top of page

ENTREVISTA A HÈCTOR PARRA

litorequartet

Hoxe traémosvos a entrevista que lle realizamos a un dos máis importantes e recoñecidos compositores a nivel internacional, o catalán Hèctor Parra i Esteve. Durante a súa destacada carreira, formouse da man de mestres como David Padrós, Carles Guinovart, Brian Ferneyhough, Jonathan Harvey, Philippe Manoury, Philippe Leroux, Horacio Vaggione, José Manuel López López ou Michael Jarrell. Ademais, foi residente no IRCAM-Centro Pompidou en París e ensinou composición no Curso Internacional de composición e informática musical deste instituto. A súa proxección internacional levoulle a recibir numerosos e prestixiosos recoñecementos como o premio Nacional de Cultura 2017 da Generalitat de Cataluña ou o premio de composición da Fundación Ernst von Siemens (Alemaña) en 2011. Hèctor recibiu múltiples encargos de institucións e orquestras de todo o mundo, e a súa música presentouse en importantes festivais internacionais. Compuxo óperas que recibiron eloxios da crítica e o público, como Lles Bienveillantes, Wilde, e Das geopferte Leben.


Graciñas por concedernos esta interesante entrevista, Hèctor!




Para máis información sobre Hèctor Parra, aquí vos deixamos a súa páxina web!



 


1. Como xurdiu o teu interese pola composición e que é o que máis che gusta da túa profesión?


Aos 13-14 anos gustábame escribir pezas para piano imitando o estilo de compositores como Scriabin ou Poulenc. Ata os 24 dediqueime principalmente a traballar o piano, e tiven a sorte de ter profesores extraordinarios, como Mª Jesús Crespo. A súa influencia na miña actividade compositiva posterior foi moi forte, posto que o traballo técnico e musical de obras pianísticamente complexas de Liszt, Chopin, Brahms, Rachmaninov, Ravel, etc. marcou o desenvolvemento da miña propia escritura instrumental. Pero só foi a partir de 2002, unha vez instalado en París e traballando a música electrónica no IRCAM, que vin claramente que me tiña que dedicar a escribir. Dende o ano 2006 teño a sorte de poder vivir diso. O que máis me gusta de dedicarme á composición é o feito de concibir a permanencia de novos mundos e de poder vivir experiencias únicas a través de cada nova obra.


2. Nas túas notas ó programa, dis que “os Fragments Striés están inspirados na pintura de Pierre Soulages e, máis concretamente, nas poderosas estrías e reflexos luminosos que caracterizan os seus Peinture outrenoir dos anos oitenta e de principios dos noventa". Como coñeciches a este artista e por que che inspiraches no seu concepto pictórico para compoñer Fragments Striés?


Coñecín a súa pintura no Centre Pompidou en París o 2002. Axiña me fascinou, debido a que a experiencia de estar ante un dos seus cadros ten que ver coa percepción do espazo e do tempo, e a propia conciencia de existir: o negro masivo da súa pintura, que conforma un tipo de muro onde nos vemos reflectidos, convértese, tras contemplala uns minutos, nunha xanela cara a un mundo descoñecido.


3. Nunha ou poucas palabras, como definirías Fragments Striés?


Fragments Striés é unha obra breve composta por catro instantes, catro miradas á obra de Soulages, e concretamente a unha serie de cadros moi puros e de tamaño mediano, onde a direccionalidade das estrías, específica para cada cadro da serie, define a arquitectura do conxunto.


4. Interpretamos moitas veces a túa obra en concursos e concertos, e sempre nos atopamos que a todo o público lle gustaba. Mesmo grazas a ela conseguimos o premio á mellor interpretación dunha obra de compositor español no XXIV Certamen Internacional de Jóvenes Intérpretes Pedro Bote. Por que crees que esta obra funciona tan ben e ao público lle gusta escoitala?


Penso que, primeiro de nada, a sorte é miña de que este cuarteto sexa interpretado por músicos de tanta calidade e tan inventivos como o son Lítore Quartet! O compositor, en primeiro termo, escribe para os músicos, e estes son quen verdadeiramente transmiten ao público os pensamentos que hai na partitura. Pero durante este acto de transmisión -o concerto- os símbolos e as estruturas que o compositor deixou escritas ou suxeridas á partitura enriquécense enormemente e desenvólvense a través do pensamento e a emoción dos intérpretes. E isto é o que chega ao público, non…?



5. Como compositor, cales dirías que son os puntos fortes e débiles do saxofón como instrumento?


Vaia, non é unha pregunta fácil, e eu non son saxofonista! Diría que os puntos fortes teñen que ver coa plasticidade extrema do son do instrumento, tanto na articulación (desde os slaps máis secos e percusivos ao son tenuto máis continuo e misterioso) como na cor (desde o son máis simple e puro –máis complexo de entrada en todo caso que noutros instrumentos de vento como a frauta) ata sons nodais e complexos como multifónicos con trinos interiores). As posibilidades expresivas son extremas, así como as sutilidades de fraseo e de articulación que permite. A pesar de todo, a certos compositores preocúpalles o timbre do instrumento, que é moi característico e denso, ou certas connotacións músico-culturais (jazz, música de baile etc.)


6. Nos últimos anos estamos a vivir un incremento do número e nivel de saxofonistas e cuartetos de saxofóns. Ao mesmo tempo, os compositores están a escribir moito para o noso instrumento. Por que crees que está a acontecer isto na actualidade?


Simplemente penso que o saxofón é un instrumento de primeira orde, cunhas posibilidades expresivas tan afíns ao mundo actual, á súa riqueza, ao seu ritmo e ás súas cores…


7. Cales son as túas inquietudes ou proxectos presentes e futuros?


Inquietudes, uf, non o sei.. Hai tres días que acabei JUSTICE, unha ópera que se estreará o próximo 22 de xaneiro no Grand Théâtre de Genève. Con libreto de Finston Mwanza Mujila sobre un guió n orixinal de Milo Rae, esta ópera sitúanos en Katanga, no Sueste da República Democrática do Congo, onde en febreiro de 2019 unha das principais multinacionais extractoras de materias primas provocou un accidente con ácido sulfúrico no que perderon a vida 21 persoas, entre elas moitos nenos, pinga a pinga! Na ópera, tratamos o desequilibrio inxusto de poder entre unha sociedade civil completamente abandonada, empobrecida e a miúdo xenocida, un estado debilitado case inexistente, e as grandes multinacionais occidentais e asiáticas que continúan saqueando as inmensas riquezas naturais da África central tal e como o facían na época colonial. Pero JUSTICE céntrase en experiencias humanas individuais –na nai que perdeu a súa filla, no mozo que perdeu as dúas pernas, en personaxes moi reais que transmiten emocións moi reais tamén. Como a música pode canalizalas e chegar ao máis grande número de persoas? Esta é unha das miñas principais inquietudes actuais.



 


Recentemente gravamos e publicamos o seu cuarteto para saxofóns titulado Fragments Striés (2004), no que Hèctor Parra expresa musicalmente as pinturas de Pierre Soulages, coñecido como “o pintor do negro”. Botádelle un ollo!







Comentarios


LOGO LITORE DEFINITIVO.png
23_04_1917_23_00cliente_ajuntament.png
INAEM 02 CAJETIN ROJO.png
LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page