4 VISIÓNS DA DISTANCIA
- litorequartet
- 4 days ago
- 6 min read
En xuño de 2022 vímonos obrigados a cambiar a nosa forma de traballar. Os estudos de máster leváronnos ás cidades de Helsinqui, Maastricht e Zúric, finalizando así a nosa etapa en Mallorca, onde pasabamos as 24 horas do día xuntos. Neste artigo do blog contámosvos como cambiou a forma de traballar do cuarteto e as nosas relacións persoais a través de 4 reflexións.

Desde hai case 3 anos, separámonos para continuar os nosos estudos e a actividade do cuarteto continuou a distancia. Como cambiou a forma de traballar do Lítore Quartet para adaptarse a esta situación?
O inicio do traballo a distancia foi un gran reto para o grupo. Pasamos de vivir xuntos nun mesmo piso e ensaiar todos os días, a organizar períodos de ensaios intensivos e realizar os proxectos en datas máis compactas. Ademais de ter que manter o contacto a través de medios dixitais como o correo electrónico, Whatsapp e reunións en liña.
Desde o principio falouse da importancia da comunicación e o compromiso co proxecto, e chegouse a un acordo sobre como se ía realizar o traballo e as responsabilidades que asumiría cada un de nós. Respectar ese acordo e facilitar a comunicación entre as catro partes foron sempre claves para manter a actividade e un bo ambiente de traballo e relación persoal dentro do grupo.
A execución das tarefas tamén cambiou. Por unha banda, existe un reparto desas tarefas que tentamos que sexa o máis equilibrado posible. Cada persoa sabe cal é a súa función e como debe desenvolvela para que o proxecto avance, así como para evitar sobrecargas de traballo aos demais. Por outra banda, facemos reunións regulares para manter a actividade do Lítore Quartet actualizada, resolver os problemas que xurden nos proxectos que temos en marcha e seguir creando novas iniciativas artísticas.
Cando nos xuntamos para os ensaios intensivos, que normalmente rematan cun proxecto (ou máis), o tempo aproveitase de forma moi eficiente e intensa. Pasamos de non vernos en persoa durante semanas, a convivir todo o día xuntos. Nestes períodos os ensaios organízanse para preparar o proxecto final, ademais de avanzar traballo para proxectos futuros.
Para nós tamén é moi importante deixar tempo para compartir a nivel persoal fóra do ensaio, como por exemplo visitar algún lugar, saír comer ou facer algunha actividade de lecer xuntos. Deste xeito, recuperamos o tempo perdido na nosa "relación a distancia" e poñémonos ao día. Nestes pequenos momentos sentimos que o tempo retrocede á época na que compartiamos toda a xornada, e eses momentos son os que tamén manteñen vivo o proxecto e con máis ilusión ca nunca.
O concepto que máis cambiou, e que segue evolucionando coa actividade híbrida do proxecto, foi a comunicación. Por unha banda, é importante manter un contacto activo para levar a axenda ao día e para que cada membro poida facer correctamente o seu papel dentro do grupo. Isto implica responder diariamente ás mensaxes dos compañeiros (no noso caso, a través do grupo de Whatsapp) e manter o correo electrónico ao día.
Por outra banda, no aspecto interpretativo mantémonos abertos á escoita. Ser reactivos nos ensaios e concertos, así como deixar espazo e acoller sempre con boa actitude as propostas musicais dos compañeiros, foi imprescindible para crear un produto artístico de calidade.
Finalmente, a proactividade no diálogo para evitar malentendidos persoais e manter unha relación de amizade sa é algo que todos temos en conta. Como en calquera relación, hai que ser empáticos, crear un espazo cómodo para todos e facilitar a comunicación cando xurde un problema ou malestar. Mirar polo ben común e polo benestar dos compañeiros foi clave todos estes anos e desexamos mantelo no futuro.
A xestión administrativa do grupo é unha parte esencial para o funcionamento do cuarteto. Que cambios houbo neste aspecto?
A xestión administrativa permítenos planificar as liñas de actuación do cuarteto, e baséase na realización de reunións e nas tarefas asignadas a cada membro. O principal cambio entre as dúas etapas é a forma de comunicarnos.
Durante os nosos anos de convivencia en Palma, a xestión era máis áxil, pois pasabamos a maior parte do tempo xuntos. Esta situación facilitaba a comunicación e a programación de reunións. Moitas veces, entre ensaios, clases ou na casa, falabamos de cousas relacionadas co cuarteto. Aínda así, era necesario marcar un momento para sentármonos e falar con calma. Por iso, cada semana ou cada dúas semanas faciamos unha reunión. Ese tempo dedicábase a debater obxectivos, repartir tarefas individuais, propoñer ideas ou organizar a axenda. Toda a información rexistrábase nunha acta escrita para consultar despois.
En cambio, a nosa etapa a distancia caracterízase pola comunicación mediante novas tecnoloxías. Para salvar a distancia entre os membros do cuarteto, o uso de chats e videollamadas son as ferramentas principais. As reunións manteñen a mesma estrutura, pero cambia o canal, que agora é virtual.
Un aspecto importante da nosa xestión é a experiencia adquirida ao longo de cinco anos de proxecto. Isto quere dicir que a realización de tarefas administrativas fíxonos coñecer mellor a área de xestión, sendo así máis eficaces e rápidos. Por exemplo, se temos que elaborar unha proposta artística para unha convocatoria, xa temos modelos ou propostas listas para entregar rapidamente. Tamén sabemos como cubrir as inscricións e que documentos son necesarios, polo que xa temos todo preparado. Por último, coñecemos os períodos de publicación das principais convocatorias e concursos, polo que podemos planificar con antelación.
3. Pasamos de compartir as 24 horas do día e ensaiar case todos os días, a vernos de forma periódica e por poucos días. Que cambios houbo nas relacións persoais entre nós?
Creo que as relacións persoais non cambiaron moito en canto á calidade, pero si en canto á frecuencia. Durante os anos de convivencia fomos capaces de crear un vínculo próximo e familiar entre todos, que nos axudou a mellorar o nivel musical do cuarteto, coñecérmonos mellor, etc. Sen dúbida, ese vínculo tamén foi un gran apoio moral para compartir dificultades nos estudos e recibir consello ante problemas persoais.
Na actualidade, conseguimos manter ese vínculo próximo, pero a diferenza está nas veces que interactuamos entre nós en comparación con antes. Agora temos menos interaccións por razóns evidentes, pero seguen sendo de calidade. Por último, algo positivo desta etapa é que, ao non convivir e vernos de cando en vez, todos ampliamos o noso espazo persoal e social fóra do grupo, e sempre que nos reencontramos facémolo cunha ilusión moi especial.
4. É moi probable que o futuro de Lítore se manteña como unha “relación a distancia”. Cales son as claves para manter un calendario de actividades interesante, o nivel do grupo e as nosas relacións de amizade?
Este tipo de “relacións a distancia” en agrupacións de música de cámara son moi habituais e implican unha forma de traballo baseada en xornadas intensivas de ensaio. En certo modo, esta situación leva ao grupo a organizarse con obxectivos concretos. A intensidade dos períodos de ensaio sempre está enfocada en sacar adiante un proxecto: un concerto, un concurso ou unha gravación.
Quizais a clave principal para o éxito a distancia é unha moi boa organización, baseada na repartición equitativa das tarefas e nun gran esforzo individual. Tomar decisións por consenso é esencial para o benestar do grupo, así como expresar con claridade os desequilibrios que poidamos sentir en canto a carga de traballo ou implicación. Se un de nós, por exemplo, nunca toma a iniciativa para crear novos proxectos, achegar ideas ou motivación, é necesario que os demais lle fagan saber o que está ocorrendo. A honestidade e a transparencia son aínda máis importantes na distancia, xa que as mensaxes escritas e o descoñecemento das situacións persoais ou profesionais poden xerar malentendidos.
Por outra parte, para manter o nivel do grupo, é necesaria unha preparación individual esixente e madura. Manter o nivel técnico é clave para que os ensaios flúan e para conseguir bos resultados en pouco tempo. Ademais, na medida do posible, ser activos noutras agrupacións, ensembles ou actividades é moi relevante para seguir desenvolvendo a madurez musical do grupo. Por exemplo, os estudos de pedagoxía, dirección ou xestión cultural que fixemos a nivel individual achegáronnos grandes ideas e habilidades que aplicamos ao cuarteto.
As nosas relacións de amizade son moi fortes e durante estes anos comprobamos que resistiron a distancia e mesmo se reforzaron. A clave para mantelas ten relación co que comentabamos antes: transparencia e empatía. É necesario saber expresar o que un sente, tanto a nivel persoal como profesional, e tamén saber entender aos demais para podermos apoiarnos da mellor maneira posible.
Comentários