, cando tocaba moito co meu irmán Nico (pianista e uns anos maior ca min), ata todos os anos de estudos, onde toquei en todo tipo de formacións mixtas e abranguín desde repertorio transcrito ata música electrónica e estreas de obras. Si que houbo un factor común: estes proxectos sempre xurdiron con bos amigos.


Despois chegou Fukio, e con el canalizouse toda esa suma de experiencias. Foi un proxecto ideal para min, que me deu a oportunidade de profesionalizar unha actividade que me encantaba. Visto con perspectiva, o máis interesante de todos estes proxectos é que de cada persoa coa que toquei aprendín moitísimo: sobre a maneira en que cadaquén entende a música, como traballa, como se relaciona e como se comunica no escenario. O mellor é que hoxe vexo en min cousas reflectidas de moitas destas persoas, coma se tivese tido moitos mestres que realmente me achegaron moito ao longo da miña vida.



Durante os teus anos con Fukio, que experiencias che resultaron máis enriquecedoras a nivel emocional? E cales che favoreceron máis a nivel profesional?


En canto ao profesional, o cuarteto deume oportunidades coas que sempre soñara. Toquei en salas e ciclos incribles por todo o mundo e tiven acceso a grandes festivais onde o saxofón apenas tivera presenza. Gravei discos, compartín escenario con músicos impresionantes... e un longo etcétera. Viver en Alemaña abriume as portas a tocar en circuítos de altísimo nivel e a ter unha actividade concertística constante, dedicándome case por completo a tocar durante practicamente todos os anos no cuarteto.


A nivel emocional hai moitísimas experiencias, porque a relación dentro dun cuarteto é moi intensa e especial, convértese nunha familia. Seguro que cada un de nós temos momentos que nos marcaron emocionalmente de forma distinta… Eu quedaría, por unha banda, cos nosos primeiros recoñecementos en concursos importantes, pola ilusión de ver que o traballo daba froitos e traía grandes oportunidades; por outra banda, con momentos únicos de aprendizaxe, como os cursos de cámara de Weikersheim; e por último, con algunhas das nosas viaxes e xiras longas, como México e Taiwán no 2019, tanto pola experiencia musical en si mesma como polo factor humano e social, xa que coñecín xente marabillosa e vivín unha inmersión total en ambas culturas.


Fukio Saxophone Quartet (Joaquín Sáez, Xabier Casal, José Manuel Bañuls, Xavier Larsson)
Fukio Saxophone Quartet (Joaquín Sáez, Xabier Casal, José Manuel Bañuls, Xavier Larsson)

Aínda es unha persoa moi nova, pero a túa ampla traxectoria converteute xa nun referente consolidado para as novas xeracións de saxofonistas, especialmente desde que ocupas a praza de profesor de saxofón no Conservatori Superior de les Illes Balears. Que che gustaría transmitir aos mozos músicos que están no momento no que ti estiveches hai uns anos?


Ben, grazas antes de nada. Principalmente diríalles que non teñan présa, que aprendan todo o que poidan, que fagan de todo (tocar, ensinar, viaxar, xerar proxectos...), que vaian descubrindo aos poucos as súas virtudes e as súas debilidades e vexan en que ámbito se senten máis cómodos. Segundo a miña experiencia ata agora, a música é un camiño que sempre vai acompañado de dúbidas e incertezas, así que para sobrevivir hai que aprender a toleralas e transformalas en acción.



Gustaríanos coñecer os valores que acompañan o teu desenvolvemento profesional. Cales dirías que son os 5 principios que actúan como motor da túa inquedanza artística?


Humildade: creo que sentir que un sempre ten cousas por aprender é un motor, algo motivador que impulsa a non conformarse nin dar nada por feito.


Esixencia: como sinónimo de dedicación e entrega no que un fai, entendendo que os resultados poden variar pero que o compromiso co proceso é esencial.


Autoconfianza: entender que cada un ten os seus propios procesos e que non hai que ter présa por chegar a ningures. A paciencia é fundamental, así como facer as cousas sendo fiel e honesto cun mesmo.


Apertura de mente: ser receptivo a novas ideas, estilos e estar sempre disposto a experimentar con moitas formas distintas de expresión.


Comunidade: compartir a música cos demais, traballar en equipo, ensinar, tocar en grupo... crear este tipo de espazos fai que todo o anterior cobre realmente sentido.



Que novas ideas ou proxectos tes en mente para o futuro?


Moitas! Esta é a primeira vez desde o 2012 que non teño o cuarteto como centro da miña actividade, e de feito, no plano artístico está a ser un proceso lento. Quería tomarme as cousas con calma, primeiro buscar un pouco de descanso, cousa que facía tempo que non tiña, e logo ver que me apetecía facer e atopar a motivación para xerar proxectos cos que goce e cos que me vaia sentindo cada vez máis representado. Este ano, a verdade, fixen plans moi heteroxéneos tamén con esa intención: nos concertos que din toquei repertorio de máis de 25 compositores, desde o barroco ata estreas actuais. Foi unha maneira de explorar e sacar conclusións para orientar ideas futuras.


A curto prazo teño dúas estreas en marcha: unha obra para saxofón barítono de Mateu Malondra, que forma parte do seu ciclo Modular, e un dúo para saxofón e percusión de Vladimir Guicheff, que estrearei xunto a Carlota Cáceres a finais de ano. Este dúo está concibido para funcionar tanto como obra concertante (con ensemble de saxos e percusión) como nun formato máis íntimo. Será un proceso moi enriquecedor.


Ademais, en Mallorca formo parte do TEC Ensemble, co que facemos un proxecto moi bonito arredor da música contemporánea. Actualmente temos aberto un call for scores e interpretaremos as obras escollidas o vindeiro mes de outubro na Fundació ACA.



Os 4 Lítores lembrámosche como un profesor excepcional, a quen oxalá puidésemos seguir visitando cada semana, pero tamén pensamos en ti como un amigo co que quedaríamos os domingos pola tarde para falar da vida. É importante para ti manter unha boa relación persoal co teu alumnado? Cres que iso pode incentivar a aprendizaxe? Tiveches algunha experiencia na que tiveras que poñer límites á confianza con algún alumno?


Si, para min unha boa relación é fundamental, precisamente porque tiven experiencias opostas como alumno, e canto máis tempo pasa, máis vexo que houbo xente da que aprendín moito pero outra que, ademais, fíxome amar moito a música e sentirme ben facendo música. A día de hoxe son eses profesores os que máis admiro e aos que gardo máis cariño e respecto. Con algúns deles aínda hoxe manteño unha boa relación e seguen inspirándome. E falo de profesores desde os meus primeiros días na música, cos que fun coincidindo en todas as etapas da aprendizaxe.


Por iso creo que é tan importante: por suposto que o grao de aprendizaxe é maior nun ambiente de confianza, e considero que un alumno ten que ter a tranquilidade de poder expresarse sen medo a ser xulgado.



Entre os 4 Lítores, escollimos 4 palabras que te definen: confianza, tranquilo, xeneroso, entregado. Agora tócache a ti! Encantaríanos que nos definises a cada un de nós con 3 palabras, e tamén ao Lítore Quartet como grupo!


Jaime: humilde, reflexivo, perfeccionista


Sira: enérxica, creativa, teimuda


Hugo: elegante, honesto, apaixonado


Miquel: nobre, dinámico, pillabán


Lítore: talento, compromiso, orixinalidade



Tivemos a inmensa sorte de recibir clases de cuarteto contigo durante o curso 2021/2022. Como recordas a túa experiencia de traballo connosco?


Pois moi doada. Cando cheguei a Palma xa case todos estabades rematando o superior e erades un cuarteto moi sólido, así que darvos clase era un pracer. Xa funcionabades de maneira autónoma e tiñades moitísimos obxectivos, así que o máis que puiden facer foi acompañarvos e gozalo.



Lembras algunha anécdota connosco que quedase gravada na túa memoria por ser especial, graciosa ou significativa?


Moitas. Pero a que máis me deixou en shock foi ir cear ao voso piso a final de curso e, ao chegar, ir atopando fotos miñas impresas por cada recuncho da casa… estades fatal da cabeza ;)


Muchas. Pero la que más en shock me dejó fue ir a comer a vuestro piso un fin de curso y al llegar ir encontrándome en cada esquina de la casa fotos mías impresas…estáis fatal de la cabeza ;)


 
 
 
LOGO LITORE DEFINITIVO.png
23_04_1917_23_00cliente_ajuntament.png
INAEM 02 CAJETIN ROJO.png
LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page