Por primeira vez, nesta nova etapa que acabamos de comezar, puidemos dar vida a unha obra de nova composición adicada a nós. A estrea absoluta da obra Sax Quartet de Eduardo Soutullo tivo lugar o pasado 12 de novembro en Puebla de la Calzada, Extremadura, nun concerto enmarcado no XIV Ciclo de Música Actual de Badajoz.
O saxofón é un instrumento moderno e cun repertorio moi reducido en comparación ca maioría dos seus compañeiros. Vive en constante evolución e, dende o seu nacemento na década de 1840, non deixou de demostrar a súa sorprendente versatilidade para adaptarse á oleaxe de correntes musicais que sacudiron o século XX e as primeiras décadas do século XXI. Os intérpretes, cada vez máis numerosos e cunha mellor preparación, contribuímos ao seu avance levando as súas posibilidades sonoras ao máximo exponente, subíndoo a escenarios que aínda non coñecía e, como non, interpretando a nova música feita a medida para el.
A primeira obra dedicada a Lítore Quartet xorde dunha proposta que lle fixemos ao compositor Eduardo Soutullo hai pouco menos dun ano. Grazas á súa excelente disposición puidemos dar a luz a unha peza que, dende o día 12 de novembro, xa forma parte do repertorio orixinal para cuarteto de saxofóns. O traballo dos compositores é esencial neste camiño, e é por iso que durante estes meses mergullamos entre un feixe de papeis e a tediosa burocracia co obxectivo de retribuir o traballo de Eduardo, un fin que acadamos grazas ao suporte económico do Instituto Nacional de Artes Escénicas y de la Música.
Coas únicas directrices de compoñer unha obra de aproximadamente 8 minutos para formación instrumental de saxofóns soprano, alto, tenor e barítono, Soutullo ideou unha peza cunha distribución espacial do cuarteto afastada do formato habitual. No que é o seu primeiro Sax Quartet, Eduardo propón a colocación do soprano e do alto enriba do escenario e o tenor e o barítono abaixo, nas gradas, todos eles separados entre si, co obxectivo de rodear e envolver sonoramente o público. E é que esta obra está inspirada no estilo coral que existía en Venecia alá polo século XVI (Cori Spezzati), que cultivaban autores renacentistas como Giovanni Gabrieli en espazos litúrxicos como a Catedral de San Marcos desta cidade italiana. Por aquel entón, era habitual distribuir en diferentes espazos das igrexas varios coros, e isto provocaba efectos de eco e outras particularidades sonoras nas que Soutullo se inspirou para compoñer a sua nova obra. A pesar desta inspiración renacentista, a linguaxe harmónica é ben diferente á desta época, conformando un discurso cunha sonoridade e unha enerxía que levan indubidablemente o selo de Eduardo Soutullo. O público, por tanto, recibe os sons do cuarteto fragmentados en catro, nunha experiencia sonora protagonizada polo eco, o son stereo e unha nova percepción do cuarteto de saxofóns.
O día 13 de novembro levamos esta obra a Nigrán, Galicia, e alí puidemos traballar brevemente con Eduardo algunhas cuestións musicais antes do concerto. Como sempre, é moi enriquecedor traballar con compositores, xa que deles aprendemos novas visións interpretativas moi útiles para o noso crecemento. Esperamos repetir esta experiencia moitas veces máis no futuro!
Este é o noso primeiro gran de area que contibúe á creación dun repertorio orixinal para cuarteto de saxofóns sólido e de calidade. Grazas, Eduardo, por apostar polo saxofón e por contar connosco para darlle vida á túa música.
Comments