top of page

XUNTOS NA DISTANCIA X: ENCONTRO FINAL DE TEMPADA 2024/25

  • Writer: litorequartet
    litorequartet
  • Aug 4
  • 3 min de lectura

Entre o 22 de xuño e o 10 de agosto levamos a cabo o encontro final da xa pasada tempada 2024/25. Nos dous artigos anteriores do blog contámosvos a nosa experiencia como docentes e artistas convidados no curso Vigo Sax Forum e tamén as nosas aventuras no Festival Internacional de Saxofón de Palmela, en Portugal. Neste artigo do blog contámosvos o resto de proxectos que realizamos durante este encontro, que foi, por certo, o máis longo ata o de agora.


Lítore Quartet, durante a fase final da 112ª convocatoria do concurso de Xuventudes Musicais de España, na modalidade de música de cámara. 27/06/2025
Lítore Quartet, durante a fase final da 112ª convocatoria do concurso de Xuventudes Musicais de España, na modalidade de música de cámara. 27/06/2025

O día 23 de xuño comezamos os ensaios co obxectivo posto no concurso de Xuventudes Musicais de España na modalidade de música de cámara. Nesta ocasión, celebrábase a 112ª edición deste histórico certame, no que participamos por segunda vez. Para a primeira rolda presencial do concurso, preparamos o estudo Pypes das Fantasy Etudes do compositor William Albright e o Andante et Scherzo de Eugène Bozza. Para a rolda final, propuxemos un programa composto polo estudo Phantom Galop, tamén de Albright; os Fragments Striées de Hèctor Parra; e o Cuarteto para Saxofóns de Alfred Desenclos. Ademais dos intensos ensaios entre O Rosal e Belesar, ofrecémos un concerto na Igrexa de Santa Mariña do Rosal o día 25 de xuño co repertorio do concurso.


Lítore Quartet durante o seu concerto na Igrexa de Santa Mariña do Rosal. 25/06/2025
Lítore Quartet durante o seu concerto na Igrexa de Santa Mariña do Rosal. 25/06/2025

O día 26 viaxamos en tren ata Madrid para descansar e prepararnos para a semifinal do día seguinte. A pesar das temperaturas de ata 40 ºC, pasamos uns días moi intensos rodeados de compañeiros e amizades. Aínda que conseguimos pasar á final e marchamos moi satisfeitos coa nosa actuación, esta vez tampouco se nos concedeu ningún galardón. Este concurso foi un deses obxectivos que tivemos desde os nosos comezos, e faciámonos moita ilusión obter algún recoñecemento. Fomos seleccionados nas 3 últimas edicións como participantes do certame, e nas dúas nas que puidemos acudir, chegamos á final. Non sentimos o feito de non ser premiados como unha espiña cravada, senón como parte da nosa traxectoria no certame e un punto clave no noso crecemento. Foi unha experiencia algo dolorosa polo significado da ocasión e pola imposibilidade de volver presentarnos no futuro debido ao límite de idade. Isto demostra que non todos os pasos son “exitosos” e… quen sabe? Quizais estas vivencias sexan as que máis nos fagan evolucionar.


Lítore Quartet e A Delta Trío, tras coñecer o seu pase á final do concurso JME. 27/06/2025
Lítore Quartet e A Delta Trío, tras coñecer o seu pase á final do concurso JME. 27/06/2025

O resto de proxectos do encontro podedes coñecelos a fondo nos nosos artigos anteriores do blog. Con eles, pechamos unha tempada chea de novidades e obxectivos cumpridos: dez días de formación de altísima calidade en Weikersheim e a nosa estrea en Alemaña no mes de setembro; as xornadas de ensaio en Helsinki, a nosa estrea en Finlandia e a nosa participación no concurso Montserrat Alavedra en novembro; a estrea do proxecto Selkie en novembro, que é quizais o máis innovador e significativo que realizamos; a celebración do noso quinto aniversario en Palma en marzo; e por último este encontro final de tempada, no que nos estreamos en Portugal. En conclusión, foi unha tempada con 5 proxectos de grande interese artístico e desenvolvemento persoal e profesional, nos que ampliamos o noso impacto internacional actuando en 3 novos países e mantivemos o noso compromiso co apoio aos compositores actuais mediante a estrea de Selkie, de Brais González. Imos a por a seguinte tempada con máis forza ca nunca!




 
 
 
LOGO LITORE DEFINITIVO.png
23_04_1917_23_00cliente_ajuntament.png
INAEM 02 CAJETIN ROJO.png
LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page