A nosa experiencia no concurso de interpretación de música de nova creación re_cre@
- litorequartet
- 1 day ago
- 2 min read
O 25 de xaneiro recibíamos a noticia da nosa selección para o concurso de interpretación de música de nova creación re_cre@. Dúas semanas máis tarde, xa nos atopabamos en Molins de Rei ensaiando para preparar este concurso celebrado en Castellón de la Plana, no que finalmente recibimos o segundo premio. Neste artigo do blog, contámosvos todos os detalles desta experiencia.
O sábado 7 de febreiro aterrabamos en Barcelona tras as nosas viaxes desde Palma, Vigo, Zürich e Helsinki. O obxectivo deste encontro era preparar a conciencia a nosa intervención no concurso re_cre@, onde nos reencontrariamos co noso gran amigo Juan Alonso e o seu ensemble Argo Kolektiv. O noso programa consistiu nunha selección das seguintes obras: Fragments Striés de Hèctor Parra, os estudos Pypes e Phantom Galop de William Albright, e Der Blutige Schaffner de Robin Hoffmann.

Entre os días 7 e 10 de febreiro fomos acollidos unha vez máis por Eva e Jordi, os pais de Miquel, aos que non podemos deixar de reiterar o noso agradecemento polo seu cariño e atención. Ademais, puidemos gozar da incrible comida de Eva e do cálido inverno do Mediterráneo que tanto botamos en falta os que o temos lonxe.
O martes 10 de febreiro, por causa da folga de maquinistas de tren, non puidemos usar o transporte público para chegar a Castellón. Vémonos obrigados a alugar un coche para chegar ao noso destino, onde nos esperaba unha noite de hotel que o propio concurso nos ofreceu gratuitamente. Esa mesma noite atopámonos co noso vello amigo Juan Alonso, unha persoa que ademais foi unha fonte de inspiración para nós desde os nosos inicios como cuarteto. De feito, Juan forma parte da historia de Lítore, xa que substituíu a Hugo en 2021 na xira de concertos Alén cando o noso tenor se contaxiou de covid. Por todo o aprecio e admiración que lle temos, proximamente dedicarémoslle un artigo moi especial no noso blog.
O concurso re_cre@ celebrouse o mércores 11 de febreiro pola mañá na Sala de Cámara do Auditorio e Palacio de Congresos de Castellón de la Plana. Nesta ocasión, optamos por un formato de performance sen solución de continuidade, é dicir, sen interrupcións nin aplausos entre obras. Para manter a tensión e transitar dunha peza a outra, utilizamos movemento escénico e elementos sonoros como o uso de sons de aire. Tamén engadimos efectos de luces grazas á axuda do técnico Pau. O xurado, formado por Annesley Black, Alexander Schubert e Beatriz Traver, outorgou o primeiro premio aos nosos amigos de Argo Kolektiv, polo que a nós se nos concedeu o segundo premio. Como curiosidade, tras o fallo do xurado, descubrimos que Annesley é a muller de Robin Hoffmann, o compositor da última obra que interpretamos.
A nosa noraboa ao concurso re_cre@ por unha gran organización e polas condicións ofrecidas aos participantes. Por suposto, noraboa tamén ao Argo Kolektiv, a quen foi un pracer coñecer en vivo. Como consecuencia do segundo premio, volveremos a Castellón para ofrecer clases maxistrais e un concerto no Conservatori Superior de Castelló. Levamos un grande aprendizaxe desta experiencia e dos consellos do xurado. Ata pronto!



