Cando afirmamos que un dos nosos compromisos como grupo é potenciar a creación de repertorio novo para cuarteto de saxofóns e traballar con compositores actuais, non o dicimos de broma. Por segundo ano consecutivo conseguimos a axuda do Instituto Nacional de Artes Escénicas e Música para encargos de composición vinculados a estrea. Tras o encargo da obra Sax Quartet do recentemente galardoado co Premio Nacional de Música, Eduardo Soutullo, o recoñecido compositor e director Salvador Brotons accedeu a compoñer unha obra para nós. Os días 17 e 19 de novembro tivemos o pracer de estreala en Sant Joan de Vilatorrada (Catalunya) e en Daimús (València).
Resiliència. Así puxo por título Salvador Brotons á obra que fixo para nós. Un concepto que, curiosamente, axústase á perfección ao noso devir actual como agrupación. Desde a distancia, a pesar de todas as dificultades loxísticas e económicas, a resiliencia é un elemento chave para seguir construíndo o noso proxecto. Así define o propio Salvador a súa nova obra e o concepto que lle deu vida:
O título da obra é moi Beethoveniano de concepto. Resiliencia é un lema alentador e loitador. A pesar de todas as adversidades que nos atopamos na vida sempre temos que loitar para conseguir os nosos obxectivos. Seguir e ser persistente para conseguir as nosas metas. De feito, a composición dunha obra musical, ten o mesmo reto: A miúdo atopámonos con varios temas que crecen vencendo dificultades, crean conflito e queremos chegar ao final da obra convencidos de que a obra comunicará, terá éxito e non deixará indiferente ao oínte. Esta foi a miña intención ao compoñer este cuarteto.
Non podemos estar máis orgullosos de provocar que un compositor da talla de Salvador Brotons compuxese o seu segundo cuarteto de saxofones despois de 44 anos sen escribir para esta formación. Esperamos gravar a obra moi pronto para que todos a poidades escoitar.
Ademais de realizar a estrea en dous lugares diferentes, tamén aproveitamos a nosa última viaxe a España para reunirnos con Salvador, quen nos escoitou e nos deu interesantes consellos sobre a súa obra. Gràcies, Salvador!
Despois de estrear as obras Sax Quartet de Eduardo Soutullo, June de María José Fontán e Danses i Festes de Pau Cladera, con esta nova estrea apoiamos unha vez máis aos compositores de ámbito nacional e damos vida ao cuarteto de saxofóns, unha voz que cada día ten máis peso no panorama musical. Grazas, Salvador, por contribuír ao mundo do saxofón coa túa música. Desexamos unha longa vida á obra Resiliència, que ademais seguro que nos acompañará en moitas outras aventuras.
Comentarios