XUNTOS NA DISTANCIA XIII – ENCONTRO FINAL DA TEMPORADA 2025/26
- litorequartet
- 4 days ago
- 3 min read
Updated: 1 day ago
Pechamos a tempada 2025/2026 co encontro máis longo e intenso da nosa historia: 11 actuacións, numerosas viaxes e actividades en tres países diferentes. Aínda que nas vindeiras semanas publicaremos resumos específicos dos catro grandes proxectos que levamos a cabo, neste artigo facemos un resumo de todo o que vivimos durante estas semanas.

O 29 de xuño comezabamos a nosa participación como profesores e artistas convidados no festival Vigo Sax Forum 2026, celebrado en Valladares (Vigo). No marco do festival, ofrecemos un concerto o 1 de xullo.

O 2 de xullo actuamos tamén en Montederramo (Ourense), no que foi o noso primeiro concerto dentro do programa AIEnRuta-Clásicos.

Tras unha primeira semana intensa, o 8 de xullo viaxamos a Gandía con Brais González para preparar a reposición do seu conto escénico Selkie. Despois duns días de intensos ensaios con Brais e coa directora de teatro Laura Moise, culminamos a xira de Selkie con catro representacións no Teatre del Raval de Gandía (16/07/2026), no Auditorio Hernán Naval de Ribadeo (18/07/2026), no Auditorio da Xuventude de Cambados (19/07/2026) e no Centro Veciñal e Cultural de Valladares de Vigo (20/07/2026). Ademais, realizamos unha gravación profesional do espectáculo que publicaremos proximamente.

O terceiro gran proxecto do verán comezou o 21 de xullo, cando asistimos ao noso primeiro ensaio coa Agrupación Musical do Rosal. Con esta magnífica banda compartimos escenario no World Music Contest Kerkrade, nos Países Baixos. O 1 de agosto interpretamos o terceiro movemento do Concerto para cuarteto de saxofóns e banda de David Maslanka. Ademais, unímonos ao resto da agrupación para interpretar El Jardín de Hera, de José Suñer, e Wine Dark Sea, de John Mackey, acadando unha puntuación de 95 puntos sobre 100 e a medalla de ouro na máxima categoría do certame.

Na madrugada do 2 de agosto, despois duns días inesquecibles de convivencia cos músicos da Agrupación Musical do Rosal en Colonia (Alemaña) e Kerkrade (Países Baixos), regresamos a Galicia. Os tres días seguintes vivímolos inmersos no Festival Música no Claustro, que nos acolleu no claustro da Catedral de Santa María de Tui nun concerto moi especial celebrado o 3 de agosto. Neste concerto estreamos a obra Lux Glaciei da compositora Irene Cantos, gañadora da nosa convocatoria de composición do ano 2026. Ademais, participamos noutras actividades e asistimos a outros concertos do festival.

Este longo encontro, no que pasamos practicamente 38 días xuntos, chegou ao seu fin coa última actuación no O Rosal Cámara Fest, na parroquia de Tabagón (O Rosal), o 5 de agosto.

