CERTAMEN INTERNACIONAL DE JÓVENES INTÉRPRETES PEDRO BOTE - VILLAFRANCA DE LOS BARROS, 26-28 DE NOVEMBRO DE 2021
O pasado xoves 25 de novembro atopabámonos nun avión de camiño a Sevilla, xunto aos nosos saxofóns e un longo día por diante. Pero esta cidade andaluza non era o noso destino final, xa que pasariamos os próximos días en Villafranca de los Barros, un encantador municipio de aproximadamente 13.000 habitantes na provincia de Badaxoz. Alí celébrase cada ano o Certamen Internacional de Jóvenes Intérpretes Pedo Bote, un evento que reúne aos mellores músicos a nivel internacional e que este ano celebrou o seu XXIV edición. Neste artigo contarémosvos a nosa experiencia neste marabilloso concurso no que nos trataron tan ben e do que nos levamos o mellor dos recordos.
Tras unha viaxe en autobús de máis de dúas horas e un breve traxecto a pé pasado por auga chegamos a Casa Perín, hostal rural no que nos hospedamos durante eses días e no que, por certo, estivemos moi a gusto. “A casa dá sorte”, díxonos a caseira. O noso “oxalá” como resposta converteuse ao cabo dun par de días nun “pois tiña razón!”.
O día despois de chegar a Villafranca, o venres 26 de novembro, 12 concursantes participamos na fase de selección, que ocupou toda a mañá e parte da tarde. Isto nos permitiu asistir a moitas das actuacións dos nosos compañeiros, que desde o primeiro momento fixeron ver o seu gran nivel.
Xunto a 7 participantes máis, pasamos á semifinal do sábado 27, algo que para nós xa supuxo un logro enorme e nos deu a valiosa ocasión de, unha vez máis, defender enriba dun escenario o repertorio orixinal para cuarteto de saxofóns, especialmente o de compositores actuais como Guillermo Lago ou Héctor Parra. Á fin e ao cabo, son eles os que nos fan crecer, os que nos permiten dar vida ao cuarteto e dar a coñecer as infinitas posibilidades da familia do saxofón.
Chegar á final do día domingo 28 foi toda unha sorpresa tendo en conta o incrible nivel de tódolos participantes que, ademais, eran grandes persoas coas que tivemos a sorte de compartir estes días. Curiosamente, a final estivo repleta de canto grazas ás voces da soprano María del Mar Machado Morán e do dúo de canto e piano Dúo Lilium, xunto ás que foi un verdadeiro pracer compartir un momento tan importante para nós. De novo, foi toda unha honra poder dar a coñecer unha vez máis as obras piares do noso repertorio como o Cuarteto para saxofones de Alexander Glazounov e obras do repertorio contemporáneo como Der Blutige Schaffner (Revisor Sanguento) de Robin Hoffmann ou Fragments Striés de Héctor Parra, coa que obtivemos o premio á mellor interpretación dunha obra de compositor español. Durante todas as fases do concurso sentimos unha verdadeira conexión entre nós, un control total que nos fixo viaxar máis aló das notas e nos permitiu emocionarnos e gozar en cada intervención. Para nós recibir o segundo premio ex aequo co Dúo Lilium, sumado ao premio da mellor interpretación a unha obra de compositor español, supuxo un recoñecemento a todo o noso esforzo constante e cheo de ilusión que naceu en outubro de 2019 e que segue hoxe con máis forza que nunca.
Queremos aproveitar este pequeno artigo para destacar e recoñecer especialmente o traballo e o trato dos membros da organización e os compoñentes do xurado Justo Romero López, Miguel Espejo Pla, Iluminada Pérez Frutos, Carmen Solís e Enrique Palomares Chofre. O seu trato próximo e amable con todos os participantes, a súa humildade e o seu agarimo fixéronnos sentirnos moi a gusto tanto encima como fose do escenario, charlando e compartindo experiencias e anécdotas nos aperitivos que nos ofrecían na cafetería da Casa da Cultura. Tampouco podemos esquecer dar o noso parabén a María del Mar Machado, quen obtivo o primeiro premio nesta edición do concurso e, por suposto, ao resto de participantes polo seu gran nivel e compañeirismo.
Tamén poderedes ver clicando no seguinte botón unha crítica do presidente do xurado Justo Romero sobre os tres participantes da final. Moitas grazas Justo por apreciar o noso traballo e dedicarnos estas belas palabras!
Este trato humano e servicial esténdese a todas as persoas de Villafranca coas que nos cruzamos nesta viaxe e que con tanta amabilidade e simpatía tratáronnos. Unha desas persoas é Xisco, que desde a cafetería da Casa da Cultura fíxonos sentir como na casa durante esta experiencia.
Sen dúbida, levámonos unha das mellores experiencias vividas como cuarteto. Grazas Pedro Bote! Grazas Villafranca!
Comments