ENTREVISTA A IRENE CANTOS
- litorequartet
- May 13
- 4 min read
Irene Cantos é a compositora gañadora da nosa convocatoria de encargo de composición 2026, na que participaron 30 mulleres compositoras españolas. Natural de Albacete, Irene non é só compositora, senón tamén pianista e produtora musical. Actualmente reside en Helsinki, Finlandia, onde realiza o máster de composición. Os seus intereses xiran arredor do diálogo entre a música renacentista e a contemporánea, en combinación con técnicas de electroacústica.
Hoxe traémosvos ao blog a entrevista que lle fixemos para que a coñezades un pouco máis. Imos aló!

1. Cóntanos, Irene. Cando e de que maneira descubríches a música?
Eu era moi pequena, duns dous anos máis ou menos, e tiña unha fascinación pola película Dumbo. Todas coñecemos esa escena surrealista e onírica de Disney, pouco habitual na súa filmografía. Dalgunha maneira, as imaxes fantasmagóricas dos elefantes —con cores contrastados e deformados, sincronizados coa música de fanfarria— resultaron impactantes. A escena presenta un estado alterado cunha fantasía iconográfica propia; algo me atrapou.
2. Actualmente cursas o máster de composición na Academia Sibelius da Universidade das Artes de Helsinki. Que outras institucións e lugares te acompañaron na túa aprendizaxe musical?
Comecei estudando piano no Real Conservatorio de Música e Danza da miña cidade natal, Albacete. Alí pasei os primeiros dez anos da miña formación musical. Máis adiante estudei o Grao en Interpretación na UAX, onde me graduei en 2019. Desde entón estiven traballando no mundo do cine, da produción musical e da interpretación, o que tamén foi unha enorme fonte de aprendizaxe.
3. O teu instrumento principal é o piano, e como intérprete tiveches unha traxectoria interesante. Segues mantendo actividade como pianista na actualidade?
Agora mesmo estou totalmente centrada na composición, xa que nunca tivera a oportunidade nin o tempo de dedicarme a ela en profundidade. Quero darme ese tempo para compoñer e tamén para aprender sobre interpretación de Música Antiga, e non preocuparme demasiado pola miña actividade como pianista. Estou convencida de que atoparei a maneira de compaxinar ambas facetas dun modo equilibrado.
4. Pódese dicir que o teu perfil artístico é multidisciplinar, xa que non só es pianista e compositora, senón que tamén realizas proxectos de produción musical e tes estudos en intelixencia artificial e ciencia de datos. Que peso ten cada unha destas disciplinas na túa vida actual? Que relevancia che gustaría que tivesen no futuro?
Sempre tiven moitos intereses ao longo da miña vida, varias fiestras abertas e a curiosidade de exploralas. Coa experiencia vou recoñecendo as pezas que encaixan e vendo que todo o aprendido pode aplicarse de maneira transversal. Nese sentido, non me considero experta en nada, porque como ben comentades, non me privei de investigar en diferentes disciplinas. Pero ao mesmo tempo considero que isto abre expectativas laborais. Por razóns evidentes, non podo abarcar todas as áreas mantendo o mesmo ritmo. De feito, teño que esforzarme en crear espazos baleiros, descansos e pausas para logo reconectar enfocada. Neste momento, aínda cun volume de traballo e unha esixencia elevados, intento dosificarme para gañar tempo libre, poder ler e escribir, ir a exposicións, concertos, e nutrirme desas cousas máis inesperadas.
5. En Lítore Quartet sempre foi unha prioridade apoiar os compositores e compositoras actuais, especialmente aqueles que están iniciando a súa carreira. Este ano decidimos apoiar en concreto o colectivo de compositoras nacionais. No teu camiño como compositora, sentícheste respaldada por iniciativas que fomentasen o teu desenvolvemento profesional? Sentícheste valorada e apoiada polo contexto social que te rodeaba?
Realmente, a persoa que máis dúbidas me xerou e que máis me esixiu fun eu mesma. Tiven a sorte de nacer nun tempo e nunha familia onde puiden elixir, con maior ou menor liberdade, pero puiden elixir, que non é pouco. Coa composición tiven unha relación un tanto enigmática, oculta ou hermética. Cando era pequena, o respecto e a idealización que mostraban “os maiores” cara aos compositores (compositoras, coñecía poucas ou ningunha) era tal que nin sequera me permitía imaxinar que eu tamén podería crear música. Sen dúbida, acceder á Academia Sibelius é un punto de inflexión importante na miña carreira, por non dicir o máis importante ata a data. Agradezo que existan convocatorias como a vosa porque son unha oportunidade para seguir construíndo nun entorno profesional e digno.
6. Temos moitas ganas e ilusión por comezar este novo proxecto contigo. Que expectativas tes deste proxecto con Lítore Quartet? Que che gustaría levar desta experiencia?
Sen dúbida é un proxecto que me motiva. Non só por traballar man a man con músicos excelentes coma vós, senón tamén porque é o primeiro proxecto co que abro de maneira consciente unha liña de investigación que explora o período renacentista e o seu paralelismo co presente.
7. En Lítore gústanos especialmente ser partícipes do proceso creativo das obras e establecer conexións máis alá do musical coas persoas coas que traballamos. Que opinión tes desta filosofía de traballo? Cres que enriquece o proceso compositivo, ou que podería chegar a limitar a túa expresión como compositora?
A creación é un proceso individual, o que implica que gran parte do traballo sucede na reflexión interna. Pero iso non entra en conflito coa interacción con outras persoas que, se se procura un diálogo en boa sintonía, enriquezan o proceso conxunto. Todo o que rodea unha nova creación pode ser un motivo xerador, dependendo do grao de resonancia coa idea latente.
8. Que pasos segues para compoñer unha nova obra? Segues sempre unha mesma metodoloxía, ou utilizas un proceso creativo diferente en cada obra?
Non compoño con ningunha metodoloxía concreta. Cada composición é unha páxina en branco onde non existen camiños preestablecidos nin fórmulas. A maneira na que acabo chegando ao “obxecto” final sempre é diferente.
9. Como te definirías como compositora en tres palabras?
Non me defino.
10. Cales son os teus proxectos artísticos para este ano 2026? Que soños che gustaría cumprir nos próximos anos?
Ademais deste fermoso proxecto convosco que poderemos gozar na Catedral de Tui, teño en mente outros traballos paralelos que inclúen órgano e electrónica. Por outra banda, tamén estou realizando un proxecto conxunto co Studio Canthier no que a creación artística e a investigación histórica van da man. Nel encárgome de explorar e deseñar o concepto sonoro mediante técnicas de música electroacústica.
