top of page

ALÉN DA MÚSICA (II)

SEGUNDA SESIÓN

27/10/2021



Esta segunda sesión estruturouse ao redor dun Andante con toques impresionistas composto polo compositor francés Eugène Bozza no ano 1957, de novo guiados polo fisioterapeuta e director de escena Carles Expósito. Nesta ocasión, utilizamos en todo momento os nosos saxofones co obxectivo de focalizar o traballo nunha das aptitudes medulares do músico: a escoita. Que papel ten o factor auditivo no camiño cara ao abandono da nosa individualidade como intérpretes e a consecución dunha unión capaz de conformar un único instrumento?


Non todo na música é son: na maioría de ocasións, o factor visual ten unha gran importancia e contribúe, xunto ao resto de sensacións, á creación dunha experiencia multisensorial que o público percibe como unha unidade. Na música de cámara, o contacto visual é de gran importancia para conseguir a precisión técnica, expresar ideas ou transmitir un certo tipo de enerxía. É por iso que, ás veces, o uso excesivo deste sentido tradúcese nunha falta de escoita.


Co propósito de concentrarnos no sentido da audición, Carles situounos a cada un nunha esquina da aula, mirando cara á parede, bloqueando así a comunicación visual entre nós. Ante esta situación, que recursos temos para, por exemplo, articular xuntos unha nota de forma precisa? Este exercicio propiciou unha respiración grupal máis consciente, coa que tentabamos expresar parámetros coma o tempo, o carácter ou a dinámica. Tras uns minutos de traballo, conseguimos unha mellor precisión nas entradas e puidemos comprobar que non é necesario depender en tanta medida da comunicación visual.


En ocasións, dáse o caso de que cada membro do grupo coñece a súa liña musical á perfección, pero non o todo que conforman o conxunto das voces. Consciente desta tendencia habitual, Carles propuxo un exercicio no que el nos indicaba individualmente cando deixar de tocar, para así escoitar a melodía dos nosos compañeiros e facer evidente a importancia de todas as voces. Con todo, aínda que non estivésemos a tocar, debiamos continuar expresando a nosa liña a través do movemento; feito que evidenciou a importancia deste factor extra sonoro na interpretación.




Outro dos beneficios dunha escoita atenta e consciente é a capacidade para adaptarse aos diferentes roles que os membros do grupo deben asumir en cada momento. No seguinte exercicio, Carles propúxonos cambiar a xerarquía habitual desta obra, é dicir, adoptar o papel dominante cando non che corresponde. O resultado traduciuse en cambios no movemento, nos xestos e, principalmente, no son; chegando a desvirtuar a concepción orixinal da música. Tamén nos propuxo diferentes cambios de disposición na formación do cuarteto, como se pode apreciar na seguinte imaxe, co obxectivo de experimentar as sensacións que estas alteracións provocan en nós e no resultado musical.





Estes pequenos experimentos fixéronnos ter máis presente o cambio de roles que debe haber na nosa agrupación e fortaleceron a nosa capacidade para pasar de “dominante” a “dominado”. Finalmente, cando volvemos tocar a obra de forma habitual, notamos unha maior unidade e unha mellor fluidez no intercambio do rol de dominancia entre nós, en gran parte debido a unha escoita máis consciente.








LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page