A NOSA PRIMEIRA GRAVACIÓN: THE SOBBING OF THE PHOENIX
A xénese de The Sobbing of the Phoenix
O pasado 11 de marzo fíxose pública a nosa primeira gravación oficial como cuarteto coa obra inédita do xove compositor Aaron Siebert The Sobbing of the Phoenix. Máis aló de tódolos inefables detalles que esta música é quen de transmitir por si mesma, hoxe queremos viaxar a través do camiño que fixo posible a realización deste proxecto e compartir esta experiencia.
As orixes desta peza tiveron lugar ao outro lado do Atlántico, en Rochester, cidade dos EEUU na que Aaron cursou os seus estudos de piano e composición, especializándose na música para cine. A súa composición non tería sido posible sen a existencia do cuarteto de saxofóns Psaiko Quartet e a relación de amizade entre Juan Alonso, saxofón tenor desta agrupación, e Aaron; da que xorde a idea desta peza. Este cuarteto, ao que Aaron adica a súa primeira música para cuarteto de saxofóns, foi o noso precedente no conservatorio e unha das agrupacións de referencia nos nosos inicios.
Baixo a inspiración do cadro Blue Vibrations do artista Rafael Úbeda, Aaron comeza un longo proceso creativo acompañado polos ceos grises e o frío de Rochester, impregnando os pentagramas de suxerentes harmonías que recordan ao mundo da gran pantalla e asaltado, nalgunha que outra ocasión, pola morriña da súa terra. Guiado polos consellos do seu mestre Octavio Vázquez, remata a obra no ano 2019 e é estreada en marzo por Psaiko Quartet no Mallorca Saxophone Festival.
The Sobbing of the Phoenix (O salouco do fénix), divídese en dous movementos: The Drowning of Chilhood (o abafamento da infancia) e The Kingdom of Mourning (o reinado do loito). Esta obra conta a historia dun personaxe frustrado por verse incapaz de trasladar a beleza ao mundo real. Os episodios de impotencia e os berros de desesperación conforman o fío condutor do discurso musical, polo que transcurren episodios tan emocionalmente contrastantes coma un funeral, un renacer inesperado e mesmo o son dunha gaita a ritmo de muiñeira.
Lítore Quartet e Aaron Siebert
A finais do ano 2020 contactamos con Aaron Siebert a través dos nosos compañeiros de Psaiko e puxo á nosa disposición as partituras da obra. Dende entón, comezamos a traballala e a incluila en múltiples concertos e mesmo nalgún concurso. No verán do ano 2021 levamos a cabo a primeira xornada de traballo con Aaron como actividade na nosa xira por Galicia co proxecto Alén, unha experiencia que aumentou o noso interese de gravar a súa peza.
Grazas á sección de xuventude do Ajuntament de Palma puidemos facer fronte aos gastos da gravación, que se levou a cabo no estudo Sonoteque (Palma de Mallorca) o día 18 de decembro do ano 2022. Tivemos a inmensa sorte de poder traballar de novo con Aaron os días previos á gravación e de telo connosco no estudio para guiarnos e aconsellarnos na nosa primeira experiencia neste ámbito.
Estes son o tipo de proxectos que a nós nos gustan especialmente pola cercanía que se establece co compositor, por ver feito realidade o noso propósito de apoiar a estes novos creadores que escriben para a nosa formación, pola rutura da separación entre compositor e intérprete, pola evolución da música e do noso repertorio en particular. Esta foi a nosa primeira gravación oficial, pero isto non fixo máis que comezar!
Podes ver a nosa entrevista falando deste proxecto no seguinte pódcast do programa Andante con Moto da Radio Nacional Clásica!
Comments