CUARTA SESIÓN
27/01/2022
O pasado xoves día 27 de xaneiro levamos a cabo a primeira sesión do noso proxecto Alén da Música do presente ano 2022, coma sempre guiados polo fisioterapeuta e director de escena Carles Expósito (Fisio Taddeo). Nesta ocasión, o noso obxectivo principal foi observar a expresión corporal do grupo e experimentar con ela.
Ás veces, na búsqueda de cohesión musical, afinación e outros parámetros técnicos asociados ao produto sonoro, se deixa nun segundo plano o traballo sobre os aspectos visuais do grupo. Mais estes aspectos non son dunha importancia menor; de feito, estes son cada vez máis relevantes nun mundo que acelera a un ritmo vertixinoso e no que cada vez o elemento visual adquire un maior protagonismo. Na nosa interpretación do Cuarteto en Fa menor de Joseph Haydn, Carles detectou que os xestos do soprano, a voz melódica, eran diferentes aos do tenor, o barítono e o alto, que fan o acompañamento durante maior parte do primeiro movemento. Esta observación levounos ao primeiro exercicio do día: A melodía debía deixar de tocar, pero sen deixar de xesticular. Isto fixo que comezásemos a poñer máis atención na xestualidade dos nosos compañeiros, a impregnar o acompañamento da tensión que a melodía lle engade, mais prescindindo dela.
De Haydn pasamos a Piazzolla e a súa Historia do Tango, unha obra chea de pasións contrastantes que nos serviu para experimentar cos carácteres de cada voz. Non está de máis preguntarse de cando en vez: que quere transmitir a miña voz? Ou, como podo expresar o que transmite a miña voz? Xunto con Carles, analizamos brevemente os movementos de cada un de nós e descubrimos que, mentres que uns se expresan principalmente mediante xesticulación facial, noutros esta característica non é tan destacada en prol do movemento corporal. E, como é ese movemento? Démonos conta da importancia de coñecer os nosos movementos: son ríxidos, suaves, curvos ou bruscos? Parten dunha posición recta do tronco, existe mobilidade nos ombros, as pernas están colocadas dun xeito natural? Esta consciencia corporal é, sen dúbida, o primeiro paso para interiorizar novos movementos e conseguir unha dinámica común que xere un producto visual harmonioso.
Como última serie de exercicios, intentamos xestualizar as liñas das outras voces en lugar da nosa facendo, polo tanto, movementos sen relación co que tocabamos. Tamén probamos a que só un tocase a súa parte e o resto, sen tocar, tiña que xestualizar xunto a el. Isto nos serviu para escoitar con moita máis atención o resto das voces e comprender os xestos dos nosos compañeiros.
Sen dúbida, estre traballo evidencia a necesidade de escoitar o movemento para deixar de moverse como 4 solistas e lograr un xesto único.
Comments