top of page

ENTREVISTA ÁS NOSAS NAIS

  • Foto del escritor: litorequartet
    litorequartet
  • hace 4 días
  • 11 Min. de lectura

Realizamos entrevistas a compositores, profesores e compañeiros que foron relevantes no noso desenvolvemento como grupo. Hoxe é a quenda de catro persoas que foron, son e serán esenciais en todos os aspectos das nosas vidas: hoxe queremos dedicar este artigo do blog ás nais Lítore!


Para iso, fixémoslles 10 preguntas relacionadas cos nosos inicios na música, os obstáculos do noso camiño profesional e a súa perspectiva sobre o proxecto Lítore. Este é, sen dúbida, un dos artigos máis especiais do noso blog. Podes escoller unha das nais e ler todas as súas respostas, ou ben comparar as respostas de todas pregunta por pregunta. Ti escolles como lelo!


Membros de Lítore Quartet coas súas familias e o compositor Adrián Mocanu despois do concerto en Cerezales del Condado, León. 17/02/2024, auditorio da Fundación Cerezales Antonino y Cinia.
Membros de Lítore Quartet coas súas familias e o compositor Adrián Mocanu despois do concerto en Cerezales del Condado, León. 17/02/2024, auditorio da Fundación Cerezales Antonino y Cinia.

  1. Todos os Lítore comezamos desde moi pequenos coa música e o saxofón. Foi unha decisión que tomou o teu fillo/a por si mesmo/a ou foi idea dos pais?


    A. Foi unha decisión dos pais. Por motivos laborais, Sira e a súa irmá pequena tiñan que desprazarse comigo todos os días para ir á escola onde eu traballaba. Isto facía que non puidesen relacionarse con outros nenos da súa idade da vila onde viviamos. Daimús ten unha Escola de Música de grao elemental, e por iso aproveitei este recurso para favorecer a súa socialización matriculándoas en clases de solfexo e posteriormente na banda xuvenil e na banda de música.


    B. Decidiuno el. Comezou cantando no coro “El Molinet” da súa vila, Molins de Rei, aos catro anos, e gustáballe moito. Aos sete anos espertóuselle o instinto de tocar un instrumento e apuntámolo á Escola Municipal de Música Julià Canals.


    C. A idea de que Hugo comezase coa música foi nosa. Tiñamos varios amigos que eran músicos na Agrupación Musical do Rosal, e iso fíxonos pensar que a actividade musical tamén podía ser interesante para o noso fillo.


    D. Foi unha decisión que tomamos os pais tendo en conta o seu desexo, xa que era moi pequeno cando comezou a estudar música. Na familia xa as súas irmás estudaban música. O do saxofón decidiuno el mesmo; de feito, o seu pai matriculouno en clarinete e tivo que cambiar a matrícula polo saxofón en canto llo dixo Jaime… era saxofón ou saxofón o seu instrumento de conservatorio.



    2. Actualmente a música é a nosa profesión e unha parte moi importante da nosa identidade. Que significaban a música e a arte en xeral para o teu fillo/a durante a súa infancia? Era unha actividade que gozaba, lle era indiferente ou incluso non lle gustaba?


    A. Desde pequena, Sira xa amosaba talento musical. Era unha nena moi disciplinada e gozaba tocando o saxo. En ningún momento mostrou desinterese; sempre foi unha actividade motivadora para ela. En todo momento foi libre de continuar ou abandonar os estudos musicais, sobre todo cando a cousa se puxo máis difícil nos últimos cursos do grao profesional. Isto supuña máis horas de conservatorio (11 horas semanais), ás que había que sumar a presión dos estudos de bacharelato e outras actividades como os estudos teatrais na academia Act & Play e os ensaios de banda.


    B. Música e arte, para min, neste caso, son palabras que van xuntas. Hai que ter arte para tocar música, e a música é unha arte. Era e é unha actividade que gozaba e vivía moi intensamente, e agora vive pola música.


    C. Durante os seus primeiros anos houbo momentos bos e malos, xa que a música é unha disciplina que require dedicación e constancia, que ás veces a Hugo lle faltaban. Aínda así, ir ás clases de música gustáballe, sobre todo polos momentos cos compañeiros. A raíz de entrar a formar parte da Banda do Rosal, a súa motivación pola música comezou a medrar cada vez máis.


    D. Realmente, Jaime desde que comezou gozouno como ninguén. Non tiñamos que estar enriba del para que tocase, estudase ou fose ás clases. É máis, sempre que viñan os avós á casa e lle pedían que tocase algo, non facía falta dicirllo dúas veces: collía o saxo e imitaba o seu profesor.



    3. Todos lembramos momentos difíciles durante os primeiros anos de formación musical. Lembras algunha etapa na que sentises que o teu fillo/a estaba desmotivado/a coa música? Se é así, como se solucionou?


    A. Lembro un profesor de Harmonía que gozaba facéndose o duro co alumnado. Menos mal que o resto do profesorado era máis empático e agarimoso con ela. Para preparar as probas de acceso ao Conservatorio Superior, decidimos apuntar a Sira a clases particulares de harmonía e análise os sábados pola mañá. Tiñamos que desprazarnos a outra localidade a case unha hora de distancia e asumir un gasto económico extra. Con este profesor, Sira perdeu a inseguridade fronte ás probas de acceso, que aprobou cunha moi boa nota, e ademais aprendeu moitos contidos fóra do temario que a motivaron a continuar os estudos superiores.


    B. Nunca a vin desmotivada pola música. Si é certo que nalgunha audición, concerto ou clase ela mesma se autoesixía moito, pero non ía máis alá diso. Quizais no exame de segundo de superior, en plena pandemia, ter que facelo en liña a frustrou, porque sentía que non podía dar todo o que tería dado nun exame presencial.


    C. Durante os anos na escola de música houbo momentos puntuais nos que quería deixar a música porque era pouco constante e iso daba malos resultados académicos. Pero, como dicía antes, desde que entrou na banda ilusionouse ata o punto de presentarse ao acceso ao grao profesional, onde obtivo moi bos resultados. Desde ese momento a súa relación coa música foi boa e indispensable.


    D. A verdade é que non lembro desmotivación. Creo que sempre, e sobre todo de pequeno, gozaba nas audicións e concertos. Si que houbo momentos difíciles con profesores ou pianistas acompañantes, pero soubo saír adiante con resiliencia e co noso apoio incondicional.



    4. Nalgún momento decidimos cursar o grao superior de música como estudos universitarios. Como recibiu a familia esta nova? Tivestes medo dunha inserción laboral difícil?


    A. Este momento foi un pouco complicado. Sira tiña un expediente brillante no bacharelato e mesmo o profesorado do instituto lle aconsellaba optar por outras carreiras con mellores perspectivas laborais. Foi un punto de inflexión, pero malia todo sempre estivemos ao seu carón, dándolle apoio e acompañándoa na súa futura e incerta carreira artística.


    B. Recibímolo con moito entusiasmo, porque era o que el quería. Non se lles poden cortar as ás. É certo que vivir da música é complicado, pero en calquera caso sería un complemento vital. A cuestión é que chegou a vivir dela, tal e como el quería.


    C. Ao principio non estaba convencida de que fose a mellor opción, e moita xente do meu contorno dicíame que non pagaba a pena. Pero co tempo, vendo que era realmente o que lle gustaba a Hugo, cambiei de opinión e apoiámolo en todo.


    D. No caso de Jaime, xa se vía vir desde primaria. O temor á inserción laboral sempre está aí, pero tamén sabemos que con esforzo pódese conseguir o que un se propón.



Lítore Quartet e familiares despois do seu concerto no Centro Botín de Santander. 13/03/2023, Santander.
Lítore Quartet e familiares despois do seu concerto no Centro Botín de Santander. 13/03/2023, Santander.

  1. Lítore Quartet naceu nun momento no que os catro comezábamos, con moita ilusión, un proceso de crecemento persoal e profesional. Que pensastes cando este proxecto comezou? Crías que chegaría ata este punto, tanto en tempo como en percorrido profesional? 


    A. «O roce fai o afecto»: así nace Lítore Quartet. Catro adolescentes de idades moi semellantes que compartían un mesmo interese pola música e o saxofón e que, ademais, convivían xuntos na mesma casa. Esta formación foi un AGASALLO para nós, os pais. Desde os seus inicios como cuarteto de saxofóns, acompañamos, guiamos e axudamos aos nosos fillos porque, sen a nosa axuda —sobre todo económica—, non sería posible. Asistimos aos seus concertos e concursos por diferentes provincias de España, acollémolos na nosa casa e coidámolos como se fosen os nosos propios fillos. Disfrutamos das súas actuacións, sempre tan correctas e profesionais, pero tamén sufrimos xunto a eles en momentos de frustración e decepción, sobre todo en algúns concursos de ámbito estatal. Pero a súa virtude é a resiliencia que teñen: sempre aprenden destas situacións negativas e intentan mellorar para ser mellores músicos e mellores persoas no futuro.


    B. O proxecto pareceme unha marabilla; foi unha boa maneira de implicarse persoalmente nun proxecto musical que, sen dúbida, lles xerou un crecemento persoal e profesional grazas á disciplina e ao bo facer que require un proxecto destas características. A verdade é que non pensaba que chegarían tan lonxe, pero este é un claro exemplo de que o traballo duro e con criterio dá froitos.


    C. Que comezase o proxecto alegróume moito. Estaba convencida de que este proxecto medraría porque sodes xente responsable e moi traballadora, e ademais tendes unha relación persoal moi bonita.


    D. Cando comezou o proxecto, a verdade é que parecíanos moi interesante e ilusionante, xa que formar parte dun grupo implica traballar en equipo, consensuar, ter sempre presentes aos outros compañeiros… todo isto é moi enriquecedor para o crecemento persoal e profesional. Moitos músicos traballan de forma individual, e esa soidade ás veces é máis complicada de xestionar. Eles, ao final, en moitos momentos foron unha segunda familia. Celebrar o éxito ou asumir un fracaso sempre é mellor en compañía.



    6. Somos moi conscientes de que, sen o voso apoio —tanto emocional como económico—, non poderiamos acadar tantos obxectivos. Foi difícil apoiar ao teu fillo/a en algún momento? Se é así, cal foi o obstáculo máis grande?


    A. Ser nai dunha «música» é unha experiencia moi enriquecedora, pero tamén vai acompañada de momentos difíciles, sobre todo nas etapas de formación ou ao longo do proceso de busca da súa propia carreira profesional na música. Os principais obstáculos cos que me atopei (que non son poucos) foron:

    • A incerteza económica e laboral.

    • Estudar música require moitas horas de práctica e dedicación, sacrificando tempo en familia.

    • Apoio constante en desprazamentos, concursos, etc.

    • Custos económicos elevados (instrumentos, cañas —por exemplo— son caras, clases particulares, pianista acompañante, viaxes, manutención cando estuda fóra).

    • Falta de apoio social, xa que a sociedade non valora a música como unha carreira seria.

    • Falta de recoñecemento do esforzo que implica, día tras día, ser músico.

    • Presión psicolóxica e emocional, xa que ao longo do camiño xorden moitas dúbidas. Ansiedade polo futuro profesional da miña filla.

    • A competencia no mundo musical.

    • A frustración que xera un concurso fallido, as críticas, etc., despois de tantas horas de dedicación e estudo.

    • Decisións educativas difíciles, como apoiar á miña filla para que estudase música como carreira ou incluso enviala a outra cidade (Palma de Mallorca) ou país (Zuric) para estudar con bos profesores. O máis importante foi apoiar á miña filla e confiar na súa vocación, respectando sempre as súas decisións artísticas.


      B. Non foi difícil apoialo; creo que calquera pai ou nai con entusiasmo por ver medrar ao seu fillo, e con condicións favorables, faríao custase o que custase.


      C. No ámbito emocional non foi difícil apoiar ao noso fillo a pesar da distancia, xa que tiñamos contacto diario no que falábamos de todo e dáballe apoio. Quizais a parte máis difícil era a económica, xa que a inversión foi alta para unha familia con tres fillos, pero sen dúbida valeu a pena. 


      D. A verdade é que, por sorte, nunca nos foi difícil apoiarlle; todo o contrario, ilusionámonos con cada novo proxecto. Ás veces si se lle echa de menos polo feito de estar lonxe.



      7. Durante os nosos seis anos de traxectoria, creamos un círculo de relacións persoais que tamén engloba ás familias e amigos dos catro. Cal é a relación entre as familias dos Lítore?


      A. En xeral, somos pais comprometidos cos nosos fillos. Nunca houbo comparacións entre eles e sempre respectamos as súas decisións artísticas. Como vivimos en comunidades autónomas diferentes (Galicia, Cataluña e País Valenciano), cada familia estivo presente cando nos precisaron, sobre todo no apoio logístico (transportes, aloxamento, ensaios nas casas familiares, etc.). Por este motivo, a coordinación e o apoio entre familias foi fundamental para manter o grupo a longo prazo, sobre todo cando comezaron hai cinco anos, xa que eran moi novos e con poucos recursos.


      B. A relación da familia Lítore foi e é fabulosa. Todos remamos na mesma dirección; a única cousa que aínda non fixemos é unha viaxe todos xuntos, Lítore e pais. A ver se nun futuro próximo nos organizan un concerto privado para os pais nun bo lugar da península!


      C. A relación entre as familias é bastante próxima, aínda que nos atopamos en lugares diferentes. Ao longo destes anos creamos vínculos e formamos unha familia Lítore. 


      D. É unha relación cordial, de colaboración; pola distancia, ás veces máis con uns que con outros, pero realmente dá gusto pensar que todas estamos aí para acompañalos.



      8. En moitos dos nosos proxectos tivemos a sorte de poder aloxarnos nas casas das nosas familias. Sempre nos coidades e nos tratades con moito afecto, e iso agradecémolo moito. Como é aloxar aos Lítore na túa casa?


      A. Un bo ambiente familiar pode influír positivamente no rendemento e na continuidade do grupo. Cando me tocou acollelos na casa, tentei que houbera un bo ambiente, que estivesen ben alimentados e cómodos. Estiven á súa disposición as 24 horas do día para levalos, recollelos, etc. Pero eu tamén me nutro durante as súas visitas, escoitando música en directo durante os ensaios e tendo conversacións interesantes con eles. Sempre disfrutei desta experiencia como un intercambio, non só como unha «axuda».


      B. A casa transfórmase e é un pracer telo. Ademais respírase xuventude e son hóspedes moi agradecidos. Vivímolo con moita intensidade e ilusión; é como ter fillos durante o tempo que están na casa. Hugo, Jaime, Sira e Miquel, I love you <3.


      C. Sempre é unha alegría recibilos e estamos desexando que volvan pronto. Só esperamos que se sintan cómodos. Unha marabilla. De súpeto, a casa enchese de música, de longas sobremesas, de moita comida, de moitas ilusións compartidas… de moita emoción.


      D. É un verdadeiro pracer, case diría que un luxo, telo na casa e compartir todos estes momentos bos e non tan bos. Non hai diñeiro que o pague… é como ter tres fillos máis. Oxalá teñan a sorte que se merecen na vida!


      9. Que cres que Lítore aportou ao teu fillo/a, tanto persoal como profesionalmente?


      A. As achegas son moitas, tanto a nivel musical como humano. A nivel musical, ao tocar repertorio de máis alto nivel, mellorou as súas habilidades técnicas. Pero tamén aprendeu a cooperar, negociar, comprometerse, etc., reforzando o sentido do deber á hora de ensaiar e estudar. Ademais, o apoio entre compañeiros reforza a seguridade, xa que os éxitos son colectivos. Apréndese a xestionar as frustracións de forma madura, desenvolvense habilidades de comunicación e resolución de problemas. En resumo, o cuarteto non só forma músicos máis completos, senón persoas máis empáticas, colaborativas e comprometidas con esta profesión.


      B. Foi unha experiencia moi positiva. Creo que, ao final, este proxecto foi unha maneira de medrar —e moi rápido— en todos os aspectos: tomar decisións, compartir case todo como o tempo de ensaio, a motivación e incluso o piso, e facer unha vida de adulto maduro sen selo aínda.


      C. Doutra banda, ilusión e motivación polo proxecto; doutra, creo que lle fixo medrar moito como músico en todos os sentidos e proporcionoulle moitas experiencias vitais difíciles de acadar individualmente. E, sobre todo, Lítore déulle amizades moi importantes.


      D. En ambos ámbitos creo que lle aportou moito: persoalmente, pola amizade que creo que conservarán toda a vida, por compartir vivencias e respectar outros puntos de vista; e profesionalmente, pola empuxe e a motivación de saber que, se un falla, falla o grupo, o que leva a superar medos e, posiblemente, a afrontar retos que individualmente quizais non se tería planteado.



      10. Como xa sabedes, queremos que tanto o proxecto como as nosas relacións de amizade continúen activas durante moitos anos máis. Que consello nos daríades para conseguilo?


      A. Manter un cuarteto a longo prazo é un verdadeiro reto, pero tamén unha das experiencias máis enriquecedoras para un músico. Só hai que continuar na mesma liña, con paciencia e respecto. O fundamental son as relacións humanas; só así poderedes superar calquera obstáculo emocional, técnico ou lóxico. Debedes continuar con reunións en liña periódicas, a distribución de tarefas, a toma de decisións conxunta e uns obxectivos comúns para manter viva a motivación. Tamén continuar participando en festivais, concertos, concursos, gravacións, etc., que espertan o voso interese. E, sobre todo, ser flexibles e apoiar a cada membro do cuarteto cando pase por momentos difíciles, tanto persoais como profesionais.


      B. Sodes novos; a clave é non perder o entusiasmo polo proxecto. Superastes unha pandemia, vivestes xuntos e coñecédesvos moi ben. Polo tanto, mentres estedes conectados, motivados e continúedes coidando a vosa relación persoal, será moi fácil seguir adiante vivindo moitas máis experiencias que poderedes contar aos vosos fillos.


      C. O principal consello é que manteñades o respecto e o afecto que tendes entre vós.


      D. É un moi bo obxectivo. Creo que seguir así —con moito respecto, moito afecto, apoiándovos uns aos outros, buscando sempre o consenso e con proxectos que ilusionen aos catro— é a clave.


      Grazas, nais Lítore, por todo o voso apoio incondicional e a confianza nos nosos proxectos. ¡Amámosvos moito!


 
 
 
LOGO LITORE DEFINITIVO.png
INAEM 02 CAJETIN ROJO.png
LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page