top of page

XUNTOS NA DISTANCIA VII: HELSINKI E PARTICIPACIÓN NA 15ª EDICIÓN DO PREMIO BBVA DE MÚSICA DE CÁMARA MONTSERRAT ALAVEDRA


Na noite do 30 de outubro, Sira e Hugo aterrában finalmente en Helsinki tras un longo día de viaxe. Así comezaba o noso último encontro que, ademais de moitos ensaios e novas experiencias, incluíu o noso debut en Finlandia cun concerto en Helsinki e a nosa segunda participación no Premio BBVA de Música de Cámara Montserrat Alavedra en Terrassa.



O xoves 31 de outubro iniciamos os ensaios intensivos, desta vez nas instalacións da Sibelius Academy, en Helsinki. Para participar no concurso precisabamos preparar unha hora de música, así que dedicamos as nosas xornadas de traballo a pulir os detalles das obras Andante et Scherzo de Eugène Bozza, Fantasy Etudes de William Albright, Fragments Striés de Hèctor Parra, The Sobbing of the Phoenix de Aaron Siebert e o Cuarteto para saxofóns Op. 109 de Aleksandr Glazunov.

O venres 1 de novembro aproveitamos a visita do saxofonista e profesor da Universidade de Texas Stephen Page á Sibelius Academy para recibir unha clase con el e escoitar os seus consellos. Moitas grazas, Stephen, pola inspiradora clase maxistral sobre o cuarteto de Aleksander Glazunov.



O sábado 2 de novembro participamos no Oyster Fest, un evento en Helsinki protagonizado polas ostras, un produto gastronómico que os asistentes puideron desfrutar acompañado da nosa música. Foi unha experiencia divertida e unha boa preparación para o concerto do día seguinte.



O domingo 3 de novembro organizamos un concerto no Balderin Sali, no corazón de Helsinki, onde interpretamos todo o repertorio do concurso e nos estreabamos oficialmente en Finlandia. Nun espazo moi acolledor, desfrutamos da boa acústica da sala e quedamos satisfeitos co resultado musical. Agora quedábannos uns cantos días máis de traballo ata a primeira fase do concurso, para descansar e ultimar detalles.






Ademais de ensaiar, tamén tivemos tempo para escoitar un concerto fantástico da Orquestra Filharmónica de Helsinki (Helsingin Kaupunkin Orkesteri), cear sushi, visitar algún museo e gozar da primeira nevada da tempada. ¡Non todo vai ser traballar!




O xoves 7 de novembro xa estabamos todos na casa de Miquel e, como sempre, moi ben coidados por Eva e Jordi. O venres pola mañá fixemos un breve ensaio, comemos cedo e marchamos a Terrassa. Sentímonos moi ben tocando durante a primeira rolda e saímos do escenario satisfeitos. Tocaba esperar para saber que grupos pasarían á semifinal do día seguinte, e non foi ata as 23 h que recibimos o correo informativo. ¡O bo sempre se fai esperar! Ao día seguinte participaríamos na rolda semifinal pola tarde.


Na semifinal as sensacións foron algo diferentes, aínda que tamén quedamos bastante satisfeitos coa interpretación. O nivel desta edición do concurso foi moi alto e, a pesar da nosa intensa preparación, non puidemos estar entre os 3 grupos finalistas. Aínda así, foi unha experiencia enriquecedora, na que tamén puidemos reencontrarnos con varios compañeiros aos que facía moito tempo que non viamos. Parabéns a todas as agrupacións!


Aínda que o domingo non tiñamos que tocar, si tivemos que traballar. Tiñamos que gravar fragmentos da narración do noso próximo proxecto, a obra Selkie do compositor Brais González. Foi unha xornada intensa de traballo diferente e divertido. ¡Pronto poderedes ver o resultado final!




O luns 11 de novembro despedímonos no aeroporto de Barcelona, pechando así un encontro máis de Lítore. Nesta ocasión, queremos dar as grazas especialmente a Eva e Jordi, que nos acolleron, coidaron e alimentaron con todo o cariño durante os nosos días en Cataluña. Ata a próxima!



Comments


LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page