top of page

XUNTOS NA DISTANCIA: SEGUNDO ENCONTRO

Despois de catro meses, os lítores puidemos por fin reunirnos de novo. Este segundo encontro da tempada concentrou todas as nosas enerxías na preparación do concerto do pasado luns 13 de marzo no Centro Botín de Santander. A oportunidade de tocar nesta incrible sala con vistas á baía da capital cántabra xurdiu do galardón que obtivemos na pasada edición do Concurso Internacional de Música de Cámara de Arnuero. Á súa vez, aproveitamos os días de intensos ensaios en Palma para acudir á gala de clausura e entrega dos premios Art Jove 2022, celebrada o sábado 11 de marzo.



O xoves día 9 de marzo xa estabamos todos en Mallorca, preparados para adicar as 24 horas do día ao cuarteto. Debiamos facer fronte a un variado repertorio que ía desde as harmonías de Eugène Bozza ata o minimalismo de Marc Mellits, pasando polo galope e as gaitas de William Albright e a nosa viaxe en tren preferida, musicada por Robin Hoffmann. Tampouco podiamos deixar pasar a oportunidade de apoiar a música de composición actual, así que decidimos levarnos tamén as obras de Aaron Siebert e a Eduardo Soutullo de viaxe a Santander. Non tiñamos tempo que perder: as horas de ensaio sucedéronse entre moito traballo e concentración, combinados co particular humor Lítore, que sen dúbida fai moito máis entretidos os ensaios.



Aínda que invertimos a maior parte das horas en preparar a nosa cita en Santander, tamén tivemos tempo para celebrar os aniversarios de Sira, que pasou o seu aniversario co saxofón entre mans; e tamén o de Hugo, que soprara as velas facía pouco menos dun mes. Non todo ía ser traballar!



O sábado día 11 de marzo fixemos un ensaio xeral no Conservatori Superior de Música de les Illes Balears, o noso centro de ensaios, ao que puideron asistir algúns alumnos da aula de saxofón do centro. Pola tarde acudimos á nosa cita no Teatre Municipal Mar i Terra de Palma para recoller o noso Primeiro Premio na categoría de agrupacións de cámara do Concurs per a joves intèrprets Art Jove 2022. Á súa vez, tamén participamos nas actividades culturais do evento interpretando as obras Andante et Scherzo de Eugène Bozza e Black de Marc Mellits. Parabéns a todos os compañeiros premiados!


Ás 7:00 da mañá saía o noso voo con destino Bilbao. Tras un bo madrugón e a habitual embalaxe con papel filme dos nosos saxofóns barítono e tenor, chegamos á cidade biscaíña dispostos a coller o primeiro autobús que nos levase ata o noso destino final: Santander. Tras gozar da fantástica gastronomía cántabra, ocupamos as primeiras horas da tarde do domingo coñecendo o auditorio do Centro Botín e gozando dos seus incribles vistas. Tras a proba acústica e un breve ensaio, reunímonos cos nosos pais, que novamente quixeron acompañarnos nesta aventura. Sen ningunha dúbida, son os nosos fans número 1, e o seu apoio é imprescindible para nós. Sodes os mellores!




Foron precisamente os nosos pais os que se decataron de que os nosos saxofóns aparecían na gran pantalla exterior do Centro Botín anunciando o noso concerto. Incrible!



O luns pola mañá vivimos unha experiencia nova para nós. Ás 10 horas daba comezo unha xornada con escolares dos primeiros cursos de educación primaria no Centro Botín, moderada polo compositor Esteban Sanz. Os pequenos santanderinos puideron vernos en acción interpretando pequenos fragmentos do noso programa, que xerou curiosos comentarios acerca dos nosos saxofóns. Unha experiencia marabillosa, sen dúbida. Con todo, nós seguimos preguntándonos: quedaríalles claro que un saxofón soprano NON é un clarinete?


Ás 18:30 estabamos no Centro Botín con moitas ganas de que chegasen as 20:00 para que dese comezo o concerto. A sala estaba chea e, a pesar do cansazo dos días anteriores, gozamos dun momento fantástico rodeado dun público riseiro, curiosamente máis novo do habitual. Foi un pracer recibir os aplausos dos melómanos de Santander nun lugar icónico como o é o Centro Botín, a quen queremos agradecer o seu recibimento e atención. Entre o público tamén nos atopamos con outras caras coñecidas, as de Antonio Margallo e Marco, organizadores do Concurso Internacional de Música de Cámara de Arnuero. Queremos volverlles agradecer a súa atención durante o concurso e o seu intenso amor pola cultura. Grazas de corazón por virnos ver, foi unha alegría atoparnos convosco de novo.


Con outro madrugón e uns cantos abrazos en Barajas, cada un de nós colleu unha escala de avión diferente para regresar ao seu lugar de estudos. Foi outra fantástica experiencia Lítore, na que crecemos, aprendemos e rimos xuntos. Isto non para!



LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page