SEXTA SESIÓN
11/03/2022
A música é unha forma de expresión humana que, de xeito ineludible, reflicte as características da nosa sociedade en múltiples aspectos. A xerarquía que estruturou a sociedade dende a existencia do ser humano como especie dominou o noso mundo e rematou por instalarse en tódolos ámbitos. Na música conviven elementos protagonistas e secundarios como, sen ir máis lonxe, a melodía e a harmonía. Saber identificar o nivel de relevancia dos elementos musicais é esencial para acadar unha comunicación clara e fluida, que poida chegar ao público de xeito transparente. Nesta sesión traballamos cos roles de dominancia no cuarteto de saxofóns co obxectivo de aumentar ao máximo a nosa capacidade e velocidade de cambio entre os distintos niveis do rango de importancia.
Nesta ocasión, empregamos para a actividade unha das primeiras obras escritas para a nosa formación, o Premier Quatour Op. 53 de Jean Baptiste Singelée. O primeiro exercicio que Carles nos propuxo consistía en establecer un rol de absoluta dominancia dun dos compoñentes do grupo sobre os demais, aillándoo da posición habitual e colocándoo nunha zona central e visible, como se fose un director. Con este exercicio decatámonos de que a permanencia da dominancia nun só compoñente xera incomunicación entre o resto do grupo, froito da sobreatención prestada ao dominante.
De seguido, Carles quixo probar que a unión fai a forza: os tres compoñentes dominados debían “revelarse” contra o dominante e tomar as súas propias decisións musicais. Este exercicio demostrou que unha intención grupal unida ten máis forza que un individuo dominante.
A comunicación do conxunto e o intercambio dos diferentes roles son fundamentais para enganchar ao público e comunicarlle unha idea pronunciada do mesmo xeito polos catro. Porén, ás veces parecemos esquecer que a escasos metros hai un público atento e expectante. Por que non adicar certos intres musicais a falar directamente con este público, a través dun xesto, dunha mirada, dunha intención? Carles nos invitou a aproveitar eses momentos de protagonismo que cada un de nós posúe nalgún momento para probar esta idea de comunicación directa co público.
Ao fin e ao cabo, o intercambio de roles e a capacidade de escoita e reacción ao que os teus compañeiros fan, son a clave para absorber todas as ideas musicais que nacen no grupo e tamén para mostrárllelas ao público da forma máis clara posible.
Comments