O pasado 17 de novembro estreamos na Fundación Cerezales Antonino y Cinia Tras las Augas Leteas, unha obra concibida como unha paisaxe sonora que relata unha travesía fluvial polos ríos do inframundo grego. O seu compositor é o ucraíno Adrian Mokanu, con quen puidnemos convivir e traballar entre os días 13 e 18 de febreiro grazas á Fundación Cerezales Antonino y Cinia e Juventudes Musicales de España.
Fotografía: Juan Luís García
En palabras do propio Adrian, Tras las Augas Leteas "evoca as alegorías dos ríos do inframundo na mitoloxía grega, explorando o seu significado nun contexto máis amplo. Aínda que as augas do Leteo outorgaban o esquecemento completo ás almas para que empezasen desde cero, críase que o río Mnemósine podía devolver a memoria de todas as encarnacións anteriores, permitindo así que a alma alcanzase o estado de omnisciencia. Baseándose nestas alusións, esta obra entrelaza a fluidez constante coa serenidade inalterable, tentando cuestionar os límites de continuidade e temporalidade. Recreando unha paisaxe fluvial que se estende cara a dimensións sen fin, a viaxe sonora convértese nunha metáfora que convida a reflexionar, máis aló dos mitos, sobre a percepción do baleiro tras a morte".
Agora ben, de que maneira se consegue recrear sonoramente esta paisaxe e a súa profunda mensaxe? Nesta ocasión, tivemos que traballar os multifónicos, un recurso moi utilizado por Adrian na súa nova composición e cuxa sonoridade crea o tecido base de toda a obra. Sobre esta textura, que poderiamos comparar coa auga en movemento do río Leteo, emerxen outros recursos sonoros que debuxan e modelan os acontecementos da travesía: sons de aire, tongue rams, reverse slap, bisbigliandos, espectros harmónicos e sons agudos producidos coa técnica de dentes sobre a palleta. Como curiosidade, a obra non usa fórmulas de compás convencionais, senón que divide o texto musical en períodos de 5 segundos con vida propia e unha pequena marxe de espontaneidade. Esta concepción fai necesario o uso de cronómetros durante a súa interpretación para poder sincronizar as diferentes voces. Grazas Adrián, por expresarse a través dos nosos 4 saxofones para debuxar o canle das túas ideas.
Fotografía: Juan Luís García
Con esta experiencia, continuamos escribindo novos títulos na lista de obras estreadas, en liña co noso compromiso por apoiar a composición actual para a nosa formación instrumental e achegarnos aos novos compositores para construír xuntos o esperanzador futuro do cuarteto de saxofóns.
Moi pronto teredes dispoñible a gravación de Tras las Augas Leteas, realizada na sala de exposicións da Fundación Cerezales Antonino y Cinia (Cerezales del Condado, León, España) o pasado 16 de febreiro. Reiteramos o noso máis efusivo agradecemento á Fundación Cerezales e a Juventudes Musicales de España por apoiar aos músicos novos e por facelo con tanto agarimo e profesionalidade. Aquí nos tedes para o que necesitedes!
Comentários