top of page

Lítore en Weikersheim! 69º Jeunesses Musicales Deutschland ICMC

Xabier Casal, noso querido profesor, sempre nos falaba dun curso nunha vila perdida no medio de Alemaña onde podías xogar ó futbolín co Cuarteto Casals e, de paso, aprender como en ningún outro lugar sobre a música de cámara. Esa vila chámase Weikersheim, y alí pasamos 10 intensos días como participantes da 69ª edición del Jeunesses Musicales International Chamber Music Campus. Foi unha experiencia inesquecible na que coñecemos persoas e artistas únicos. Neste artigo contámosvos os detalles deste novo capítulo Lítore!



Parece que xa se converteu en tradición: un bo encontro sempre comeza cunha odisea para chegar ó lugar de destino. O día 4 de setembro comezaban as nosas viaxes desde Tomiño, Molins de Rei, Helsinki e Zürich. Despois dunhas horas de voo chegábamos a Alemaña divididos entre graves e agudos: Sira e Jaime a Frankfurt, e Miquel e Hugo a Stuttgart. Agora soamente faltábanos coller unhas cantas conexións de tren ata o noso destino final: Weikersheim. Esta vila de conto, de menos de 8000 habitantes e situado na rexión de Baden-Wüttemberg en Alemaña, acolleu entre as súas históricas rúas e edificios a 69ª edición deste curso organizado por Jeunesses Musicales Deutschland. Nesta ocasión, compartimos a experiencia con outros 19 grupos, entre eles os nosos compañeiros do cuarteto de saxofóns Osimun Quartet, o trío de saxofóns A-Delta, o quinteto de metais KamBrass, 3 tríos de piano, violín e cello e 13 cuartetos de corda.


Durante todos eses días, durmimos e comemos nunha residencia da propia institución de Jeunesses Musicales Deutschland. Durante certos días, compartimos as instalacións con outros grupos de músicos, aínda que contabamos coas nosas propias habitacións para dúas ou tres persoas. As comidas eran abundantes e podías repetir as veces que quixeses, e aínda que uns días a calidade era mellor que outros, o servizo e a variedade foron moi bos en xeral. Ata as cuncas e os pratos tiñan o logo de Xuventudes Musicais! Sentímonos moi cómodos vivindo alí durante esas semanas, e tamén sorprendidos de que na vila haxa unhas instalacións tan boas exclusivamente para acoller residencias musicais.


Cada día contábamos con 3 horas de reserva dunha aula para ensaiar. O mellor de todo é que o faciamos no incrible castelo de Weikersheim, o cal ten unha parte acondicionada para a actividade musical con numerosas aulas, pianos de cola e salas de concerto. Do aloxamento ó castelo simplemente tiñamos que andar 5 minutos. Non había escusas: era unha contorna ideal para ensaiar e aprender ó máximo! E así o fixemos. 



Cada día pola mañá ou á primeira hora da tarde, cada grupo tiña unha clase de 1 hora e 30 minutos cun dos profesores do curso. Nesta edición, puidemos aprender de Arnau, Abel, Vera e Cristina, do Cuarteto Casals; Angelika Merkle, pianista; Gregor Sigl, do Cuarteto Artemis; e Heime Müller, director artístico do curso. O primeiro día, despois de chegar da nosa longa viaxe, tódolos grupos tivemos que tocar 10 minutos. Este pequeno concerto interno serviu para que os profesores escollesen as agrupacións coas que querían traballar, xa que cada un imparte clase ao mesmo grupo durante 3 días seguidos. No noso caso, tivemos o pracer de traballar con Arnau Tomàs, violoncello do Cuarteto Casals; Cristina Cordero, viola do Cuarteto Casals; e a pianista alemá Angelika Merkle. Moitas grazas por compartir a vosa experiencia e darnos interesantísimas ideas desde a óptica dos instrumentos de corda!



Despois de moito tempo, por fin tivemos a oportunidade de sentarnos a traballar o repertorio con calma e pasar as 24h xuntos. Profundamos no Cuarteto para Saxofóns Op. 109 de Alexander Glazunov, o Cuarteto de Corda Op. 20 no. 5 de Joseph Haydn e os Fantasy Etudes de William Albright. Os ensaios foron intensos pero moi produtivos, e puidemos alcanzar un nivel de traballo en detalle que nos veu moi ben para afrontar futuros proxectos. Tamén aprendemos un montón escoitando ós nosos compañeiros, grupos de altísimo nivel, e asistindo a algunhas das súas clases. 



Nesta contorna idílica e nunha dás salas máis bonitas do castelo, a Rittersaal, o día 7 de setembro asistimos ao concerto do Cuarteto Casals, que demostraron porqué son un dos mellores cuartetos de corda do mundo. Días máis tarde contamos con outras actividades adicionais, como a charla da manager Sonia Simmenauer e as sesións de ioga coa oboísta Mirjam Budday. 



Unha das mellores cousas do curso foi a organización. Tódolos días había máis que suficiente tempo para aprender, ensaiar e descansar. Polas noites, reuniámonos na bodega do castelo para tomar algo e botar unhas partidas ao futbolín e ao billar. Alí podiamos facer todo o ruído que quixésemos, os prezos eran moi baratos e podiamos alongar a noite indefinidamente. Sen dúbida, este espazo foi esencial para coñecer a tódolos compañeiros e relaxarnos tralas horas de traballo. Uns días mesmo houbo un torneo de futbolín e outro, un karaoke. Grazas a Alisia e a Franka pola excelente planificación!


Esta incrible experiencia puxo o seu punto e final con 3 días de concertos nos que tódolos grupos participantes interpretaron un programa de 15 minutos en 3 lugares diferentes. A nós tocounos viaxar á cidade de Würzburg o día 13 de setembro e tocar na preciosa Toscana-Saal do palacio Residenz Würzburg. O noso repertorio foi Pypes, o segundo dos Fantasy Etudes de William Albright; a cuarta variación a la Chopin do segundo movemento do Cuarteto para Saxofones Op. 109 de Alexander Glazunov; e o terceiro movemento Finale da mesma obra. Recibimos boas críticas, tanto de compañeiros como dos profesores, especialmente sobre a nosa performance da obra de Albright. 



Tras tocar, Sira foise correndo á parada de bus camiño a Zürich, e o resto do cuarteto quedamos ata o domingo para aproveitar o último día de curso e a festa final. O domingo 15, colliamos o noso voo de volta á rutina, cansos, pensando xa na próxima aventura.


Non podemos esquecer dar as grazas a Oriol, Maria, Joan, Xavier e Guillem (KamBrass Quintet) e a Álvaro, Miguel e María (A-Delta Trío), pola vosa proximidade e agarimo. Foi un enorme pracer coñecervos máis profundamente e comprobar que non soamente sodes grandes músicos, senón grandes persoas. Ata pronto!



Comments


LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page